DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 07 de novembro de 2006 Páx. 16.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 192/2006, do 26 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de travesía na estrada provincial 7803 Santiago a Figueiras, punto quilométrico 3,52 ao 4,00.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día vinte e sete de outubro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de travesía na estrada provincial 7803 Santiago a Figueiras, punto quilométrico 3,52 ao 4,00 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Este expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente foi tratado na comisión correspondente previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria co fin de evitar o altísimo risco de accidentes para a vida humana, debido a que a zona se atopa bordeada por edificacións e peches de parcelas que separan os predios da calzada, con distancias variables ao eixe da calzada, dado que non todos se adaptaron ao aliñamento, o que sumado á estreitez da estrada e á intensidade media do tráfico, provoca situacións perigosas tanto para o tráfico rodado como para o peonil.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de travesía na estrada provincial 7803 Santiago a Figueiras, punto quilométrico 3,52 ao 4,00, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes neste caso, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e seis de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza