DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 30 de outubro de 2006 Páx. 15.979

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 28 de outubro de 2006 pola que se convocan para o ano 2006 as axudas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos, regula o réxime xurídico das parzarías e arrendamentos rústicos-históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial e que compoñen no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia. Esta lei establecía que as parzarías e os arrendamentos rústicos-históricos que estivesen vixentes na data da súa entrada en vigor quedarían prorrogados ata o 31 de decembro de 2005.

A publicación da Lei 6/2005, do 7 de decembro de 2005, pola que se modifica a Lei 3/1993, do 16 de abril, introduce unha nova prórroga nos arrendamentos rústicos-históricos e nas parzarías ata o 31 de decembro de 2010.

Ao abeiro desta lei, e coa finalidade de recoller as modificacións introducidas nela así como a necesaria adaptación aos cambios xurdidos na normativa estatal e autonómica, e a aplicación das directrices comunitarias, aprobouse o Decreto 182/2006, do 26 de outubro, polo que se establecen medidas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro, fixándose un réxime de axudas para aquelas persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías que exerzan o seu dereito de acceso á propiedade.

As axudas recollidas no referido decreto cumpren, cos requisitos exixidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e co establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C 28/02).

Así mesmo, o Decreto 182/2006, do 26 de outubro, establece, con carácter indefinido, as bases reguladoras das axudas para aquelas persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías que exerzan o seu dereito de acceso á propiedade, sendo preciso realizar a convocatoria correspondente a este ano 2006.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

É obxecto desta orde o establecemento da convocatoria para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para facilitarlles o acceso á propiedade ás persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías, de acordo coas bases reguladoras previstas no Decreto 182/2006, do 26 de outubro, polo que se establecen medidas para facilitarlles o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acollerse a estas axudas deberanse cumprir os requisitos establecidos no Decreto 182/2006, do 26 de outubro.

2. Estas axudas teñen por finalide facilitarlles o acceso á propiedade ás persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías que de conformidade co previsto na Lei 3/1993, do 16 de abril, exerzan o dereito de acceso á propiedade xudicialmente ou mediante acordo extraxudicial.

Artigo 3º.-Prazo e presentación das solicitudes.

1. Para a convocatoria 2006 e en cumprimento do artigo 42 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. As solicitudes de axudas presentaranse preferentemente nas delegacións provinciais da Consellaría do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ao modelo establecido no anexo I do Decreto 182/2006, do 26 de outubro, xuntando toda a documentación establecida no seu anexo III.

3. De conformidade co previsto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006 a presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, acreditativas de atoparse ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, quedan exentos de xustificar o cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios das axudas especificadas no artigo 41.1º g) da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2006.

Artigo 4º.-Xustificación e pagamento.

O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos no anexo III do antedito decreto, e tras a achega polo beneficiario dos xustificantes de pagamento que terán que ser presentados no prazo de dez días hábiles, que comenzarán a contar o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 5º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas desta convocatoria existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 por un total de douscentos corenta mil euros (240.000 A), na aplicación orzamentaria 11.02.422D.770.0, axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos históricos.

A concesión das axudas quedará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas as cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar as instrucións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural