DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 02 de novembro de 2006 Páx. 16.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de outubro de 2006 pola que se prorroga a autorización a conservatorios de música de titularidade municipal para impartir, con carácter provisional durante o ano 2006-2007, os graos elemental e/ou medio das ensinanzas de música.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma de Galicia a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 585/2005, do 29 de decembro (DOG do 9 de xaneiro de 2006), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden estas competencias.

Os conservatorios de música de titularidade municipal levan a cabo un importante labor no fomento, difusión e extensión das ensinanzas de música por todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e teñen unha grande importancia para o desenvolvemento integral dos nenos e mozos, contribuíndo así ao enriquecemento da vida cultural dos concellos.

Por Orde do 26 de setembro de 2005 (DOG do 14 de outubro) autorizáronse determinados conservatorios de música de titularidade municipal a impartir, con carácter provisional durante o ano escolar 2005-2006, os graos elemental e/ou medio das ensinanzas de música.

Tendo en conta que os conservatorios que no anexo desta orde se reflicten, non remataron as obras para obter a correspondente autorización definitiva e co obxecto de garantir a continuidade dos seus estudos do alumnado que está a cursar estudos de música nestes conservatorios, e logo do compromiso escrito dos concellos titulares deses centros de levar a cabo as actuacións necesarias para dar cumprimento efectivo aos requisitos mínimos de instalacións e de currículo, co fin de que se lles poida conceder a autorización definitiva, é polo que esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar os conservatorios de música de titularidade municipal que figuran no anexo a esta orde, para impartir, con carácter provisional durante o ano escolar 2006-2007, os graos elemental e/ou medio das ensinanzas de música.

Segundo.-Os órganos competentes dos concellos titulares destes conservatorios teñen a obriga de cumprir o compromiso adquirido de levar a cabo todas as actuacións necesarias nestes centros educativos para adaptalos aos requisitos mínimos exixidos regulamentariamente e coa antelación suficiente para poder tramitar e conceder a correspondente autorización definitiva antes do inicio do ano escolar 2007-2008.

Disposión derradeira

Facúltanse as direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e a de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: O Carballiño.

Localidade: O Carballiño.

Código do centro: 32016522.

Titular: Concello do Carballiño.

Centro: conservatorio profesional de música do Carballiño.

Autorización provisional: grao medio.

Concello: Ribadavia.

Localidade: Ribadavia.

Código do centro: 32016546.

Titular: Concello de Ribadavia.

Centro: conservatorio profesional de música de Ribadavia.

Autorización provisional: grao medio.

Concello: Xinzo de Limia.

Localidade: Xinzo de Limia.

Código do centro: 32016534.

Titular: Concello de Xinzo de Limia.

Centro: conservatorio profesional de música de Xinzo de Limia.

Autorización provisional: grao medio.

Provincia: Pontevedra.

Concello: A Guarda.

Localidade: A Guarda.

Código do centro: 36024288.

Titular: Concello da Guarda.

Centro: conservatorio elemental de música da Guarda.

Autorización provisional: grao elemental.

Concello: Ponteareas.

Localidade: Ponteareas.

Código do centro: 36018367.

Titular: Concello de Ponteareas.

Centro: conservatorio profesional de música Reveriano Soutullo de Ponteareas.

Autorización provisional: grao medio.