DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 19 de outubro de 2006 Páx. 15.540

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2006 pola que se convoca un curso básico de cartografía, orientación e navegación terrestre.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización dun curso básico de cartografía, orientación e navegación terrestre, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Con este curso preténdese expoñer un método para calcular a situación dun punto coas coordenadas exactas para a localización polos medios de rescate tanto aéreos como terrestres, así como a busca sistemática de persoas desaparecidas, utilizando os coñecementos seguintes:

a) Interpretación do plano en dúas e en tres dimensións.

b) Determinar distancias, larguras e alturas por cálculo indirecto.

c) Determinar distancias nos planos entre puntos visibles ou non visibles no mapa.

d) Calcular, de forma doada, a pendente entre dous puntos.

e) Estimar varias condicións dunha zona de terreo.

f) Poder estimar a contribución do terreo ao comportamento do lume forestal, ao desenvolvemento das inundacións, ao comportamento do vento forte e ás condicións para as axudas aéreas.

g) Poder determinar as direccións cardinais ou a hora universal polas manifestacións naturais (Sol, Lúa, planetas, estrelas, vexetación).

h) Poder navegar polo terreo valéndose dun compás magnético e dun mapa ou dun receptor GPS.

i) Formación para poder progresar nunha metodoloxía sistemática de busca no terreo.

j) Nocións elementais de como traballa unha cartografía dixital, para que poidan desenvolver maiores coñecementos nesta materia.

k) Técnicas de busca e rescate de persoas.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico da Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia.

-Xefes de parque, xefes de quenda e outros mandos dos servizos de bombeiros de Galicia.

-Persoal técnico de Protección Civil da Administración local.

-Presidentes ou xefes de agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 27.

2. Duración e datas: o curso desenvolverase do día 13 ao día 16 de novembro de 2006, cunha duración de 32 horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.30 horas, de luns a xoves.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 7 de novembro de 2006.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo a que estea adscrito e co selo deste e, no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionadas por orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, por fax ao número 986 59 09 88, ou ben poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

A Terra no sistema solar.

-Planetas e constelacións.

-A Lúa.

-A formación dos corpos celestes.

-Movementos da Terra.

Determinación dun punto no espazo.

-Paralelos.

-Meridianos.

-Cálculo de coordenadas angulares.

-Curvas de nivel.

-Pendentes.

A representación do terreo e as escalas.

-Medidas antropométricas para levantamento dun esbozo.

-Escalas.

-Cambios de escalas.

Manexo do compás magnético e cálculos gráficos e trigonométricos.

-O compás magnético e as súas direccións.

-Direccións angulares.

-Declinación magnética.

-Cálculos gráficos.

-Aplicacións trigonométricas.

Tipos de coordenadas e o seu uso.

-Coordenadas angulares e coordenadas UTM.

-Teorema de Pitágoras.

-Cálculo de distancias en coordenadas angulares.

-Cálculo de distancias UTM.

Medicións indirectas en alturas e larguras.

-Alturas: método do leñador, de comparación, de reflexión, da proporción e da tanxente.

-Larguras: método da viseira, do dobre triángulo e da tanxente.

Levantamento de esbozo.

Orientación do terreo.

-Orientación de día pola posición do Sol.

-Orientación de noite pola Estrela Polar, polas constelacións, os planetas e pola Lúa.

-Orientacións por outras manifestacións.

Sistemas GPS.

Introdución á cartografía dixital.

Medios e procedementos específicos de actuación dos membros das unidades de montaña da Garda Civil.

Uso da cartografía do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga).

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://cexesga.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de outubro de 2006.

P.A. (Decreto 23/1993, do 1 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia