DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2006 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2006, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a convocatoria dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o colectivo voluntario de Protección Civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan superado o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes na estrada. Terán prioridade os membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) que dispoñan de equipamentos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para o curso será de 27.

2. Duración e datas:

O curso realizarase nas datas do 13 ao 17 de novembro e cunha duración de 40 horas lectivas.

O horario será das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.30 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de novembro de 2006.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e co selo desta e, no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupa

ción, relacionadas por orde de preferencia. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo ou fax á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

No curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranoencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de vítimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://cexesga.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de outubro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia