DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 17 de outubro de 2006 Páx. 15.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 10 de outubro de 2006 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas de carácter socioeconómico convocadas pola Orde do 4 de xaneiro de 2006.

A Orde do 4 de xaneiro de 2006, pola que se particulariza para o exercicio orzamentario 2006 o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico establece no seu artigo 2º o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba sobexamente a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da maior parte das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 2 da Orde do 4 de xaneiro de 2006, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 4 de xaneiro de 2006 coa finalidade de achegar as mesmas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 4 de xaneiro de 2006 (DOG nº 67, do 5 de abril) en 2.560.046,77 euros, con cargo á aplicación 14.03.614B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos