DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 27 de outubro de 2006 Páx. 15.922

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 182/2006, do 26 de outubro, polo que se establecen medidas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 27.4º e 5º, en concordancia co artigo 149 da Constitución española, outórgalle competencias exclusivas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de desenvolvemento das institucións de dereito civil galego, así como das normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos, regula o réxime xurídico das parzarías e arrendamentos rústicos-históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial e que compoñen no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia. Esta lei establecía que as parzarías e arrendamentos rústicos-históricos que estivesen vixentes na data da súa entrada en vigor quedarían prorrogados ata o 31 de decembro de 2005.

Ao abeiro da Lei 3/1993, aprobouse o Decreto 381/1998, do 29 de decembro, polo que se establecían medidas para facilitar o acceso á propiedade

a titulares de arrendamentos históricos e parzarías recollidos na dita lei, non obstante, un número considerable deles, pese ás medidas previstas na lei, continuaban pendentes de poder acceder á propiedade ao esgotarse o período de prórroga das parzarías e arrendamentos rústicos históricos.

Co obxecto de que as persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías poidan favorecerse das medidas previstas para facilitar o acceso á propiedade, aprobouse a Lei 6/2005, do 7 de decembro de 2005, polo que se modifica a Lei 3/1993, no senso de prorrogar os arrendamentos rústicos históricos e as parzarías, a que se refire a lei modificada, ata o 31 de decembro de 2010.

Por outra parte, o Regulamento (CE) Nº 1257/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, sobre a axuda o desenvolvemento rural a cargo do FEOGA, establece no capítulo V, título IV, artigo 51, a posibilidade de que os estados membros poidan adoptar, por conta deles, medidas de apoio ao desenvolvemento rural.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario, en particular o establecido no seu punto 4.1 referente ás axudas ao investimento nas explotacións agrícolas, son de aplicación no que respecta ás axudas que regula este decreto.

O propósito deste decreto é a adaptación da norma que regulaba as axudas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías, ás modificacións xurdidas na normativa comunitaria, estatal e autonómica con posterioridade á publicación do Decreto 381/1998.

As axudas previstas neste decreto deben cumprir cos requisitos exixidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, (modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo) polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario (2000/C 28/02).

En consecuencia, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

É obxecto deste decreto o establecemento dunhas liñas de axudas e as súas bases reguladoras, co fin de facilitarlles aos titulares de arrendamentos históricos e parzarías de predios rústicos situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, aos cales se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro, o exercicio do dereito de acceso á propiedade dos predios arrendados ou levados en parzaría.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias das axudas.

Poderán beneficiarse das axudas previstas neste decreto aquelas persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías que de conformidade co previsto na Lei 3/1993, do 16 de abril, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro, exerzan o dereito de acceso á propiedade xudicialmente ou mediante acordo extraxudicial.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

1. As persoas que queiran acollerse a estas axudas, no momento de presentación da solicitude, deberán acreditar:

a) A condición de agricultor profesional.

b) Ser titular dunha explotación agraria, economicamente viable.

c) Posuír as competencias e habilidades suficientes.

e) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar animal.

f) Estar afiliado ao réxime da Seguridade Social que corresponda.

g) Estar ao día das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

h) Presentar a correspondente solicitude, que sempre será posterior á adquisición dos bens, e no prazo establecido na correspondente convocatoria de axudas.

2. No caso de que a persoa que solicite estea xubilada, poderáselle conceder a axuda sempre que no seu cónxuxe ou nalgún dos seus descendentes con que conviva, concorran os requisitos establecidos no punto anterior para a persoa beneficiaria, e traballen na súa explotación.

3. En calquera caso, as persoas que resulten beneficiarias destas axudas, teñen que comprometerse, durante os seis anos posteriores á súa aprobación a:

a) Manter a explotación e cultivar os predios adquiridos.

b) Permanecer no réxime da Seguridade Social que lles corresponda.

c) Non allear os predios adquiridos.

Artigo 4º.-Liñas de axuda.

As axudas, en réxime de reintegro de custos, poderán consistir en:

a) Subvención directa de capital.

b) Subvención de tramitación.

Artigo 5º.-Subvencións directas de capital.

1. Para o cálculo do importe da subvención directa de capital aplicarase a porcentaxe do 35 por cento ao valor atribuído á superficie total do predio ou dos predios adquiridos, tendo en conta que a dita porcentaxe se aplicará sobre un montante máximo de 14.000 euros por hectárea, non podendo superar en ningún caso a cantidade de 100.000 euros.

2. Cando a superficie obxecto da compra forme parte dunha explotación intensiva hortofrutícola ou vitivinícola, cualificada como tal segundo informe preceptivo que emitirán os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural, a valoración por hectárea poderá ser superior á establecida no punto anterior,

motivándose no propio informe o incremento de valor, pero respectando en todo caso o límite máximo de 100.000 euros.

3. Cando se acredite que na superficie adquirida existen edificacións, o valor delas tamén poderá ser obxecto da subvención sempre e cando estas formasen parte do contrato orixinario, acreditación que se realizará por calquera dos medios de proba admitidos en dereito. Para os ditos efectos, na escritura pública de alleamento farase constar, por instancia do comprador, separadamente o valor das edificacións e o dos predios. En todo caso, na suma do valor da superficie e das edificacións respectarase o límite máximo de 100.000 euros.

Artigo 6º.-Subvencións de tramitación.

Poderá subvencionarse, en concepto de gastos de tramitación, ata un máximo de 480 euros para gastos de asesoría e, no caso de acudir á vía xudicial, ata un máximo de 180 euros para gastos xudiciais, sen que en ningún caso se supere o 5 por cento do valor atribuído á superficie total do predio ou dos predios adquiridos, tendo en conta que a dita porcentaxe se aplicará sobre un montante máximo de 14.000 euros por hectárea.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axudas presentaranse preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será o que se determine na respectiva convocatoria.

3. As solicitudes formalizaranse no impreso oficial que se inclúe como anexo I deste decreto.

Artigo 8º.-Acreditación dos requisitos relativos ás persoas solicitantes e á súa explotación.

O cumprimento dos requisitos das persoas solicitantes así como da súa explotación, acreditarase mediante a presentación dos documentos indicados no anexo III deste decreto.

Artigo 9º.-Tramitación das solicitudes.

1. Cada solicitude presentada conforme o previsto no artigo 7º deste decreto xunto coa documentación complementaria, constituirá un expediente, que será tramitado e resolto pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

2. Unha vez examinadas as solicitudes presentadas, a Consellería do Medio Rural reclamará a xustificación do cumprimento dos requisitos exixidos neste decreto para poder ser beneficiaria/o de calquera das liñas de axuda establecidas nel.

3. Coa solicitude de axuda achegaranse, en todos os casos, certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), da Consellería de Economía e Facenda e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativos de atoparse ao día das súas obrigas con estas e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 10º.-Criterios de prioridade.

1. As axudas previstas neste decreto concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

2. As resolucións estimatorias ditaranse consonte os seguintes criterios de prioridade.

a) Solicitudes do ano anterior que, cumprindo cos requisitos, non obtivesen axuda por limitacións orzamentarias, 10 puntos.

b) Antigüidade do arrendamento ou parzaría, anterior ao ano 1942, 1 punto por cada ano ou fracción ata un máximo de 10 puntos.

c) Se a solicitante é muller, 5 puntos.

d) Superficie do predio adquirido, excluídas as edificacións, 2 puntos por hectárea ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

e) Edificación adquirida destinada a vivenda habitual, 5 puntos.

Artigo 11º.-Instrución e selección das solicitudes.

1. As solicitudes que cumpran cos requisitos serán valoradas pola comisión de avaliación creada para tal fin, segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 10º deste decreto.

2. A comisión de avaliación estará presidida polo subdirector xeral de Infraestruturas Agrarias, composta ademais polo xefe do Servizo de Reforma das Estruturas como vogal, e un funcionario pertencente á unidade administrativa responsable da tramitación destas axudas que actuará como secretario.

3. Unha vez valoradas as solicitudes, a comisión de avaliación trasladará o correspondente informe ao director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, quen formulará a proposta de resolución, que será elevada ao conselleiro do Medio Rural.

Artigo 12º.-Resolución.

O expediente será resolto polo conselleiro do Medio Rural, quen en vista da proposta de resolución formulada polo director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, ditará a resolución de concesión das axudas, que serán notificadas a cada beneficiaria/o.

O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de seis meses contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Trancorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a interesada ou o interesado poderá entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 13º.-Formalización da axuda.

1. As persoas beneficiarias das axudas reguladas neste decreto, previamente ao libramento dos fondos, virá obrigado a comunicarlle á Consellería do Medio Rural, nun prazo máximo de 10 días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución definitiva, a aceptación da axuda e a garantir o cumprimento de compromisos, mediante a remisión do anexo II debidamente cuberto.

2. Por causas sobrevenidas durante o período de vixencia dos compromisos, a Consellería do Medio Rural, de forma explícita, poderá eximir do cumprimento de todos ou algún dos compromisos adqui

ridos cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Incapacidade permanente.

b) Catástrofe natural ou accidentes que afecten gravemente a explotación.

c)Expropiación total ou dunha parte importante da explotación.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas neste decreto e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran as condicións previstas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 16º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera establecida por outras administracións públicas para o mesmo fin, agás no caso de accións que pola súa singularidade, en canto ao seu alcance e ás súas repercusións, así o requiran.

En todo caso, a persoa beneficiaria presentará antes do pagamento das axudas, unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin polas distintas administracións públicas competentes.

Artigo 17º.-Reintegro das axudas.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación deste decreto ou na respectiva orde de convocatoria, esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a patir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación ás persoas beneficiarias das axudas reguladas neste decreto o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Créditos orzamentarios.

O crédito anual que se destine a atender as axudas derivadas da aplicación deste decreto que dará determinado pola Lei de orzamentos xerais de cada exercicio.

Segunda.-Escrituras públicas outorgadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

A diferenza do valor das edificacións e dos predios a que fai referencia o artigo 5º.3 deste decreto, para aquelas escrituras públicas do alleamento outorgadas con anterioridade á entrada en vigor del, acreditarase mediante informe emitido polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural.

Terceira.-En todas as cuestións non previstas neste decreto, será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto, e expresamente o Decreto 381/1998, do 29 de decembro, polo que se establecen medidas para facilitar o acceso á propiedade dos arrendatarios e parceiros a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO III

Documentación que teñen que presentar os solicitantes.

-Copia compulsada da escritura de adquisición, onde se acredite a condición de arrendamento ou parzaría histórica.

-Relación de gastos, cos seus xustificantes, obxecto da subvención.

-Fotocopia compulsada do DNI en vigor.

-Informe de vida laboral da persoa solicitante, e outros traballadores da explotación, de ser o caso, expedido pola Tesouraría Territorial da Seguridade Social.

-Copia compulsada da declaración da renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ao último exercicio sobre o que teña vencido o prazo para a presentación en período voluntario ou unha certificación expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

-Certificado expedido pola Consellería de Economía e Facenda acreditativo de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

-Certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria acreditativo de non ter débedas coa Administración do Estado.

-Certificado expedido pola Tesouraría Territorial da Seguridade Social de atoparse ao corrente no pagamento das cotizacións.

-Folla de saneamento gandeiro, de ser o caso.

-Certificado de explotación prioritaria, de ser o caso.

-Certificado da correspondente entidade bancaria da conta da persoa beneficiaria a quen se lle aboará a correspondente axuda.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin polas distintas administracións públicas competentes.

-Outros documentos en función da axuda solicitada.