DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 24 de outubro de 2006 Páx. 15.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas nos días 2 e 3 de outubro en Galicia.

Nos días 2 e 3 de outubro producíronse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia unha serie de inundacións que causaron graves danos en bens de titularidade pública e privada.

A magnitude dos feitos e as súas consecuencias obrigan, desde o principio constitucional de solidariedade e por aplicación dos principios de equidade e igualdade de trato, á adopción de medidas e axudas para reparar e paliar, na medida do posible, os danos sufridos.

Na súa virtude, por proposta dos conselleiros de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, Economía e Facenda, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Innovación e Industria, Medio Rural, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As axudas establecidas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas entre os días 2 e 3 de outubro, ambos incluídos, no ámbito territorial dos concellos de Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Vimianzo, Camariñas, Muxía e Zas, nos termos que se conteñen neste decreto e polas contías que nel e nas disposicións que o desenvolvan se establezan.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos.

2. As axudas poderán outorgarse en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.

Artigo 4º.-Réxime de contratación.

1. Para os efectos previstos no artigo 72 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, terán a consideración de obras, servizos, adquisicións ou subministracións de emerxencia, os de reparación ou mantemento do servizo de infraestruturas ou equipamentos, así como as obras de reposición de bens prexudicados polas inundacións, calquera que sexa a súa contía.

2. Para estes mesmos efectos inclúense entre as infraestruturas, en todo caso, as hidráulicas, as actuacións en canles, as de transportes, as eléctricas e as estradas.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5º.-Axudas por danos persoais.

As axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación neste decreto.

O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de 18.000 A, e de entre 60 e 103 A por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

Artigo 6º.-Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico.

1. Serán obxecto de axuda os danos causados na vivenda que constitúa a residencia permanente e

habitual dos seus moradores, na parte non comprendida nas axudas que puidesen aprobar outras administracións públicas e polo importe correspondente ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo de venda dunha vivenda de promoción autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas, ata acadar o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo de venda dunha vivenda de protección autonómica na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, polo menos a vivenda ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que se atopen en manifesto abandono.

3. Para os efectos deste artigo entenderanse por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios.

4. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidesen aprobar outras administracións. O importe da axuda será do 100% ou do 40% dos gastos de reparación ou reposición dependendo de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.

5. Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios dos bens referidos que sufragasen os gastos necesarios de reparación ou reposición.

Artigo 7º.-Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados.

Será obxecto de axuda a reparación dos danos causados polas inundacións nas seguintes infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais:

a) Camiños forestais.

b) Captacións de auga.

Artigo 8º.-Axudas por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Serán obxecto de axudas os danos causados polas inundacións nas explotacións agrícolas e gandeiras que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

Artigo 9º.-Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos.

Serán obxecto de axuda os danos directos provocados nos establecementos comerciais, mercantís,

industriais ou turísticos como consecuencia das inundacións, nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

Artigo 10º.-Axudas ás entidades locais.

Serán obxecto de axudas ou de actuación directa sobre os bens afectados, segundo os casos, os danos provocados en infraestruturas locais non previstos nas axudas que para o efecto puidesen aprobar outras administracións, así como os gastos extraordinarios en que incorresen como consecuencia directa das inundacións.

Artigo 11º.-Convenios con outras administracións públicas.

1. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia poderá celebrar co resto das administracións públicas os convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto.

2. Nos ditos convenios deberá fixarse a forma en que se librarán os fondos ás corporacións locais para proceder á reparación dos danos causados nas infraestruturas públicas e no restablecemento dos servizos públicos.

Artigo 12º.-Financiamento.

As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Para os ditos efectos entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes:

-Axudas por danos persoais, a Consellería de Economía e Facenda.

-Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico, a Consellería de Vivenda e Solo.

-Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados, a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

-Axudas por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras a Consellería de Medio Rural.

-Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos, a Consellería de Innovación e Industria.

-Axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a Consellería de Innovación e Industria no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia,

Administracións Públicas e Xustiza