DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 24 de outubro de 2006 Páx. 15.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2006 pola cal son convocadas unhas xornadas sobre Administración pública e xénero: os desafíos da igualdade na función pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2006, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unhas Xornadas sobre Administración pública e xénero: os desafíos da igualdade na función pública de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

A presenza das mulleres na función pública aumentou de xeito considerable na última década, e acadou practicamente a metade do funcionariado público no ano 2001. Estas xornadas teñen como obxectivo fundamental a análise das consecuencias derivadas desta significativa

incorporación. Dunha parte, preténdese ofrecer unha descrición pormenorizada de cales son as características deste novo escenario: a presenza das mulleres nas diferentes administracións públicas -central, autonómica e local-, a súa presenza nos diferentes niveis do funcionariado e as características socioeconómicas do persoal. Doutra parte, estas xornadas deben servir para pór por riba da mesa os principais obstáculos que enfrontan as mulleres no seu traballo diario na función pública. Neste sentido, as sesións tratarán aspectos relativos á conciliación da vida familiar e da vida laboral adoptando unha perspectiva comparada que permita examinar os logros e resultados das diferentes políticas de conciliación xa implementadas noutros contextos.

Con estes obxectivos xerais, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organiza do 30 de outubro ao 21 de novembro un ciclo de conferencias e mesas redondas dirixidas a empregadas e empregados públicos en Galicia que terán lugar nas sete grandes cidades da comunidade autónoma.

2. Contido.

Serán tratados os seguintes temas:

* A presenza das mulleres nas administracións públicas.

-Presenza feminina na Administración central, autonómica e local.

-Características das elites administrativas.

-Características do funcionariado público.

* Barreiras no traballo e na promoción das mulleres na Administración.

-A conciliación da vida familiar e laboral.

-Temporalidade e remuneración salarial.

-Carreiras profesionais e promoción das mulleres a postos directivos.

* Retos e desafíos da Administración pública. Cara a unha función pública máis igualitaria.

-A función pública e a nova Lei de igualdade entre mulleres e homes.

-Políticas públicas de conciliación laboral. Estudos de caso.

-Transformación e modernización da Administración pública dunha perspectiva de xénero.

3. Destinatarios.

Persoal das diferentes administracións públicas de Galicia e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Horario: de mañá e tarde.

Local e data: as xornadas terán lugar en:

-30 de outubro en Lugo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (rolda da Muralla, 70).

-6 de novembro na Coruña, no salón de actos do edificio administrativo de Monelos (praza Luís Seoane, s/n).

-7 de novembro en Ferrol, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (praza Camilo José Cela, s/n).

-13 de novembro en Pontevedra, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (rúa Benito Corbal, 47).

-14 de novembro en Vigo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (rúa Concepción Arenal, 8).

-20 de novembro en Ourense, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia (avenida da Habana, 79-1º).

-21 de novembro en Santiago de Compostela, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid, 2-4).

5. Inscrición.

O prazo de inscrición finaliza en:

-Xoves, 26 de outubro, para a xornada de Lugo.

-Xoves, 2 de novembro, para as xornadas da Coruña e Ferrol.

-Xoves, 10 de novembro, para as xornadas de Pontevedra e Vigo.

-Luns, 20 de novembro, para a xornada de Santiago de Compostela.

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións mediante fax enviado ao número 981 54 63 30 ou correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap*xunta.es.

Número de prazas: limitado á capacidade do local.

Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de cumpriren os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión chamando por teléfono, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41/981 54 62 47.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de o cancelar se o número de solicitudes non xustificar a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final do seminario, a aquelas persoas inscritas que participaren asiduamente, cando a súa asistencia for igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública