DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 25 de outubro de 2006 Páx. 15.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de outubro de 2006 pola que se amplía o prazo de presentación dos xustificantes de gasto das axudas (anexos I, II, III e IV) e se establece o prazo de presentación dos xustificantes de gasto das axudas para asistencias a congresos e reunións científicas por parte de investigadores/as non vinculados ao sistema universitario de Galicia (anexo V) do Programa de Promoción Xeral de Investigación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica para o ano 2006, convocadas na Orde do 16 de maio de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio).

Por Orde do 16 de maio de 2006 aprobáronse as bases que rexen as convocatorias de axudas correspondentes ao Programa de Promoción Xeral de investigación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e procedeuse a súa convocatoria para o ano 2006.

Na devandita orde, no punto nove do anexo I (axudas para grupos de investigación) e no punto dez do anexo II (axudas para proxectos de promoción xeral do coñecemento), establécese que para proceder ao libramento dos fondos e percibir as axudas correspondentes será necesario presentar na data límite do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a documentación requirida. Así mesmo, no punto sete do anexo III (axudas para publicacións periódicas), establécese que para proceder ao libramento da axuda, deberán presentarse os correspondentes xustificantes na data límite do 31 de outubro de 2006. Ademais, no punto oito do anexo IV (axudas para a organización de congresos e reunións científicas), establécese que para proceder ao libramento dos fondos e percibir a axuda correspondente é necesario presentar na data límite do 10 de novembro de 2006 a documentación requirida.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar o proceso de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O prazo para a presentación dos xustificantes correspondentes aos gastos realizados para

cada modalidade de axuda será regulado na publicación da resolución de adxudicación destas que, en todo caso, non poderá ser posterior ao 30 de novembro de 2006 (anexo I, punto nove; anexo II, punto dez; anexo III, punto sete; anexo IV, punto oito).

Artigo 2º.-Establecer como data límite de presentación dos xustificantes correspondentes aos gastos realizados a que se regule na publicación da resolución de adxudicación da axuda (anexo V) que, en todo caso, non poderá ser posterior ao 30 de novembro de 2006 (punto seis).

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2006.

Fernando Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria