DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 08 de novembro de 2006 Páx. 16.419

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 3 de outubro de 2006 pola que se convoca un curso de formación sobre especialista en información xuvenil coa colaboración da Escola Galega de Administración Pública.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, correspóndelle entre as súas funcións a promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a mocidade.

Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información xuvenil.

Neste contexto a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asinou o 19 de xullo de 2006 un convenio de colaboración coa Escola Galega de Administración Pública para a organización de catro edicións dun curso de especialista en información xuvenil, e tres edicións do curso de especialista en mocidade.

Como consecuencia do devandito convenio, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso de especialista en información xuvenil.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Afondar na capacitación das persoas que traballan no ámbito da información xuvenil, co obxecto de que obteñan unha formación máis especializada.

Artigo 3º.-Persoal a que vai dirixido.

Persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Terá prioridade o persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil que teña feito o curso básico de información, orientación e asesoramento á mocidade.

Artigo 5º.-Desenvolvemento.

O curso consta de tres módulos. Terá un carácter semipresencial. As sesións presenciais serán obrigatorias.

A fase teórica das catro edicións levarase a cabo desde decembro de 2006 a abril de 2007.

5.1. Duración: 300 horas.

150 teóricas e 150 prácticas.

Número de edicións: 4.

5.2. Lugar e datas:

A realización das catro edicións desenvolveranse entre decembro de 2006 e decembro de 2007.

A parte teórica de cada edición desenvolverase no prazo de tres meses desde o inicio da primeira sesión presencial.

A data da primeira sesión presencial das distintas edicións do curso seralles comunicada aos alumnos e alumnas seleccionados, indicándolles, o lugar, o día e a hora de comezo.

A fase teórica do curso desenvolverase en modalidade semipresencial e de carácter modular. A parte presencial será obrigatoria, e terá lugar no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, en Santiago de Compostela.

As prácticas realizaranse en centros e servizos de información xuvenil unha vez rematada a parte teórica.

5.3. Nº de prazas: 25 por edición.

Artigo 6º.-Contidos.

* Módulo 1.

50 horas.

Introdución.

Definición de información xuvenil. Información xuvenil e modelos de servizos.

Breve historia da información xuvenil.

A información xuvenil dentro das políticas de xuventude.

A carta europea de información xuvenil.

A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. Antecedentes.

Lexislación galega en materia de mocidade.

Técnicas de información e documentación xuvenil aplicadas a un servizo de información xuvenil.

Posta en funcionamento dun SIX.

Habilidades sociais para informadores xuvenís.

Información xuvenil xeneralista e especializada.

* Módulo 2.

70 horas.

Información xuvenil xeneralista e especializada.

A sociedade da información.

As ferramentas e os conceptos de traballo.

Ferramentas dixitais para a xestión e a difusión da información.

Técnicas e tecnoloxías do traballo informativo nos servizos de información xuvenil.

A dimensión institucional e ética na información xuvenil.

Novos retos para a información dos mozos e mozas: orientación e asesoramento.

As sinerxías de cooperación para unha información xuvenil de calidade.

Mercadotecnia e comunicación global nos servizos de información xuvenil.

* Módulo 3.

30 horas.

A información xuvenil no ámbito escolar e universitario.

As políticas de mocidade e as políticas de educación.

A mocidade e o ámbito educativo: as necesidades informativas dos mozos e mozas en educación secundaria, bacharelato e universidade.

A información na universidade.

Como se considera a información na educación obrigatoria.

A mocidade na sociedade da información. A socialización das tecnoloxías da información e comunicación.

A dimensión institucional e ética da información xuvenil.

* Módulo 4.

150 horas.

Prácticas nunha oficina, centro ou servizo de información xuvenil.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 8º.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou a EGAP poderán fixar a realización das probas que consideren oportunas ou requirir a presentación dun traballo final de prácticas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos cursos. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Artigo 9º.-Validacións de prácticas e cursos.

Ao alumno que leve máis dun ano continuado ou dous alternos traballando nunha oficina ou servizo de información xuvenil seranlle validadas totalmente as prácticas.

Para a homologación das prácticas deberán presentar a documentación necesaria que acredite o tempo traballado como informador xuvenil.

As persoas que teñan feito o curso básico de información, orientación e asesoramento á mocidade terán validado o módulo I.

Artigo 10º.-Modificacións.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou a EGAP poderán modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2006.

Ánxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar