DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Mércores, 18 de outubro de 2006 Páx. 15.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2007.

Segundo establece o artigo 34 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para cada tempada.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2007 serán as seguintes:

Número de sorteos.

En cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos, un para permisos de salmón e outro para permisos de troita, incluín

dose neste último, de ser o caso, os permisos de reo, de pesca intensiva e de pesca sen morte. Deste xeito, o número total de sorteos será de oito.

Tipos de solicitudes.

Para cada sorteo, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.

O modelo de solicitude é o que figura no anexo desta resolución. Os impresos de solicitude estarán dispoñibles nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, nesta dirección xeral ou na páxina web http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp.

Quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos.

Presentación das solicitudes.

Poderán presentarse solicitudes escritas no modelo antes sinalado ou por medio dunha aplicación informática dispoñible na páxina web: http://www.xunta.es:444/pescafluvial

Na admisión de solicitudes aplicaranse as seguintes normas:

1. Solicitudes por escrito.

Presentaranse nun Servizo Provincial de Conservación da Natureza ou mediante calquera dos procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Tanto nas solicitudes individuais coma nas solicitudes en grupo, deberá figurar a sinatura de cada solicitante. Así mesmo, a cada solicitude xuntaráselle unha copia do DNI de cada solicitante.

As presentadas dentro do prazo establecido pero que sexan recibidas polo servizo provincial logo do sorteo, asignaráselles un número de elección ao final da listaxe.

2. Solicitudes telemáticas.

Para o acceso ao formulario será necesario introducir o DNI e mais o número da licenza de pesca fluvial, a vixente ou calquera outra de anos anteriores. Para solicitudes en grupo será preciso introducir tanto o DNI coma o número da licenza da totalidade de participantes.

O enderezo para notificacións será o que figura na licenza.

3. Duplicidade de solicitudes nun mesmo sorteo.

O acceso ás solicitudes telemáticas quedará bloqueado logo de que estea rexistrada unha primeira solicitude.

No caso de que un mesmo DNI conste nunha solicitude telemática e mais nunha solicitude escrita, anularase a solicitude telemática.

No caso de que un mesmo DNI conste en varias solicitudes escritas, anularanse as máis antigas, prevalecendo sempre a última data de rexistro de entrada.

No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles DNI repetidos.

Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

4. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución

e rematará o 11 de novembro de 2006 ás 14.00 horas.

5. Consulta da admisión de solicitudes.

As solicitudes admitidas, logo da súa introdución na aplicación informática, poderán ser consultadas na páxina web http://www.xunta.es:444/pescafluvial. Para acceder á consulta será preciso introducir o DNI.

Realización dos sorteos.

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada na aplicación informática.

Os sorteos serán públicos. En cada sorteo disporase dun conxunto de números coincidentes cos das solicitudes. Do conxunto de números extraerase un aleatoriamente. A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir, continuándose a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza o día 15 de decembro de 2006 ás 12.00 da mañá.

Resultados dos sorteos.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina WEB http://www.xunta.es:444/pescafluvial. Para acceder á consulta será preciso introducir o DNI.

Así mesmo, a cada solicitante notificaráselle o día e mais a hora en que poderá escoller os permisos. No caso de solicitudes en grupo só recibirá a notificación quen figure en primeiro lugar.

Elección de permisos.

Para a elección de permisos, os servizos provinciais establecerán grupo de coutos. A listaxe dos grupos de coutos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial e na páxina web http://www.xunta.es:444/pescafluvial. Xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos remitirase unha copia desta listaxe.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos en cada grupo de coutos, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón de Lugo e Pontevedra só se poderá escoller un permiso por cada grupo de coutos.

Na páxina web http://www.xunta.es:444/pescafluvial poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

1. Persoalmente no servizo provincial que corresponda.

2. Mediante chamada telefónica ao número que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Segunda volta.

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nunha segunda volta de escolla.

A orde de escolla será en sentido inverso ao da primeira volta. Xunto coa notificación dos resultados do sorteo facilitarase a data e a hora de escolla na segunda volta.

En canto aos grupos de coutos e ao número de permisos, rexerán as mesmas normas que na primeira volta.

Venda libre.

Os permisos non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos servizos provinciais de Conservación da Natureza ata 10 días naturais antes do comezo da tempada de cada especie. Para a adquisición destes permisos non será preciso ter participado no sorteo.

Manteranse as mesmas normas que no sorteo, non obstante o límite en canto ao número de permisos será diario, de tal xeito que unha determinada persoa só poderá adquirir permisos unha vez ao día.

Finalizado o prazo anterior, os permisos dispoñibles poranse á venda de conformidade co disposto no artigo 35 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Expedición de permisos.

No prazo de 10 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria e recollidos no servizo provincial.

En cada servizo provincial facilitaranse os impresos de liquidación de prezos públicos/privados, necesarios para o pagamento do importe dos permisos nas oficinas bancarias autorizadas. Así mesmo, estes impresos serán remitidos xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos.

Nos casos en que non se retiren os permisos persoalmente, o pagamento deberá acreditarse remitíndolle por fax ao servizo provincial a copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente cuberto. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.

Outras normas.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regula os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2007. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.

Segundo o establecido no artigo 7.3º do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997), os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible. Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa nin obter o reintegro do seu importe, agás no caso previsto no parágrafo anterior.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2006.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO

DE GALICIA