DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 07 de novembro de 2006 Páx. 16.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 193/2006, do 26 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa desde o punto quilométrico 0,520 ao punto quilométrico 0,755.

O Concello de Fene, en sesión celebrada o día quince de setembro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa desde o punto quilométrico 0,520 ao punto quilométrico 0,755 e, na sesión do seis de xullo de dous mil seis, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Este expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o mesmo contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente foi tratado na comisión correspondente previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, o tramo obxecto do proxecto presenta unha circulación de peóns constante debido á situación nesta zona de grande cantidade de vivendas e baixos comerciais, o que en certos tramos, con beirarrúas de largura insuficiente, obriga aos peóns a invadir a calzada, o que supón un alto índice de inseguridade para o tráfico peonil, o que implica un alto risco de accidentes. Así mesmo, procederíase á resolución de posibles problemas puntuais da rede de saneamento separativa de pluviais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa desde o punto quilométrico 0,520 ao punto quilométrico 0,755, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes no presente caso, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e seis de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza