DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 09 de novembro de 2006 Páx. 16.483

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 194/2006, do 19 de outubro, polo que se establece o procedemento de liquidación dos medios materiais das cámaras agrarias provinciais de Galicia.

A disposición adicional terceira da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, ademais de declarar a disolución das cámaras agrarias provinciais de Galicia, senta as bases para proceder á liquidación dos medios persoais e materiais das corporacións extinguidas, facultando a Consellería do Medio Rural, en canto que ten atribuídas as competencias en materia de agricultura e desenvolvemento rural, para ditar ou, se é o caso, proporlle ao Consello da Xunta de Galicia as normas necesarias para proceder á realización da dita liquidación.

Polo anterior, procede a regulación do procedemento dirixido por un lado á liquidación dos dereitos non reais ou de contido en diñeiro, e por outro á realización do inventario daqueles bens e dereitos que, de conformidade co previsto na disposición adicional cuarta da mesma lei, quedan integrados no patrimonio da Comunidade Autónoma e adscritos á Consellería do Medio Rural.

Polo exposto e en virtude das atribucións que confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro do Medio Rural e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto do presente decreto é establecer o procedemento para levar a cabo a liquidación dos medios materiais das cámaras agrarias provinciais que resultaron extinguidas pola Lei 1/2006, do 5 de xuño.

Artigo 2º.-Comisión liquidadora.

1. As operacións de liquidación dos bens procedentes das extintas cámaras agrarias provinciais serán realizadas por unha comisión liquidadora integrada polos seguintes membros:

a) Presidente: o presidente da respectiva cámara.

b) Secretario: o secretario da corporación.

c) Tres vogais en representación de cada unha das organizacións con representación na cámara, elixidos por estas.

d) Tres vogais en representación da Administración, designados polo delegado provincial correspondente da delegación competente en materia de agricultura entre o persoal da propia delegación.

2. A antedita comisión liquidadora constituirase no prazo de quince días desde a entrada en vigor do presente decreto.

3. O funcionamento da comisión liquidadora axustarase ao previsto no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Operacións de liquidación.

1. A comisión liquidadora de cada cámara agraria elaborará un informe sobre a situación administrativa, orzamentaria e patrimonial da respectiva cámara, no prazo dun mes dende a súa constitución. O dito prazo poderá ampliarse logo de solicitude xustificada ante a Consellería do Medio Rural e polo tempo que esta determine. No dito informe incluiranse:

a) A descrición pormenorizada de todos os bens mobles e inmobles que integraban o seu patrimonio, a súa situación, estado de conservación, cargas e canta información referida a estes poida ser de interese. Xuntarase nota rexistral simple dos bens inmobles pertencentes á cámara agraria correspondente así como títulos de propiedade e demais documentación patrimonial relativa ao inventario de cada cámara.

b) O estado de tesouraría, relación de contas e saldos, dereitos pendentes de cobramento e obrigas recoñecidas no momento de efectuar a liquidación, así como os titulares destas.

2. Para os efectos do establecido no punto anterior, a comisión liquidadora procederá a realizar todos os actos de administración e de disposición de carácter oneroso que sexan necesarios para efectuar a liquidación dos bens, dereitos e obrigas da cámara extinguida. Porén, a comisión liquidadora non poderá realizar actos de disposición que teñan por obxecto bens inmobles.

3. As actuacións que realice a comisión liquidadora de cada cámara agraria desenvolveranse con suxeición a criterios de transparencia e obxectividade de modo que quede garantida unha axeitada liquidación das cámaras agrarias extinguidas, podendo dirixir consultas en calquera momento da liquidación á Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural.

Artigo 4º.-Liquidación de contas.

Para os efectos de levar a cabo a liquidación das contas e posibles depósitos de titularidade das extintas cámaras agrarias provinciais, a Consellería do Medio Rural nomeará dous responsables por cada conta ou contas, para que leven a cabo as referidas operacións de liquidación, de xeito que só se poderán deber nas ditas contas ou depósitos os custos corren

tes propios de funcionamento, tales como auga, electricidade e teléfono, sendo necesaria nos demais casos a autorización expresa do delegado provincial da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da extinta cámara agraria.

Artigo 5º.-Procedemento de aprobación das liquidacións.

1. O informe elaborado por cada comisión liquidadora, xunto cos documentos acreditativos deste e dos posibles actos de administración e disposición que poidesen terse realizado, será remitido á Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural.

2. Unha vez recibidos os informes das comisións liquidadoras sobre a situación administrativa, financeira e patrimonial da respectiva cámara agraria extinguida, a Consellería do Medio Rural ditará orde pola que, previamente á aprobación das operacións liquidadoras, abrirá un prazo de vinte días, mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os que poidesen resultar interesados, aleguen e presenten os documentos e xustificantes que consideren oportunos.

3. Finalizado o prazo de alegacións e co informe sobre estas, se é o caso, da comisión liquidadora da Cámara Agraria que corresponda, a Consellería do Medio Rural, logo de informe da Secretaría Xeral e do Patrimonio e da fiscalización da Intervención Xeral, ambas as dúas da Consellería de Economía e Facenda, ditará orde declarando aprobadas de xeito definitivo as liquidacións practicadas polas respectivas comisións liquidadoras das cámaras agrarias provinciais, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades en que puidesen ter incorrido os liquidadores e da reclamación dos dereitos que lle poidesen corresponder á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Adscrición de bens e dereitos.

De conformidade co disposto no punto primeiro da disposición adicional cuarta da Lei 1/2006, do 5 de xuño, os bens e dereitos non liquidados quedarán, desde a entrada en vigor da orde a que fai referencia o punto terceiro do artigo anterior, incorporados ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e adscritos á Consellería do Medio Rural, mentres non se resolva a súa aplicación definitiva, de conformidade cos criterios establecidos no punto segundo da mesma disposición.

Artigo 7º.-Disolución das comisións liquidadoras.

Rematado o proceso de liquidación de bens, dereitos e obrigas e efectuada a integración do patrimonio das cámaras agrarias provinciais ao da Comunidade Autónoma de Galicia, as comisións liquidadoras correspondentes cesarán nas súas funcións e procederá a súa disolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural