DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 24 de outubro de 2006 Páx. 15.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 18 de outubro de 2006 pola que se amplía o prazo máximo de xustificación dos investimentos realizados ao abeiro da do 6 de abril de 2006, pola que se convocan axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos no ano 2006.

A Consellería do Medio Rural convocou para o ano 2006 axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos, mediante a Orde do 6 de abril de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 75, do 19 de abril).

Nesa orde establécese un prazo máximo de xustificación dos investimentos obxecto de axuda do 15 de novembro para as anualidades de 2006, facéndose referencia a ela en varios puntos e artigos. Así, no último parágrafo do artigo 3, relativo ás actividades subvencionables, sinálase a data do 15 de novembro como límite para executar as actuacións de 2006, no punto 4 do artigo 5º, sobre as datas previstas de finalización, indícase que nas actuacións plurianuais a data de finalización da anualidade 2006 non superará a data do 15 de novembro, no punto 5 do artigo 9º, referente ás resolucións de concesión, sinálase que estas indicarán o prazo máximo de xustificación que non superará o 15 de novembro na anualidade 2006, e no punto 2 do artigo 11º, sobre ampliación do prazo de xustificación, indícase que en ningún caso a ampliación poderá superar a data do 15 de novembro de 2006.

As datas relativamente tardías establecidas para a presentación das solicitudes así como o seu elevado número motivou que o proceso de avaliación e resolución dos expedientes se dilatase máis do previsto, polo que se considera necesario ampliar o prazo máximo establecido para a xustificación dos investimentos realizados polos beneficiarios no ano 2006.

En virtude do exposto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar o último parágrafo do artigo 3º, o punto 4 do artigo 5º, o punto 5 do artigo 9º e o punto 2 do artigo 11º da Orde do 6 de abril de 2006 pola que se convocan axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos no ano 2006, substituíndo a data do 15 de novembro de 2006 establecida nestes para a execución e xustificación dos investimentos realizados en 2006, pola do 30 de novembro de 2006.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural