DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 26 de outubro de 2006 Páx. 15.862

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 16 de outubro de 2006 pola que se aproba a carta de servizos básica para as residencias de persoas maiores da rede pública da Xunta de Galicia.

As cartas de servizos configúranse como un instrumento para a mellora da calidade dos servizos nas administracións públicas dentro dunha cultura de mellora continua. Na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar decidiuse utilizar este instrumento, entre outros, para a mellora da calidade do servizo aos cidadáns nas residencias de maiores da rede pública da Xunta de Galicia.

Os seus obxectivos son, por unha parte, avanzar cara a unha Administración máis transparente para os cidadáns e establecer uns servizos e estándares básicos de atención para todos os usuarios das residencias públicas sobre os que a propia Administración asume o seu compromiso de cumprimento, e por outra, realizar unha análise dos servizos e procesos que se están a levar a cabo co obxectivo de incrementar a calidade do servizo ofrecido, tendo en conta as expectativas de mellora dos usuarios. Cúmprese desta maneira un dobre obxectivo, informar con máis claridade os cidadáns e acadar unha mellora dos servizos.

O Decreto 148/2004, do 1 de xullo, sobre cartas de servizos e observatorio de calidade regula o marco en que se deben desenvolver as cartas sectoriais de servizos e establece que estas serán aprobadas por orde do conselleiro.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a carta de servizos básica para as residencias de persoas maiores da rede pública da Xunta de Galicia, segundo o texto que se relaciona no anexo desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO

Carta de servizos

Carta de servizos básica para as residencias de persoas maiores da rede pública da Xunta de Galicia.

A misión:

Esta carta de servizos é o documento marco xeral de referencia onde se recollen os dereitos básicos dos usuarios, a relación dos servizos de partida que ofrecen e os compromisos mínimos de calidade e as expectativas de seren satisfeitos, que asumen os centros residenciais para persoas maiores da rede pública da Xunta de Galicia.

Dereitos dos usuarios:

Dereito:

-A acceder a centros e servizos e a recibir asistencia sen discriminación.

-A un trato digno, tanto por parte do persoal como dos usuarios.

-Ao segredo profesional da historia clínica ou sociosanitaria e á protección dos datos persoais.

-A manter relacións interpersoais e a recibir visitas de acordo co establecido no regulamento de réxime interno.

-A un programa de intervención ou de atención individualizado.

-Á intimidade persoal e á protección da propia imaxe.

-A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educativa, cultural e calquera outra que sexa axeitada para o seu desenvolvemento psicofísico.

-A elevar aos órganos de participación ou dirección propostas de mellora.

-A recibir, en todo momento, a información necesaria e axeitada para decidir de acordo coa súa vontade (consentimento informado).

-A coñecer, en todo momento, o prezo dos servizos e as súas variacións e as modificacións esenciais na prestación destes.

-A cesar na utilización dos servizos ou na permanencia no centro.

-De queixa e libre acceso ao libro de reclamacións.

-A asociarse para favorecer a participación e defender os seus dereitos.

-A acceder aos servizos ofrecidos polo centro nas condiccións establecidas.

-Aos coidados necesarios establecidos en caso de dependencia ou invalidez (nas residencias con prazas para persoas con dependencia moderada ou severa).

-A unha programación de actividades que permita un desenvolvemento persoal axeitado.

Servizos prestados:

Aloxamento e manutención:

-Atención residencial integral.

-Limpeza diaria das habitacións e das zonas comúns.

-Control e mantemento de instalacións e dependencias.

-Recepción e sistemas de comunicacións intraresidenciais.

-Teléfono público.

-Servizo de conserxaría (correo e recepción de chamadas).

-Sistemas de alarma e de chamada de aviso nas habitacións.

-Lavandaría e tratamento de roupa.

-Biblioteca.

-Salas de TV.

-Comedor principal.

-Sala de usos múltiples.

Atención sanitaria e coidados asistenciais:

-Apertura da historia ao ingresar no centro.

-Atención básica de enfermaría.

-Persoal de atención directa especializado.

-Programas de medicina preventiva e de promoción da saúde.

-Apoio aos residentes dependentes nas súas necesidades básicas: alimentación, hixiene, vestido, mobilidade e nas restantes actividades da vida diaria (nas residencias con prazas para persoas en situación de dependencia).

-Programa de coidados especializados a persoas encamadas (nas residencias con prazas para persoas en situación de dependencia).

-Dietas especiais nos casos de prescrición do facultativo.

Atención social e ocupacional:

-Apoio á adaptación do maior na residencia e de integración nas actividades programadas.

-Fomento do mantemento da relación familiar co maior e coa residencia.

-Promoción das relacións interpersoais entre residentes.

-Servizo de atención e información aos familiares.

-Horario de visitas de acordo co establecido no regulamento de réxime interno.

-Actividades culturais, de lecer, tempo libre e extraresidenciais.

Compromisos de calidade:

-Asegurar unha dieta equilibrada, axustada ás necesidades dos usuarios, con produtos de calidade

e cunha adecuada preparación, asegurando no menú a elección entre dúas alternativas, do primeiro prato ou da sobremesa.

-Asegurar un horario de visitas mínimo de oito horas diarias de acordo co regulamento de réxime interno e normas de funcionamento.

-Asegurar un mínimo de tres actividades extraresidenciais anuais.

-Asegurar un mínimo de dez actividades ocupacionais ou de lecer con carácter permanente.

-Posta á disposición dos usuarios dun regulamento de réxime interno aprobado pola Xunta de Galicia que regule as normas de funcionamento específicas de cada un dos centros e a participación dos usuarios.

Indicadores:

-Número de actividades extraresidenciais realizadas no ano (obxectivo: tres por centro).

-Número de actividades culturais ou formativas, de lecer e de terapia ocupacional de carácter permanente realizadas no ano (obxectivo: dez por centro).

-Porcentaxe de usuarios que acoden ás actividades culturais ou formativas, de lecer e de terapia ocupacional (obxectivo: 25%).

-Número de queixas e suxestións internas recibidas, avaliadas e resoltas en dez días (obxectivo: 100%).

Reclamacións e suxestións:

Todos os centros residenciais dispoñen dun libro de reclamacións á disposición dos usuarios ou familiares.

Ademais en todos os centros existen caixas de suxestións nas cales o cidadán pode facer constar as súas suxestións, queixas e reclamacións sobre o funcionamento dos anteditos servizos. No prazo non superior a dez días, recibirá a axeitada contestación por parte da dirección do centro.

Tamén poden presentar suxestións e queixas sobre o funcionamento dos servizos públicos de acordo cos artigos 25 a 29 do Decreto 164/2005, sobre o sistema de queixas e suxestións do cidadán. Estas presentaranse por escrito, por correo ou por correo electrónico dirixido á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, poderanse presentar en calquera dos rexistros da Administración da Xunta de Galicia e demais admitidos no artigo 38.4º da Lei de 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Información:

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña). Teléfono: 900 33 36 66. Fax: 981 95 76 97. Correo electrónico: residenciasmaiores*xunta.es. Páxina web: www.xunta.es/vicepresidencia.

Lexislación:

-Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

-Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros.

-Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

-Orde do 18 de agosto de 2000 pola que se aproba o Estatuto básico dos centros de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Centro:

Residencias de maioresLocalidadeEnderezo/Teléfono

A Coruña

R. de CarballoCarballoPraza de Vigo, s/n, 981 70 32 56

R. de Santiago

de Compostela

Santiago de CompostelaPorta do Camiño, As Rodas, 981 58 30 00

R. de FerrolFerrolPardo Bazán, s/n, 981 31 62 11

Asistidos da Terceira Idade de OleirosOleirosLugar de Pousada, 981 63 17 77

Torrente BallesterA CoruñaAdormideras, s/n, 981 22 63 67

R. da Pobra do CaramiñalA Pobra do CaramiñalRúa Venecia, s/n, 981 83 27 03

Lugo

As GándarasLugoAs Gándaras, s/n, 982 22 83 91

R. de Monforte de LemosMonforte de LemosPaseo do Malecón, s/n, 982 41 02 11

R. de BurelaBurelaRosalía de Castro, s/n, 982 58 18 06

A MilagrosaLugoRúa Curros Enríquez, s/n, 982 21 13 02

Ourense

R. do CarballiñoO CarballiñoCornubal, s/n, 988 27 02 70

Nosa Señora dos MiragresBarbadásR/ Bardanes, C. de Vaca, 156, 988 22 77 37

R. de Castro CaldelasCastro

Caldelas

Devesa do Conde, s/n, 988 20 33 45

Pontevedra

R. da EstradaA EstradaPraza Martínez Anido, nº 3, 986 57 15 96

R. de Vigo ArieiroVigoArieiro, s/n, Bembrive, 986 37 41 41

Vigo-O MeixoeiroVigoEstrada Madrid-Ourense, s/n, 986 25 35 11

R. de MarínMarínEzequiel Massoni, nº 19, 986 89 12 88

R. de CampolongoPontevedraRúa Fernández Ladreda, nº 26, 986 86 02 06

Cumprimento de compromisos:

Os resultados anuais da avaliación dos indicadores publicaranse na páxina web da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Páxina web: www.xunta.es/vicepresidencia.

Participación dos cidadáns:

A colaboración que se espera recibir dos cidadáns canalizarase a través dos órganos de participación dos usuarios ou familiares, segundo o que se recolla no regulamento de réxime interno e a través das caixas de suxestións ou no correo electrónico da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.