DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 24 de outubro de 2006 Páx. 15.748

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 18 de outubro de 2006 pola que se amplía o período de duración inicial das cinco bolsas de apoio á formación en tarefas investigadoras de titulados superiores no Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán convocadas pola Orde do 6 de abril de 2006.

O labor de investigación require a formación previa dos investigadores e a súa dedicación durante un longo período de tempo. Á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible correspóndelle o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza.

Na data do 21 de abril de 2006, publícase no Diario Oficial de Galicia nº 77 a Orde do 6 de abril de 2006, pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de apoio á formación en tarefas investigadoras de titulados superiores no Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán e se procede á súa convocatoria.

O artigo 2 da devandita orde dispón que a contía destinada ao pagamento das bolsas podería ser incrementada en función das dispoñibilidades de crédito. Así mesmo, o artigo 3 desta orde sinala que, en caso de haber dispoñibilidade de crédito, a duración da concesión inicial podería incrementarse ata un máximo de 12 meses, sen que iso supoña modificación das condicións de convocatoria das bolsas.

Como complemento das accións relativas ao Programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, e co fin de contribuír á formación de persoal titulado superior de Galicia en materia de medio ambiente e, ao mesmo tempo, apoiar a actividade investigadora do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible considera oportuna a ampliación do período de desfrute da concesión inicial das bolsas, para colaborar nas actividades de investigación que se están desenvolvendo en dito centro, convocadas pola devandita Orde do 6 de abril de 2006.

Por todo iso, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta

e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, de acordo coas bases da orde citada e habendo dispoñibilidade de crédito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Amplíase o período de concesión inicial das bolsas de apoio á formación en tarefas investigadoras de titulados superiores no Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán, convocadas pola Orde do 6 de abril de 2006, ata o 14 de agosto de 2007, podendo esta concesión prorrogarse en períodos sucesivos ata un período máximo de 36 meses, sempre que exista crédito adecuado e suficiente. A presente ampliación non supón modificación das condicións de convocatoria das bolsas.

Artigo 2º.-Dotación económica das bolsas.

Para a concesión das citadas bolsas convocadas pola Orde do 6 de abril de 2006 e ampliadas por esta disposición, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible destinará un máximo de 76.146,88 A, distribuídos da seguinte forma:

-Ano 2006:

Aplicación orzamentaria: 15.05.432A.480.0.

Importe: 27.672,50 A.

-Ano 2007:

Aplicación orzamentaria: 15.05.432A.480.0.

Importe: 48.474,38 A.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2006.

Manuel Fernández Vázquez

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible