DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 30 de outubro de 2006 Páx. 15.979

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 25 de outubro de 2006 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 350 millóns de euros.

Con base no artigo 29.1º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 10/2006, do 26 de xaneiro, polo que se regula a débeda da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2006, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dite as disposicións necesarias para tal efecto.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 9 de xuño obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 350 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións na conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, coas modificacións introducidas pola Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamento e liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:

Importe: 350 millóns de euros.

Data de emisión: 2 de novembro de 2006.

Data de desembolso: 2 de novembro de 2006.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

Subscrición: será realizada directamente polas entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando en nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 31 de outubro de 2006.

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública en anotacións, Iberclear, S.A., na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Cupón: o pagamento do cupón será anual e vencerá o día 2 de novembro de cada ano. Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Tipo de xuro: anual do 1,896%, axustado en función do incremento do índice de prezos de consumo harmonizado da euro área excluído o tabaco (HICP ex tobacco), calculado por Eurostat.

Data de amortización: 2 de novembro de 2016.

Importe de amortización: ao final da vida da operación, nun só pagamento e ligada ao incremento do índice de prezos de consumo harmonizado da euro área excluído o tabaco (HICP ex tobacco), calculado por Eurostat.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda