DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 20 de outubro de 2006 Páx. 15.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de outubro de 2006 pola que se autoriza provisionalmente o Fogga como organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

O Decreto 155/2006, do 7 de setembro de 2006 (DOG nº 181, do 19 de setembro) estableceu o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia, de conformidade co previsto nos regulamentos (CE) 1290/2005, do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola común, e 885/2006, da Comisión, polo que se establecen as disposicións de aplicación do anterior, en canto á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación das contas do Feaga e do Feader.

No dito decreto precísase que lle corresponden ao conselleiro do Medio Rural, como autoridade competente do organismo pagador, as facultades de autorizar e revogar a autorización do organismo pagador en Galicia, e de designar o seu organismo de certificación.

Para os efectos da autorización, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu, con data do 10 de outubro de 2006, un informe previo de avaliación respecto do cumprimento polo organismo pagador dos criterios de autorización previstos no anexo I do Regulamento 885/2006, no cal recomenda, nunha primeira fase, o outorgamento dunha autorización provisional, baseándose na disposición transitoria prevista no artigo 17 do Regulamento (CE) 885/2006, ao desempeñar o organismo pagador novas competencias en materia de gasto que non viña realizando con anterioridade, diferindo a autorización definitiva para unha fase posterior, polo que cómpre, baseándose no dito informe, autorizar provisionalmente, por un período de doce meses, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), como o organismo pagador en Galicia dos fondos europeos agrarios.

Xa que logo, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 155/2006, do 7 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Autorización do organismo pagador.

Consonte o disposto no artigo 1º e punto 2 do artigo 4º do Decreto 155/2006, do 7 de setembro, autorízase o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) como o organismo pagador en Galicia dos gastos financiados polo Feaga e polo Feader, de conformidade co previsto no Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello e as súas disposicións de aplicación.

A autorización outórgase con carácter provisional, ata o 15 de outubro de 2007. Con anterioridade a esa data, a Intervención Xeral emitirá un novo informe de avaliación, no cal verificará o cumprimento por parte do organismo pagador dos criterios de autorización previstos no Regulamento (CE) 885/2006. Esta autoridade competente, baseándose nos resultados dese informe, outorgará a autorización definitiva ao Fogga como organismo pagador ou, de ser o caso, elevará á Comisión Europea a solicitude de concesión dunha prórroga para a execución das modificacións precisas, baseándose no previsto no artigo 1.4 do antedito regulamento.

Artigo 2º.-Designación do organismo de certificación.

Conforme o sinalado no artigo 2º do Decreto 155/2006, desígnase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como o organismo de certificación das contas do organismo pagador autorizado no artigo anterior, coas funcións esta

blecidas no Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello e as súas disposicións de aplicación.

Artigo 3º.-Comunicación á Comisión Europea.

En aplicación do disposto no artigo 4º, punto 3, do Decreto 155/2006, o director do Fogga comunicaralle ao Fega, para a súa transmisión á Comisión Europea, a autorización provisional do organismo pagador de Galicia e a designación do seu organismo de certificación.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fogga para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia ata que se outorgue a autorización definitiva ou, en todo caso, ata o 15 de outubro de 2007.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural