DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 19 de outubro de 2006 Páx. 15.542

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2006 pola que se convoca un concurso de premios a teses de doutoramento realizadas no eido do consumo.

A complexidade socioeconómica e tecnolóxica así como a constante mobilidade da sociedade actual exixe propostas eficaces por parte de todas as administracións, especialmente daquelas que teñen responsabilidade na defensa dos consumidores, xa que a masificación e a complexidade dos produtos e servizos que se ofertan xera confusión e induce á cidadanía a informarse para minimizar os riscos.

A defensa das persoas consumidoras constitúe un dos principios reitores da política social e económica, tal e como se configura no artigo 51 da Constitución e que recollido no Estatuto galego do consumidor e usuario (Lei 12/1984), se articula a través dunha serie de procedementos eficaces co fin de protexer a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos das persoas consumidoras.

En relación ao anterior, a investigación pode contribuír de xeito importante ao coñecemento da materia de forma que favoreza o desenvolvemento dos mecanismos axeitados para garantir a protección das persoas consumidoras, co fin último de atender as necesidades da comunidade na procura dunha maior calidade de vida da cidadanía.

O Instituto Galego de Consumo quere potenciar e promover a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Un dos mecanismos para estimular esta investigación é premiar os traballos desenvolvidos no eido do consumo.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de premios para teses de doutoramento desenvolvidas no eido do consumo para o ano 2006, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é premiar a mellor tese de doutoramento xa rematada e presentada, que teña por obxecto materias relacionadas con consumo como por exemplo a defensa, protección, educación e información das persoas consumidoras ou traballos realizados en relación á seguridade dos produtos, alimentarios e industriais, e á seguridade dos servizos desde o punto do consumidor final. Valorarase especialmente o seu carácter innovador e os traballos de campo realizados ou dirixidos aos consumidores galegos/as.

2. Beneficiarios.

Poderán concorrer á concesión do premio as persoas que lesen e defendesen as súas teses de doutoramento nalgunha das universidades galegas, nos cursos académicos 2004-2005 e 2005-2006.

3. Dotación.

Outorgarase un primeiro premio de 3.000 euros e dous accésits de 1.500 euros cada un.

Os premios faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.513B.640.0 do Instituto Galego de Consumo, na que existe crédito axeitado e suficiente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006.

4. Prazo e lugar de presentación.

O prazo de presentación dos traballos remata o día 5 de novembro de 2006.

Os traballos, acompañados do modelo que figura como anexo I a esta resolución dirixiranse ao presidente do Instituto Galego de Consumo, praza de Europa, 10 A, 2º, edificio Área Central (As Fontiñas), 15707 Santiago de Compostela e poderán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Documentación.

Os traballos deberán ser inéditos e redactados en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma galega. Achegarase a seguinte documentación:

-Solicitude conforme o anexo desta resolución.

-Curriculum vitae do autor/a que inclúa os datos académicos, experiencia investigadora (estancia en centros de investigación e bolsas recibidas) e publicacións (libros, capítulos de libros, artigos en revistas científicas e comunicacións en congresos).

-2 copias da tese de doutoramento (unha en formato dixital e outra en papel).

-Resumo da tese de doutoramento, cunha extensión máxima de 10 páxinas, en que se incluirán o obxecto de estudo, o material e os métodos, os resultados e as conclusións e o interese científico do tema tratado.

-Breve xustificación cunha extensión máxima de 5 páxinas sobre a achega novidosa do tema e sobre o interese para a Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Xurado.

As teses que se presenten a esta convocatoria serán examinadas e avaliadas por un xurado constituído por:

Presidenta: a xerente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

Vogais:

-A xefa de servizo de protección ao consumidor do Instituto Galego de Consumo.

-O xefe de servizo de seguridade de produtos do Instituto Galego de Consumo.

-Un representante da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Innovación e Industria.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

O xurado terá facultades para resolver todas as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

A decisión do xurado, que será inapelable, será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo www.igc.xunta.es. Así mesmo, comunicaráselles aos gañadores e ao resto de participantes mediante carta. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos.

7. Recursos.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, de acordo cos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o presidente do Instituto Galego de Consumo entendéndose desestimado polo transcurso dun mes sen que se dite e notifique a resolución do recurso.

Así mesmo, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente de acordo co disposto no artigo 8.3º, en relación co 14.1º primeira, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

8. Criterios de valoración.

Na valoración do xurado teranse en conta os seguintes aspectos:

-Orixinalidade do traballo, tanto no tema que se trate como na súa formulación e as conclusións obtidas: ata 25 puntos.

-Interese do tema tratado para a Comunidade Autónoma de Galicia: ata 25 puntos.

-A aplicación práctica da investigación á realidade actual e inclusión de propostas de carácter práctico para a mellora da defensa e protección dos dereitos e intereses das persoas consumidoras: ata 25 puntos.

-A redacción do traballo en idioma galego: ata 25 puntos.

9. Obrigas dos premiados.

9.1. A participación no concurso supón a cesión do dereito de divulgación e publicación total ou parcial dos traballos premiados tanto en formato impreso como dixital, ben que non ten carácter de en exclusiva. Así mesmo poderá ser utilizada como material didáctico nas actividades do Instituto Galego de Consumo e, en especial, da Escola Galega de Consumo. A copia en formato dixital será publicada na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

9.2. Os/as autores/as das teses premiadas farán constar que o traballo foi premiado polo Instituto Galego de Consumo en todas as súas publicacións.

9.3. As teses que non sexan premiadas poderán ser retiradas polos interesados na sede do Instituto Galego de Consumo en Santiago de Compostela, dentro dos trinta días naturais seguintes ao de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. As teses non recollidas incorporaranse á biblioteca da Escola Galega de Consumo.

9.4. A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases. En caso de incumprimento poderase retirar o premio concedido co correspondente reintegro das cantidades percibidas.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos nesta resolución haberá que aterse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2006.

Emilio Nogueira Moure

Presidente do Instituto Galego de Consumo