DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 17 de outubro de 2006 Páx. 15.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 11 de outubro de 2006 pola que se regulan os permisos ao persoal da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas eleccións sindicais aos órganos de representación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

Ante a proximidade das eleccións sindicais para a cobertura da totalidade de delegados de persoal, membros dos comités de empresa e de xuntas de persoal, que se celebrarán no período 2006-2007, faise preciso sinalar o sistema de permisos aos membros de candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración, interventores e apoderados das candidaturas e aos electores en xeral; en consecuencia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración terán dereito, de ser preciso, a permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial, logo da pertinente xustificación, polos que percibirán as axudas de custo e gastos de viaxes previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia e na Resolución do 29 de decembro de 2005, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta sobre a revisión da contía das indemnizacións por uso de vehículo particular e das axudas de custo en territorio nacional. Os membros das mesas disporán, así mesmo, dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e unha redución de cinco horas na súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Segundo.-Os apoderados e interventores das candidaturas que se designen, se é o caso, terán permiso durante todo o día da votación e unha redución da xornada na data inmediatamente posterior nas condicións sinaladas no parágrafo anterior.

Terceiro.-Os electores en xeral terán permiso polo tempo indispensable para exercer o seu dereito ao voto, segundo as instrucións concretas que dite cada órgano de persoal, podendo este exixirlles un xustificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta en que vote, cando esta estea situada fóra do seu centro de traballo.

Cuarto.-A presente disposición non é aplicable nas eleccións aos representantes do persoal ao servizo das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza