DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 17 de outubro de 2006 Páx. 15.410

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión dos premios á calidade dos materiais didácticos e se convoca a súa primeira edición.

A EGAP, como órgano encargado da formación de persoal ao servizo da Administración pública galega e da investigación en todas as materias que sexan de interese para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia e, se é o caso, doutras administracións de Galicia, considera o fomento e a promoción da investigación e da innovación educativa como principios de calidade do sistema de formación. Polo tanto, considera necesario promover os procesos de investigación que xeren materiais didácticos para a súa utilización, que sirvan, mediante a súa difusión, como apoio á mellora da práctica docente.

O Plan de actividades da EGAP para 2006, aprobado polo Consello Reitor da escola na súa reunión do 23 de xaneiro de 2006, recolle a creación dun premio á calidade dos materiais didácticos. Ten por finalidade fomentar a calidade do deseño e do contido dos materiais didácticos de acordo con criterios de sinxeleza de uso, accesibilidade, compatibilidade e estruturación acaída dos contidos, de maneira que se compatibilice a optimización da información coa minimización de recursos e a calidade estética dos materiais, a adecuación dos contidos aos obxectivos pedagóxicos e ás necesidades formativas dos destinatarios, incorporando instrumentos para a autoavaliación do proceso de aprendizaxe.

Polo exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios á

calidade dos materiais didácticos e convocar a súa primeira edición co seguinte contido:

Primeiro.-Obxectivo.

Os premios á calidade dos materiais didácticos están destinados a distinguir os mellores materiais didácticos no eido da formación nas administracións públicas, en soporte impreso, multimedia e on line.

Segundo.-Premios.

Os premios outorgaranse para tres modalidades de materiais didácticos:

-Modalidade A: premio ao material didáctico en soporte impreso.

-Modalidade B: premio ao material didáctico en soporte multimedia.

-Modalidade C: premio ao material didáctico en soporte on line.

Para cada unha das tres modalidades concederase un premio en metálico de 2.530 euros, o cal estará sometido ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), e un diploma acreditativo para a candidatura gañadora que expedirá o director da EGAP. Co obxecto de recoñecer a calidade dos materiais presentados establécese, ademais, a posibilidade de conceder accésits para cada modalidade, os cales en ningún caso terán contido económico.

Terceiro.-Requisitos dos participantes.

Poderán concorrer á convocatoria dos premios todos os órganos, organismos, unidades ou entidades dependentes da Xunta de Galicia, entidades locais, sindicatos e universidades galegas, a excepción do órgano convocador, ou persoa física ou xurídica que teña desenvolvido materiais para a execución de formación das administracións públicas no período 2004, 2005 ou 2006. Cada entidade ou persoa só poderá concursar nunha das modalidades previstas na presente convocatoria.

Cuarto.-Presentación das solicitudes.

Os candidatos especificados no punto anterior que desexen participar no premio deben completar o formulario que figura como anexo a esta resolución e dirixilo ao director da EGAP. Xunto con este formulario entregarase o material didáctico que opta ao premio, así como unha memoria explicativa deste. No caso dos materiais en liña, entregarase o esquema gráfico da súa estrutura e facilitaráselle ao xurado o acceso para proceder á súa avaliación.

O prazo de presentación finalizará o 22 de novembro deste ano.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da EGAP, na rúa de Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, en persoa ou por correo certificado, baixo a epígrafe «Premios á calidade dos materiais didácticos». Deberase indicar a modalidade á que se concorre.

O material didáctico debe estar editado e ter sido utilizado en accións formativas incluídas en plans de formación dos anos 2004, 2005 ou 2006.

A memoria mencionada neste mesmo punto non debe superar en extensión as dez páxinas en formato A4. Nela incluirase a seguinte información:

-Datos de identificación da entidade ou persoa concorrente.

-Certificación da autoría intelectual do material didáctico.

-Denominación da acción formativa en que se utilizou o material didáctico que se presenta, indicando o exercicio en que se incluíu a dita acción no correspondente plan de formación.

-Indicación da área de contido á que se refire o material didáctico e resumo dela.

-Relación do contido coas necesidades formativas do colectivo ao que se dirixe, con indicación da técnica ou técnicas de avaliación de necesidades que se aplicou.

-Destinatarios da acción formativa á cal serve de apoio o material didáctico.

-Obxectivos pedagóxicos e secuencia de aprendizaxe necesaria para a súa consecución.

-Instrumentos que incorpora o material didáctico para a autoavaliación do proceso de aprendizaxe por parte do alumno.

-Resultado da avaliación do material didáctico por parte dos destinatarios da acción formativa na cal foi utilizado.

Quinto.-Valoración das solicitudes.

O xurado valorará os materiais didácticos de acordo cos seguintes criterios obxectivos, seguindo a ponderación sobre cen puntos que se indica a continuación:

a) Accesibilidade, máximo dez puntos.

b) Compatibilidade, máximo dez puntos.

c) Interactividade, máximo dez puntos.

d) Adecuación da lingua ao soporte elixido, máximo dez puntos.

e) Sinxeleza de utilización, máximo dez puntos.

f) Estruturación axeitada dos contidos, de maneira que se conxugue a optimización da información coa minimización de recursos e a calidade estética dos materiais, máximo dez puntos.

g) Adecuación dos contidos aos obxectivos pedagóxicos e ás necesidades formativas dos destinatarios do material didáctico, máximo vinte puntos.

h) Incorporación de instrumentos de autoavaliación do proceso de aprendizaxe, máximo dez puntos.

i) Consideración do enfoque de xénero entre os obxectivos pedagóxicos, máximo dez puntos.

Para a avaliación destes criterios, o xurado poderá solicitar o asesoramento de expertos nas diferentes modalidades do premio.

O xurado será designado polo director da EGAP e estará composto por un presidente, tres vogais -designados entre persoas de recoñecido prestixio e con experiencia no eido da formación- e un secretario, que actuará con voz pero sen voto.

O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas no capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto.-Resolución.

O xurado propoñerá unha resolución ao director da EGAP co gañador/a do premio e os accésits. Se, a xuízo do xurado, ningunha candidatura reúne os méritos suficientes, os premios serán declarados desertos.

A concesión dos premios, que se realizará por resolución do director da EGAP será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo.-Compromisos da EGAP.

a) O Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP instruirá os actos de trámite necesarios para a concesión dos premios.

b) As persoas que interveñan no proceso de instrución, valoración ou concesión dos premios gardarán o segredo sobre o resultado das avaliacións das candidaturas que se presenten.

c) Os materiais didácticos serán devoltos, por petición dos promotores, tras a publicación da concesión dos premios, nun prazo non superior a dous meses; finalizado este prazo, poderán ser incorporados ao Fondo Documental sobre Formación Continua da EGAP.

d) A EGAP facilitará información sobre a convocatoria na súa sede. Teléfono: 981 54 62 47, e na súa páxina web, http://egap.xunta.es, onde tamén se exporá o contido desta convocatoria e se farán públicas a composición do xurado e a resolución sobre a concesión dos premios.

e) A Secretaría Xeral da EGAP levará a cabo os trámites necesarios para satisfacer os importe dos premios ás candidaturas gañadoras, cuxo aboamento se fará con cargo á dotación prevista na partida 06.08.122A.480.0 dos orzamentos da EGAP para 2006, así como todos os gastos derivados da execución desta convocatoria.

f) A EGAP comprométese a difundir o resultado dos premios na memoria de actividades de formación continua correspondente a 2006, así como na páxina web da escola.

Oitavo.-Compromisos dos participantes.

a) Facilitar á EGAP toda canta información lles sexa requirida sobre o material didáctico obxecto da candidatura.

b) As entidades premiadas, para obter a condición de beneficiario, deberán cumprir cos requisitos que establece a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e disposicións de desenvolvemento.

c) As entidades premiadas deberán facilitar canta información lles sexa requirida ao Consello de Contas.

d) A presentación da candidatura a esta convocatoria supón a aceptación do seu contido.

e) Posibilidade de uso pola EGAP, despois da cesión dos dereitos, dos materiais didácticos, de acordo coa Instrución do 29 de marzo de 2006 sobre retribucións das colaboracións que se prestan nas actividades que realiza a EGAP.

f) Cesión para exposición ou publicación dos materiais presentados a esta convocatoria.

Noveno.-Incompatibilidades.

A obtención dos premios á calidade dos materiais didácticos será incompatible coa consecución de calquera outro premio ou subvención para a mesma finalidade.

Décimo.-Réxime xurídico.

a) A primeira edición dos premios á calidade dos materiais didácticos gobernarase polo disposto nesta resolución, así como pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e disposicións de desenvolvemento, e polas demais normas de dereito administrativo.

b) En todos os casos o director da EGAP resolverá as incidencias que se puidesen presentar, así como os supostos non previstos nesta convocatoria, de conformidade coa normativa citada na epígrafe a). Contra as resolucións que se adopten en virtude desa facultade poderá interporse o correspondente recurso atendendo á natureza concreta do acto sobre o que se resolva e de acordo coa normativa anteriormente citada.

Décimo primeiro.-Recursos.

Contra esta resolución e os actos administrativos derivados dela, que poñen fin á vía administrativa, só se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do potestativo recurso de reposición previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública