DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 27 de outubro de 2006 Páx. 15.922

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 181/2006, do 19 de outubro, polo que se declara de interese público a compatibilidade da impartición de ensinanzas de música e artes escénicas, artes plásticas e deseño coa actividade realizada noutro posto do sector público cultural.

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas establece, con carácter de normas de bases do réxime estatutario da función pública, que o persoal comprendido no seu ámbito de aplicación non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo ou actividade no sector público, agás nos supostos previstos nela.

O artigo 3 da mesma lei prevé a posibilidade de que os órganos de goberno das comunidades autónomas poidan determinar a compatibilidade do desempeño dun segundo posto por razón de interese público.

Resulta necesario tipificar como de interese público, para os efectos de compatibilidade, determinados supostos de actividade pública nas ensinanzas artísticas, o que vai permitir nestas ensinanzas a desexable vinculación entre o exercicio profesional e a actividade docente, de xeito que o persoal que as exerce poida impartir docencia e, á súa vez, o persoal docente poida exercer a profesión correspondente. Non obstante, a segunda actividade deberá ser de duración determinada, a tempo parcial, e en réxime laboral.

Na súa virtude, por iniciativa da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declárase de interese público, de acordo e cos efectos previstos no artigo 3 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, o exercicio da docencia nas ensinanzas de música e artes escénicas e artes plásticas e deseño, co desempeño dos seguintes postos de traballo e actividades:

a) Instrumentista, cantante ou director en orquestra sinfónica, banda sinfónica, ou coro de titularidade pública.

b) Intérprete, escenógrafo, director ou actividade artística relacionada coa arte dramática en compañía de titularidade pública.

c) Bailaríns, coreógrafos ou director en compañía de danza de titularidade pública.

d) Profesional da restauración que desenvolva a súa actividade en institucións públicas.

2. En calquera caso, o desempeño do segundo posto de traballo ou actividade deberá ser en réxime laboral, a tempo parcial, e con duración determinada, e requirirá a previa e expresa autorización de compatibilidade.

A autorización de compatibilidade a que se refire o parágrafo anterior efectuarase en razón do interese público, e requirirá o cumprimento dos restantes requisitos exixidos na normativa de incompatibilidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza