DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 24 de outubro de 2006 Páx. 15.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de outubro de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os titulados en ciclos formativos de acuicultura.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada, este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa ficticia, no que se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero na que a titularidade dos medios de produción é da administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os titulados en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura participar neste itinerario de perfeccionamento profesional para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abarcan as axudas obxecto da presente convocatoria.

Polo exposto esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse tres (3) bolsas de especialización pos-formativa para titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.612B.480.1 do programa

de formación de pescadores, código do proxecto 2004 00209, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2006.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que acadará o conxunto das axudas é de vinte e oito mil setecentos setenta euros (28.770 A), repartidos nas seguintes anualidades:

-Ano 2006: catro mil setecentos setenta euros (4.770 A).

-Ano 2007: vinte e catro mil euros (24.000 A).

Artigo 3º

O prazo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 6 meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Martítimos

ANEXO I

Bases.

Primeira.-Obxecto e dotación.

-O obxecto da presente convocatoria é a concesión dun total de tres bolsas para titulados nos ciclos formativos de acuicultura, para a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos na modalidade de empresa tutelada. A concesión destas tres bolsas realizarase a favor de todos os alumnos que remataron os ciclos formativos de acuicultura e non fosen beneficiarios de axudas similares para o mesmo fin con anterioridade.

-A contía de cada unha das bolsas incluirá:

a) Unha asignación mensual bruta de setecentos quince euros (715 A).

b) Un seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación labo

ral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, aínda que si, a necesaria e natural coordinación co horario e normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

-Ter rematado un ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes da presente orde de convocatoria.

-Non ter sido beneficiario de axudas similares para o mesmo fin con anterioridade á publicación da presente orde.

-Non ter incapacidade física ou padecer enfermidade que poidan impedir a realización dos traballos propios obxecto destas axudas.

Cuarta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, segundo o modelo normalizado do anexo II, xunto cos seguintes documentos:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Curriculum vitae de cada solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

-Fotocopia compulsada do título do ciclo formativo cursado ou, no seu defecto, xustificación de pagamento dos dereitos de expedición do título ou certificación do centro onde cursase o ciclo formativo de ter rematado o ciclo e ser proposto para título.

-Planificación da produción, asinada polo aspirante, para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3mm de talla, nunha instalación tipo minicriadoiro.

-Declaración responsable de non ter solicitada e de non solicitar ningunha outra axuda ou subvención para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e publicará unha resolución no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura coa lista de admitidos e excluídos, indicando, de ser o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro no prazo de 10 días a partir da

publicación da resolución e achegarán, de ser o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase ao arquivo do expediente previa resolución.

Quinta.-Outorgamento da bolsa.

1. As bolsas serán adxudicadas por delegación expresa da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección, presidida pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ou persoa en quen delegue, estará, ademais, formada por dous vogais en representación do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e un vogal en representación do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), un dos membros actuará como secretario.

3. Na fase de selección teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

-Planificación da produción, asinada polo aspirante, para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3mm de talla, nunha instalación tipo minicriadoiro, e a súa defensa diante da comisión de valoración, puntuación máxima 6 puntos.

-Expediente académico persoal do aspirante, puntuación máxima 4 puntos, que se valorará do seguinte xeito:

Nota obtida de 10-8,6: valoración 4 puntos.

Nota obtida de 8,5-7,6: valoración 3 puntos.

Nota obtida de 7,5-6,6: valoración 2 puntos.

Nota obtida de 6,5-5: valoración 1 punto.

-Valoración da nota obtida no módulo de cultivo de moluscos ou de técnicas de cultivo de moluscos do ciclo formativo realizado polo aspirante, puntuación máxima de 2 puntos, de acordo co seguinte:

Nota obtida de 10-8,6: valoración 2 puntos.

Nota obtida de 8,5-7,6: valoración 1,5 puntos.

Nota obtida de 7,5-6,6: valoración 1 punto.

Nota obtida de 6,5-5: valoración 0,5 puntos.

4. Efectuada a selección pola comisión de selección, a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, nun prazo de 10 días, publicará a relación provisional de beneficiarios seleccionados e suplentes nos taboleiros de anuncios do Igafa e da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días. Transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudar as reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva á directora xeral, que no prazo de 10 días resolverá as adxudicacións definitivas.

5. A resolución definitiva da convocatoria farase pública no taboleiro de anuncios do centro. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición segundo os artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da citada resolución, ou o recurso contencioso-administrativo regulado no artigo 46 da Lei 29/1998.

6. Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no taboleiro de anuncios, os bolseiros non formalizasen a aceptación perderán a bolsa e procederase a cubrir as vacantes cos suplentes nomeados.

7. A incorporación dos seleccionados á bolsa farase por rigorosa orde de puntuación o 1 de novembro de 2006.

8. No caso de producirse a renuncia por parte dun bolseiro dentro do período de concesión da axuda, poderase proceder a cubrir a dita vacante cos suplentes por rigurosa orde de puntuación.

Sexta.-Obrigas do beneficiario.

-O beneficiario está obrigado ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

-Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Sétima.-Pagamento.

Unha vez producida a incorporación á empresa tutelada e tras ser certificada esta polo director do Igafa, procederase ao pagamento da cantidade mensual con efectos a mes vencido.

Xunto coa mencionada certificación deberase xuntar unha declaración dos beneficiarios en que manifeste que non percibiron nin están pendentes de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público.

Oitava.-Duración.

As bolsas concederanse polo período dun ano prorrogable por outro máis por solicitude da parte interesada.

Novena.

Para o que non se estableza expresamente nesta orde, observarase o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuacións administrativas), o Decreto 287/2000, do 21 de decembro, e demais normativa que sexa de aplicación.