DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 08 de novembro de 2006 Páx. 16.428

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2006 pola que se modifican as bases reguladoras das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables en Galicia, establecidas pola Resolución do 21 de xuño de 2006, no que respecta ao prazo máximo para ditar a resolución de adxudicación.

O Instituto Enerxético de Galicia ditou a Resolución do 21 de xuño de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables en Galicia (DOG do 4 de xullo).

No artigo 12.2º da devandita resolución fixase como prazo máximo para resolver e notificar a resolución o dun mes contado a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Debido a que o dito prazo de presentación de solicitudes rematou o 10 de outubro dos correntes, o prazo para ditar a resolución de adxudicación remataría o próximo de 10 de novembro, pero, tendo en conta a ampliación deste prazo levada a cabo a través desta modificación das bases, o prazo máximo definitivo para resolver rematará o 11 de decembro.

Esta ampliación de prazo vén determinada polo elevado número de solicitudes de axudas presentadas e pola dimensión dos proxectos que as acompañan, o que motiva que o procedemento de análise e avaliación dos repetidos proxectos e a conseguinte resolución dos expedientes se dilate no tempo por resultar moi dificultoso o cumprimento dos anteriores trámites administrativos.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 12.2º, parágrafo segundo, da Resolución do 21 de xuño de 2006, antes citada, que queda redactado do seguinte xeito:

«O prazo máximo para resolver e notificar a dita resolución será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes».

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2006.

Xoán Ramón Doldán García

Director do Instituto Enerxético de Galicia

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA