DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 30 de outubro de 2006 Páx. 15.983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2006, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Ulla e se fixa o período e condicións para presentar solicitudes para a súa adxudicación no vindeiro ano 2007.

De conformidade coa disposición adicional cuarta da Orde do 22 de febreiro de 2006, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada de 2006, en que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Ulla e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado desta pesca, establécese un réxime especial de pesca da antedita especie para o vindeiro ano 2007 nos tramos e coas limitacións que a continuación se indican, ás que se deberán ater as persoas autorizadas como titulares, así como as autorizadas para pescar nelas:

* Nas pesqueiras de Areas e Vellas deberán deixar libre a canle central do río, non podendo traballar na denominada vea.

* O período de pesca será: desde o lugar de Areas (Herbón) ata o lugar denominado Vellas ambos inclusive, do día 7 de xaneiro ao 30 de marzo; e no tramo comprendido desde a canle de Herbón ata o lugar das Pesqueiras (parroquia de Reis) do 5 de febreiro ata o 30 de abril.

* A pesca só poderá practicarse desde as pesqueiras tradicionais, detalladas no anexo, debendo empregar redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

* As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 ata as 8.00 horas.

* Prohíbese a realización dos labores de pesca, debendo levantarse as redes das pesqueiras, desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

* Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

* Serán devoltos ás augas ou entregadas aos axentes que o soliciten, todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

* En todo momento, deberán colaborar cos axentes de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, seguindo as súas instrucións.

* O mesmo día que remate o réxime especial procederase a retirar as artes de pesca.

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial. Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular; se nun mesmo posto hai varios titulares responderán conxunta e solidariamente.

Os permisos para toda a temporada estarán á venda a partir do 18 de decembro de 2006.

Xunto cos permisos entregarase un cuestionario de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e deberá estar sempre á disposición dos axentes de Conservación da Natureza. Unha vez rematada a temporada será entregado no Servizo de Conservación da Natureza. O cumprimento deste requisito será indispensable para poder obter permiso para a próxima temporada.

No caso de que a pesqueira a traballe unha persoa distinta do seu titular aquel, para a obtención dos citados permisos, deberá acreditar no Servizo de Conservación da Natureza estar autorizado polo do titular desta.

O Servizo de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido da presente normativa adoptando medidas axeitadas.

Prazo para presentar as solicitudes:

Co obxecto de adxudicar as pesqueiras para a pesca da lamprea, acordo abrir o prazo para que os titulares das pesqueiras do río Ulla presenten a súa solicitude:

-O dito prazo estará aberto desde a publicación da presente resolución ata as 14.00 horas do día 20 de novembro de 2006.

-Coa solicitude deberán presentar copia do DNI e a documentación que acredite a titularidade da pesqueira no Servizo Provincial de Conservación da Natureza, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta, Pontevedra.

-A pesqueiras solicitadas serán as que se relacionan no anexo.

Pontevedra, 5 de outubro de 2006.

Juan Francisco Froján Fontán

Delegado provincial de Pontevedra

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA