A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece nos seus artigos 55 e 69 que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión.
En desenvolvemento do anterior publicouse a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, que establece a capacidade do consello social para acordar, dentro dos límites fixados pola comunidade autónoma, a asignación singular e individualizada de retribucións adicionais ligadas a méritos docentes, investigadores e de xestión, e o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, que establece estas retribucións adicionais para o profesorado contratado das universidades.
Posteriormente publicouse o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, remitindo nos seus artigos 4 e 8 e na súa disposición transitoria a un protocolo de avaliación dos méritos e circunstancias específicas destes complementos retributivos.
O protocolo de avaliación que se publica a través desta orde afecta os dous complementos pendentes de desenvolvemento: o de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e o de recoñecemento polos cargos de xestión. Complétase así o desenvolvemento dos catro complementos establecidos polo citado Decreto 55/2004, xa que o complemento de recoñecemento ao labor docente e o complemento de recoñecemento ao labor investigador, foron desenvolvidos con anterioridade a través da Orde do 16 de abril de 2004, modificada pola do 11 de abril de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 8 de maio), pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os referidos complementos.
A finalidade desta regulación é a de recoñecer, fomentar e incentivar a actividade docente, investigadora e de xestión de calidade do persoal docente e investigador das universidades públicas de Galicia, polo que se desenvolven estes complementos
dirixidos a operar sobre as áreas máis significativas da actividade do persoal docente e investigador: docencia, investigación e xestión.
Nesta orde regúlanse dous procedementos, ligados entre si, pero claramente diferentes. Por un lado, o procedemento de valoración previa de méritos e circunstancias que vai realizar a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e por outro a asignación dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, a proposta dos respectivos consellos de goberno, diferenciando así os actos administrativos que emite cada administración e dos cales derivarán os correspondentes recursos.
Por último a consellería establece o réxime de convocatorias que deberá realizar a ACSUG e os efectos económicos do pagamento en caso de que as universidades asignen os referidos complementos.
O 25 de setembro de 2006, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia dá traslado dos acordos do Consello de Dirección e da CGIACA relativos á aprobación do protocolo de valoración referente aos complementos retributivos que agora se desenvolven.
En virtude do anterior, así como no disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 55/2004, esta consellería
DISPÓN:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é publicar o protocolo de avaliación a que se refire o artigo 8 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, para o efecto de que os profesores coñezan os criterios, méritos e procedemento de valoración previa das solicitudes pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e posterior asignación polas universidades dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e complemento de recoñecemento polos cargos de xestión.
Artigo 2º.-Destinatarios.
1. De acordo co establecido no artigo 6.3º do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, establécense como requisitos específicos para solicitar o complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora polo persoal docente e investigador das universidades públicas do sistema universitario de Galicia:
1º Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas de Galicia.
2º Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.
3º Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza.
4º Ter recoñecidos dous quinquenios de docencia pola universidade pública.
5º Ter recoñecido un sexenio de investigación pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora.
2. De acordo co establecido no artigo 6.4º do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, establécense como requisitos específicos para solicitar o complemento de recoñecemento polos cargos de xestión polo persoal docente e investigador das universidades públicas do sistema universitario de Galicia:
1º Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamentos, director de instituto universitario ou calquera outro cargo previa equiparación realizada pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación.
2º Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.
Artigo 3º.-Retribucións.
1. De conformidade cos artigos 4 e 5 e a disposición derradeira primeira do Decreto 55/2004, esta consellería establecerá anualmente a contía retributiva dos tramos para os diferentes complementos.
2. En relación ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, as retribucións que corresponda percibir aos solicitantes, en función dos tramos que obtivesen coa puntuación alcanzada na valoración básica a que se fai referencia no artigo 5º, serán consolidables. As retribucións que correspondan, en función dos tramos que obtivesen coa puntuación alcanzada na valoración adicional, percibiranse durante un período máximo de cinco anos.
3. En relación ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión, as retribucións que corresponda percibir aos solicitantes en función dos tramos obtidos serán consolidables.
Capítulo II
Protocolo de avaliación relativo aos criterios e méritos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora
Artigo 4º.-Período de valoración.
1. Os interesados poderán solicitar á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) a valoración da excelencia curricular sobre a actividade docente e investigadora desenvolvida por eles nos últimos cinco anos naturais anteriores á data fixada na convocatoria e posteriores á avaliación anterior.
2. Non obstante, na primeira avaliación os solicitantes poderán alegar, para os efectos da valoración básica a que se fai referencia no artigo 5º, a totalidade dos quinquenios de docencia e sexenios de investigación que tivesen recoñecidos legalmente.
3. Transcorridos tres anos desde a obtención da avaliación, e sempre que nese período se acadasen novos méritos alegables como puntuación básica, o interesado poderá solicitar unha reavaliación, que substituirá a anterior. Esta nova valoración seguirá a norma habitual, atendendo ás actividades docentes e investigadoras desenvolvidas nos cinco anos anteriores á data da convocatoria.
Artigo 5º.-Modalidades e criterios de valoración.
Distinguiranse dúas modalidades de valoración: a básica e a adicional.
1. Valoración básica: nesta epígrafe teranse en conta única e exclusivamente os méritos e criterios que a continuación se indican:
* Docencia: quinquenios docentes recoñecidos polas universidades públicas. Cada quinquenio valorarase con 0,75 puntos.
* Investigación: sexenios de investigación recoñecidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora. Cada sexenio valorarase con 1 punto.
Tendo en conta que a posesión de dous quinquenios de docencia e un sexenio de investigación son requisitos mínimos de presentación, exclúense da regra anterior, sendo valorados conxuntamente en 1 punto.
2. Valoración adicional: teranse en conta os méritos e condicións que a continuación se relacionan:
* Docencia: valoraranse os méritos relativos á formación, innovación e xestión docente, tendo en conta a especificidade de cada campo científico e a docencia impartida, de acordo coa relación de méritos fixados anualmente pola CGIACA. A puntuación máxima que se poderá outorgar nesta epígrafe será de 2,5 puntos. Limítase a seis o número de méritos que poderán presentar os solicitantes para este compoñente.
* Investigación e transferencia de coñecemento: valorarase a experiencia investigadora, a mobilidade, a transferencia e a divulgación de coñecemento, tendo en conta a especificidade de cada campo científico e de acordo coa relación de méritos fixados anualmente pola CGIACA. A puntuación máxima que se poderá outorgar nesta epígrafe será de 2,5 puntos. Limítase a seis o número de méritos que poderán presentar os solicitantes para este compoñente; dos cales non poderán presentar máis de catro na epígrafe de investigación nin máis de catro no de transferencia e divulgación do coñecemento.
Para a valoración dos méritos terase en conta especificamente a calidade das achegas.
3. A valoración final será, o resultado da suma das valoracións básicas e adicionais.
Artigo 6º.-Obtención e consolidación de tramos.
1. Os solicitantes poderán obter un máximo de 14 tramos.
2. A obtención de tramos por parte do solicitante corresponderase co número de puntos enteiros (sen decimais) acadados por este na valoración final; de xeito que cada punto equivale a un tramo. Porén, os valores iguais ou superiores a 0,75, agás para os efectos de consolidación, serán considerados como un punto.
3. Para efectos da consolidación dos tramos, diferénciase entre a puntuación alcanzada coa valoración básica e a alcanzada coa valoración adicional. Neste sentido só se consolidarán os tramos correspondentes á puntuación obtida na valoración básica; as retribucións correspondentes aos tramos obtidos pola puntuación alcanzada na valoración adicional só se percibirán durante un período máximo de cinco anos.
Artigo 7º.-Comités de asesores expertos.
1. Tal e como se recolle no artigo 11º da presente orde, a Comisión Galega de Informes, Avaliación e Certificación será o órgano encargado da emisión da proposta motivada da valoración do complemento ao recoñecemento da excelencia curricular.
2. Para a realización desta función, e con carácter previo á emisión da proposta motivada, contará con comités de asesores expertos.
3. O número de comités será de 5 (comités de: Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Ensinanzas Técnicas e Humanidades) que se fan coincidir cos cinco grandes campos científicos nos cales se recollen todas as áreas de coñecemento. A distribución das áreas de coñecemento nos cinco grandes campos científicos será a que aparece reflectida no anexo I.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, e atendendo ao número de solicitudes que poidan presentarse en relación ás distintas áreas de coñecemento, poderán subdividirse os campos científicos, constituíndose novos comités.
4. Os comités estarán constituídos por 5 membros, dos que un deles será o presidente, outro o secretario e os tres restantes serán vogais. En cada comité, o presidente será designado pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario será o membro de menor idade.
Para que os comités se entendan validamente constituídos e poidan adoptar acordos, deberán estar presentes polo menos 3 dos seus membros.
Igualmente, no caso de subdivisión de campos científicos, os comités resultantes estarán constituídos por 3 membros, dos que un será o presidente e os dous restantes serán vogais.
5. Para formar parte dos comités será requisito ser profesor de universidade, ter consolidados un mínimo de tres compoñentes por méritos docentes (quinquenios de docencia) así como tres tramos do complemento de produtividade (sexenios de inves
tigación), consonte ao disposto no artigo 2, apartados 3º c) e 4º do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, e non pertencer ao sistema universitario de Galicia. Este último requisito non será de aplicación para os presidentes dos comités.
6. A selección dos membros dos comités farase, por parte da CGIACA, a partir das listaxes dos profesores de cada ámbito científico que cumpran cos requisitos mencionados no parágrafo anterior.
7. A valoración do curriculum dos solicitantes asignarase, en función da área de coñecemento, ao comité ao que corresponda en función da distribución das áreas recollidas no anexo I.
8. A ACSUG, a través da CGIACA, daralles traslado aos comités de asesores expertos dos expedientes que fosen admitidos a trámite, para que emitan o informe dos curricula que entregarán á CGIACA.
Capítulo III
Protocolo de avaliación relativo aos criterios e méritos de recoñecemento polos cargos de xestión
Artigo 8º.-Período de avaliación.
1. As avaliacións relacionadas co desempeño dos cargos de xestión recollidos no anexo II realizaranse, en cómputo mensual, sobre a actividade desenvolvida ao longo dos anos anteriores ao da data fixada na convocatoria e posteriores á avaliación anterior. Para solicitar esta primeira avaliación será preciso ter cesado ou cumprido un mandato nun dos cargos relacionados ou asimilados.
Unicamente poderán asimilarse aos cargos recollidos no anexo II, aqueles que apareceran ou aparezan reflectidos especificamente nos orzamentos das universidades con similar consignación orzamentaria en concepto de complemento retributivo.
2. Finalizado un novo mandato ou período de desempeño dalgún dos cargos aos que se fai referencia no parágrafo anterior e, sempre que o devandito período sexa computable para os efectos do presente complemento, poderá solicitarse unha nova valoración.
Artigo 9º.-Obtención e consolidación de tramos.
1. Os solicitantes poderán obter un máximo de 8 tramos.
2. A obtención de tramos por parte do solicitante corresponderase co número de puntos cun decimal acadados por este na valoración dos seus méritos; de xeito que cada punto equivale a un tramo.
3. Para ter dereito ao percibo do presente complemento por cargos de xestión será precisa a obtención dun mínimo de 0,5 puntos.
4. As retribucións que corresponda percibir aos solicitantes en función dos tramos obtidos serán consolidables.
Artigo 10º.-Criterios de avaliación.
1. A valoración dos méritos relativos á ocupación de cargos de xestión realizarase de acordo cos criterios fixados no anexo III.
2. No caso de desempeño simultáneo de dous cargos de xestión, terase en conta exclusivamente o de maior rango de acordo cos criterios fixados no anexo II.
Capítulo IV
Procedemento común
Artigo 11º.-Procedemento de solicitude da valoración previa ante a ACSUG.
1. Os interesados deberán solicitar á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) a valoración previa a que fai referencia o artigo 8.2º do Decreto 55/2004, do 22 de marzo, necesaria para o recoñecemento do complemento ao recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e do complemento de recoñecemento polos cargos de xestión.
A través das respectivas convocatorias estableceranse os modelos normalizados de solicitude, así como a documentación xustificativa que deberá acompañar esta, modo de presentación, número de copias e demais cuestións deste índole.
2. Unha vez estea a documentación en posesión da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, seralle remitida á Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación que, tras o estudo, análise, verificación e certificación dos méritos en que se sustenta a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 5º e 9º desta orde, emitirá as correspondentes propostas de valoración dos complementos que, de ser o caso, se soliciten, de conformidade cos protocolos de avaliación destes establecidos nos títulos II e III da presente orde. As propostas da Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación deberán estar motivadas e serán vinculantes para o Consello de Dirección da Axencia.
3. O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá os respectivos acordos nos cales se conteñan as valoracións dos méritos en que se sustentan as solicitudes, para o que fará súas as propostas motivadas e vinculantes elaboradas pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación. O prazo máximo para a adopción dos citados acordos será de seis meses.
Estes acordos, que serán notificados pola ACSUG a cada solicitante, persoal e directamente, poñen fin á vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (LRX-PAC), poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa.
4. O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia realizará unha convocatoria anual ordinaria de valoración previa á asignación dos complementos retributivos, sen prexuízo das convocatorias extraordi
narias que se fagan, por causas excepcionais e debidamente motivadas, respectándose os requisitos formais de tramitación previstos para as convocatorias ordinarias.
En cada convocatoria de valoración previa establecerase a data concreta na cal os solicitantes deberán ter acadados os diferentes méritos e cumprido o requisito establecido no artigo 6, puntos 3.1. do Decreto 55/2004, do 4 de marzo.
Artigo 12º.-Asignación dos complementos polas universidades.
Os acordos de avaliación adoptados polo Consello de Dirección da ACSUG, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades. Os consellos sociais das universidades, por proposta do seus respectivos consellos de goberno, acordarán a asignación singular e individual dos referidos complementos, nos casos que proceda, dentro das modalidades e coas limitacións previstas no Decreto 55/2004, do 4 de marzo, que poderán ser impugnados polos interesados.
Cando, de conformidade co disposto no parágrafo anterior, se proceda á asignación dos referidos complementos, o pagamento das correspondentes retribucións farase cos efectos sinalados en cada convocatoria de valoración previa.
Disposicións transitorias
Primeira.-Convocatorias.
Non obstante o disposto no artigo 11º.4, a primeira convocatoria ordinaria correspondente ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión, efectuarase no ano 2007.
Segunda.-Contía dos tramos.
De acordo co disposto no artigo 3º, a contía retributiva dos tramos correspondentes ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora queda fixada, para o ano 2006, en 400 euros anuais por tramo.
Disposición derradeira
Vixencia.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2006.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Campos científicos e áreas de coñecemento
Ciencias Sociais e Xurídicas.
030 Antropoloxía Social
040 Biblioteconomía e Documentación
070 Ciencia Política e da Administración
095 Comercialización e Investigación de Mercados
105 Comunicación Audiovisual e Publicidade
125 Dereito Administrativo
130 Dereito Civil
135 Dereito Constitucional
140 Dereito de Traballo e da Seguridade Social
145 Dereito Eclesiástico do Estado
150 Dereito Financeiro e Tributario
155 Dereito Internacional Privado
160 Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais
165 Dereito Mercantil
170 Dereito Penal
175 Dereito Procesual
180 Dereito Romano
187 Didáctica da Expresión
189 Didáctica da Expresión Musical
193 Didáctica da Expresión Plástica
195 Didáctica da Lingua e da Literatura
200 Didáctica da Matemática
205 Didáctica das Ciencias Experimentais
210 Didáctica das Ciencias Sociais
215 Didáctica e Organización Escolar
225 Economía Aplicada
230 Economía Financeira e Contabilidade
235 Economía, Socioloxía e Política Agraria
245 Educación Física e Deportiva
381 Filosofía do Dereito
383 Filosofía Moral
415 Fundamentos de Análise Económica
470 Historia do Dereito e as Institucións
475 Historia do Pensamento e dos Movementos Sociais e Políticos
480 Historia e Institucións Económicas
620 Metodoloxía das Ciencias e do Comportamento
625 Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación
650 Organización de empresas
675 Xornalismo
680 Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico
725 Psicobioloxía
730 Psicoloxía Básica
735 Psicoloxía Evolutiva
740 Psicoloxía Social
775 Socioloxía
805 Teoría e Historia da Educación
813 Traballo Social e Servizos Sociais
Ciencias Experimentais.
005 Álxebra
015 Análise Matemática
038 Astronomía e Astrofísica
050 Bioloxía Celular
060 Bioquímica e Bioloxía Molecular
063 Botánica
065 Ciencia dos Materiais e Enxeñería Metalúrxica
075 Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial
120 Cristalografía e Mineraloxía
220 Ecoloxía
240 Edafoloxía e Química Agrícola
247 Electromagnetismo
250 Electrónica
265 Estatística e Investigación Operativa
280 Estratigrafía
315 Farmacoloxía
385 Física Aplicada
390 Física Atómica, Molecular e Nuclear
395 Física da Materia Condensada
398 Física da Terra
405 Física Teórica
410 Fisioloxía
412 Fisioloxía vexetal
420 Xenética
427 Xeodinámica Externa
428 Xeodinámica Interna
430 Xeografía Física
440 Xeometría e Topoloxía
443 Histoloxía
505 Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría
555 Enxeñaría Química
566 Inmunoloxía
570 Linguaxes e Sistemas Informáticos
595 Matemática Aplicada
600 Mecánica de Fluídos
605 Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas
630 Microbioloxía
640 Nutrición e Bromatoloxía
647 Óptica
655 Paleontoloxía
660 Parasitoloxía
685 Petroloxía e Xeoquímica
700 Produción Animal
705 Produción Vexetal
710 Prospección e Investigación Mineira
750 Química Analítica
755 Química Física
760 Química Inorgánica
765 Química Orgánica
770 Radioloxía e Medicina Física
773 Sanidade Animal
780 Tecnoloxía dos Alimentos
785 Tecnoloxía Electrónica
790 Tecnoloxía do Medio Natural
819 Zooloxía
Ciencias da Saúde.
020 Anatomía Patolóxica
025 Anatomía e Anatomía Patolóxica Comparadas
027 Anatomía e Embrioloxía Humana
028 Antropoloxía Física
050 Bioloxía Celular
060 Bioquímica e Bioloxía Molecular
063 Botánica
090 Cirurxía
183 Dermatoloxía
245 Educación Física e Deportiva
255 Enfermaría
275 Estomatoloxía
310 Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica
315 Farmacoloxía
410 Fisioloxía
413 Fisioterapia
420 Xenética
443 Histoloxía
460 Historia da Ciencia
566 Inmunoloxía
610 Medicina
613 Medicina Legal e Forense
615 Medicina Preventiva e Saúde Pública
617 Medicina e Cirurxía Animal
630 Microbioloxía
640 Nutrición e Bromatoloxía
645 Obstetricia e Xinecoloxía
646 Oftalmoloxía
653 Otorrinolaringoloxía
660 Parasitoloxía
670 Pediatría
725 Psicobioloxía
745 Psiquiatría
770 Radioloxía e Medicina Física
773 Sanidade Animal
807 Toxicoloxía
Ensinanzas Técnicas.
035 Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores
075 Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial
083 Ciencias e Técnicas da Navegación
100 Composición Arquitectónica
110 Construcións Arquitectónicas
115 Construcións Navais
250 Electrónica
295 Explotación das Minas
300 Expresión Gráfica
305 Expresión Gráfica na Enxeñaría
495 Enxeñaría Aeroespacial
500 Enxeñaría Agroforestal
505 Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría
510 Enxeñaría da Construción
515 Enxeñaría dos Procesos de Fabricación
520 Enxeñaría de Sistemas e Automática
525 Enxeñaría de Terreo
530 Enxeñaría e Infraestruturas dos Transportes
535 Enxeñaría Eléctrica
540 Enxeñaría Hidráulica
545 Enxeñaría Mecánica
550 Enxeñaría Nuclear
555 Enxeñaría Química
560 Enxeñaría Telemática
565 Enxeñaría Téxtil e Papeleira
570 Linguaxes de Sistemas Informáticos
590 Máquinas e Motores Térmicos
600 Mecánica de Fluídos
605 Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas
700 Produción Animal
705 Produción Vexetal
710 Prospección e Investigación Mineira
715 Proxectos Arquitectónicos
720 Proxectos de Enxeñaría
780 Tecnoloxía de Alimentos
785 Tecnoloxía Electrónica
800 Teoría do Sinal e Comunicación
815 Urbanística e Ordenación do Territorio
Humanidades.
010 Análise Xeográfica Rexional
033 Arqueoloxía
085 Ciencias e Técnicas Historiográficas
185 Debuxo
260 Escultura
270 Estética e Teoría das Artes
285 Estudos Árabes e Islámicos
290 Estudos Hebreos e Arameos
320 Filoloxía Alemana
325 Filoloxía Catalá
327 Filoloxía Eslava
335 Filoloxía Francesa
340 Filoloxía Grega
345 Filoloxía Inglesa
350 Filoloxía Italiana
355 Filoloxía Latina
360 Filoloxía Románica
365 Filoloxía Vasca
370 Filoloxía Galega e Portuguesa
375 Filosofía
381 Filosofía do Dereito
383 Filosofía Moral
435 Xeografía Humana
445 Historia Antiga
450 Historia Contemporánea
455 Historia de América
460 Historia da Ciencia
465 Historia da Arte
485 Historia Medieval
490 Historia Moderna
567 Lingua Española
568 Lingua e Cultura do Extremo Oriente
575 Lingüística Xeral
580 Lingüística Indoeuropea
583 Literatura Española
585 Lóxica da Filosofía da Ciencia
635 Música
690 Pintura
695 Prehistoria
796 Teoría da Literatura Comparada
814 Tradución e Interpretación
Pertencentes a dous campos científicos.
Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades.
381 Filosofía do Dereito
383 Filosofía Moral
Ciencias Sociais e Xurídicas e Saúde.
245 Educación Física e Deportiva
725 Psicobioloxía
Ciencias da Saúde e Humanidades.
460 Historia da Ciencia
Ciencias Experimentais e Saúde.
050 Bioloxía Celular
060 Bioquímica e Bioloxía Molecular
063 Botánica
315 Farmacoloxía
410 Fisioloxía
420 Xenética
443 Histoloxía
566 Inmunoloxía
630 Microbioloxía
640 Nutrición e Bromatoloxía
660 Parasitoloxía
770 Radioloxía e Medicina Física
773 Sanidade Animal
Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas.
075 Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial
250 Electrónica
505 Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría
555 Enxeñaría Química
570 Linguaxes de Sistemas Informáticos
600 Mecánica de Fluídos
605 Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estruturas
700 Produción Animal
705 Produción Vexetal
710 Prospección e Investigación Mineira
780 Tecnoloxía de Alimentos
785 Tecnoloxía Electrónica
ANEXO II
Cargos de xestión
Reitor
Vicerreitor ou secretario xeral da universidade/similar
Decano ou director de facultade, escola técnica superior, escola universitaria ou colexio universitario/similar
Vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior, escola universitaria ou colexio universitario/similar
Director de departamento universitario/similar
Secretario de departamento/similar
Director de instituto universitario/similar
Coordinador do Curso de Orientación Universitaria/similar
ANEXO III
Equivalencias
Cargo Anos Puntos
Reitor 12 meses 1 punto
Vicerreitor/secretario xeral de universidade 12 meses 0,80 puntos
Decano 12 meses 0,50 puntos
Director departamento 12 meses 0,40 puntos
Vicedecano/subdirector/secretario de facultade 12 meses 0,30 puntos
Cargo Anos Puntos
Secretario departamento 12 meses 0,25 puntos
Director instituto 12 meses 0,30 puntos
Coordinador COU 12 meses 0,15 puntos