DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 30 de outubro de 2006 Páx. 15.981

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2006, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, no vindeiro ano 2007.

De conformidade coa disposición adicional cuarta da Orde do 22 de febreiro de 2006, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada de 2006, en que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas

normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesca, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2007 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a confluencia do Tea co río Miño, coas limitacións que a continuación se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público que celebre o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, na data, a hora e o lugar que se fará público, no que se indicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios que se empreguen serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en saínte sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non superará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre estacas ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licenza de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou espantar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.

-O período hábil de pesca será desde o 22 de xaneiro ata o 30 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán as 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Requisitos que hai que seguir na instalación das estacadas:

* Deberán estar debidamente numeradas e situadas de conformidade co recollido no anexo, onde as fixe sobre o terreo o persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e ningún caso se poderán montar as estacadas fóra do lugar establecido, nin se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de 2 estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

* Deberán ter acceso desde terra e en ningún caso as dimensións das estacadas superaran a metade do río.

* Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servizo de Conservación da Natureza, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial.

* Na iluminación da estacada só se poderán utilizar bombillas, quedando prohibido focos ou similares.

* Finalizado o réxime especial o día 30 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retirar as estacadas e demais instalacións, deixando a contorna libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas no refuxio da Freixa ou no Servizo Conservación da Natureza, rúa Benito Corbal, 47-5ª planta.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán todas as persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non podendo causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licenza especial para embarcación (licenza clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondese no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza revisará cada estacada e, cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

Se durante a temporada de pesca da lamprea as axentes observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa poderanlle retirar, nese intre, os permisos que lle resten, sen dereito á devolución do seu importe.

O Servizo de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido desta normativa adoptando as medidas axeitadas.

Sorteo de postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 9 de xaneiro de 2007, ás once horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servizo de Conservación da Natureza, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta (Pontevedra) desde o día seguinte ao da publicación desta normativa ata ás 14.00 horas do 20 de novembro do 2006.

A zona de pesca está comprendida entre a Ponte do Ferrocarril e a Praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá logo de presentación do DNI, pola orde obtida no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a temporada logo de pagamento do prezo público que corresponda e presentación da licenza de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores xuntándose na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece reflectido en máis dunha solicitude, procederase á súa anulación.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Se quedase algún posto vacante sortearase entre os pescadores que, por razón do sorteo e estando incluídos nel, non tivesen opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o número de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ao sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas, que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición dos axentes de Conservación da Natureza. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 5 de outubro de 2006.

Juan Francisco Froján Fontán

Delegado provincial de Pontevedra

ANEXO

Estacadas do río Tea 2007.

Lonxitude total: 12.412 metros.

Nº estacadaDistancia (m)

Ponte do ferrocarril a 121

1 a 2139

2 a 360

3 a 450

4 a 560

5 a 6370 (ponte romana/ponte PO-412)

6 a 7100

7 a 8105

8 a 970

9 a 10305

10 a 11100

11 a 12120

12 a 13120

13 a 14100

14 a 15352

15 a 1650

16 a 17677

17 a 18173

18 a 19280 (ponte Cordeiro)

19 a 201.160

20 a 21120

21 a 22400

22 a 23100

23 a 24290

Nº estacadaDistancia (m)

24 a 25210

25 a 26200

26 a 271.350

27 a 281.850

28 a 29220

29 a 30 300 (ponte das Partidas)

30 a 31100

31 a 32100

32 a 33100

33 a 34 590

34 a 35100 (desembocadura Uma)

35 a 36350

36 a 37110

37 a 38110

38 a 39110

39 a 40120

40 a 4190

41 a 42120

42 a 43120

43 a 44160

44 a 45210

45 a 4680

46 a 47150

47 a 48100

48 á praia da Mocadeira120