DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 08 de novembro de 2006 Páx. 16.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2006 pola que se adxudican as axudas correspondentes ao Programa de tecnoloxías da alimentación convocadas no anexo VI, da Orde do 16 de maio de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio), modificada pola Orde do 14 de setembro de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 28 de setembro).

Por orde da Consellería de Innovación e Industria do 16 de maio de 2006 (DOG nº 101, do 29 de maio), modificada pola Orde do 14 de setembro de 2006 (DOG do 28 de setembro), convócanse as axudas para o ano 2006 correspondentes aos programas sectoriais de recursos naturais, tecnoloxías para a innovación e servizos ao cidadán do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica. No anexo VI da devandita orde figuran as axudas correspondentes ao Programa de tecnoloxías da alimentación.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da citada orde da convocatoria, atendendo ás dispoñibilidades de crédito e ás propostas elaboradas pola comisión de selección prevista no punto sexto das bases da convocatoria, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Conceder as axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada de equipos de investigación de universidades, organismos

públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, aos beneficiarios que se relacionan no anexo I desta resolución, nas contías que se sinalan e polo período de tempo indicado, que se computará a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

No anexo II indícanse, por orde de prioridade, as solicitudes que foron consideradas como suplentes. A súa concesión queda condicionada a que se produzan baixas nas axudas concedidas.

Aqueles proxectos que figuran nos anexos I e II con autorización para contratar persoal, deberán realizar a dita contratación conforme as normas establecidas polas bases da convocatoria.

Segundo.-Concederlles as axudas para a realización de proxectos de investigación de centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia aos beneficiarios que se sinalan no anexo III desta resolución.

No anexo IV indícanse, por orde de prioridade, as solicitudes que foron consideradas como suplentes. A súa concesión queda condicionada a que se produzan baixas nas axudas concedidas.

Os proxectos incluídos no anexo IV que así o indican, están cofinanciados nun 75% con fondos Feder na anualidade correspondente ao ano 2006.

As axudas que se relacionan nos anexos I, II, III e IV comprenden a totalidade da subvención necesaria para a realización do proxecto, incrementado nun 15% destinado aos gastos institucionais que a súa execución supón para o organismo a que pertence o investigador responsable.

Terceiro.-Concederlles as axudas para a realización de proxectos de investigación industrial, innovación tecnolóxica, desenvolvemento precompetitivo ou proxectos de demostración de empresas privadas, agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación, aos beneficiarios que se relacionan no anexo V desta resolución.

No anexo VI indícanse, por orde de prioridade as solicitudes que foron consideradas como suplentes. A súa concesión queda condicionada a que se produzan baixas nas axudas concedidas.

Os proxectos incluídos no anexo V e VI que así o indican, están cofinanciados nun 75% con fondos Feder na anualidade correspondente ao ano 2006.

Cuarto.-Concederlles as axudas para dotación de laboratorios e departamentos de I+D de empresas privadas, agrupacións de empresas de carácter privado ou empresas públicas que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación, aos beneficiarios que se relacionan no anexo VII desta resolución.

As axudas incluídas no anexo VII están cofinanciadas nun 75% con fondos Feder.

Quinto.-Para poder percibir as axudas correspondentes, será preciso presentar, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a documentación indicada no punto oitavo da Orde do 16 de maio de 2006 (DOG nº 101, do 29 de maio).

Sexto.-A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación adoptará as medidas necesarias para a instrución dos correspondentes expedientes de gasto.

Sétimo.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibir a subvención correspondente.

Oitavo.-Contra esta resolución poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De non estimar a interposición deste recurso, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2006.

Fernando Xavier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria