DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 10 de novembro de 2006 Páx. 16.571

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 27 de outubro de 2006 pola que se modifica a do 27 de maio de 2005, pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos cales non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa, e se establece o procedemento para a autorización.

A Orde do 27 de maio de 2005 pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos productos pesqueiros e acuícolas dos cales non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa e se establece o procedemento para a autorización (DOG nº 105, do 2 de xuño), modificada pola Orde do 28 de xullo de 2005 (DOG nº 151, do 8 de agosto), establece o procedemento de autorización das empresas, establecementos ou centros que realicen ou pretendan realizar a primeira venda dos produtos pesqueiros conxelados, ultraconxelados, sen transformar ou transformados a bordo ou en instalacións de acuicultura, envasados ou non, e os produtos da acuicultura que non sexan obxecto de primeira venda en lonxa.

Considerando o elevado número e situación actual dos destinatarios da orde e considerando a discriminación respecto das empresas, establecementos ou centros de nova creación dedicados a esta actividade,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse o artigo 5º e a disposición derradeira segunda e engádese unha disposición transitoria da Orde do 27 de maio, que quedan redactados do seguinte xeito:

Artigo 5º.-Prazo de solicitude.

Aquelas persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade sexa obxecto de regulación nesta orde e que vaian realizar a actividade de primeira venda con posterioridade á data da súa entrada en vigor, para poderen desenvolver a devandita actividade terán que solicitar autorización previa á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo se establece no parágrafo seguinte.

As solicitudes poderanse presentar nos rexistros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou nos outros lugares establecidos para o efecto segundo o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administativo común.

O prazo para resolver será de tres meses desde o día seguinte á presentación da solicitude. Se non se notifica a resolución no prazo máximo para resolver entenderase estimada por silencio administrativo.

Disposición transitoria

Para aqueles que xa realicen a actividade con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde e que non presentasen a solicitude ao abeiro da Orde do 27 de maio, establécese un período extraordinario de presentación de solicitudes que abrangue desde o 25 de decembro de 2005 ata o 31 de decembro de 2006. O prazo para resolver será de tres meses contados a partir do día seguinte á data de remate de presentación de solicitudes. O silencio administrativo entenderase positivo para o interesado.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2006.

Camen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES