DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de outubro de 2006 pola que se convocan axudas para a realización de escolas viaxeiras durante o ano 2007.

As escolas viaxeiras cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de educación primaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 540 axudas (36 grupos) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 4º, 5º e 6º de educación primaria en centros ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das escolas viaxeiras.

2. As escolas viaxeiras levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 27 de marzo e o 11 de xuño (primeira quenda) e entre o 25 de setembro e o 26 de novembro (segunda quenda) de 2007.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de entre doce e quince (12 e 15), aos que acompañará un/unha profesor/a do seu centro, preferiblemente o/a titor/a correspondente.

Segundo.-Cada grupo de entre doce e quince alumnos/as percorrerá, xunto con outros dous grupos similares doutras comunidades, unha das rutas relacionadas no anexo I, ao longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido o martes da semana que corresponda coa chegada dos alumnos á cabeceira da ruta (preferentemente pola tarde) e, finalizando o luns seguinte (preferentemente pola mañá).

Terceiro.-As axudas ás que se refire a presente orde comprenderán:

a) O transporte desde a localidade onde está situado o centro escolar para un total de entre 12 e 15 alumnos e un profesor ata a cabeceira de ruta (lugar onde está situada a residencia), de acordo cos seguintes módulos de distancia en quilómetros (ida e volta). Unha pequena parte desta axuda poderá dedicarse á preparación pedagóxica da actividade.

Menos de 500 km: ata un máximo de 989 A.

Entre 501 e 1.000 km: ata un máximo de 1.483 A.

Entre 1.001 e 2.000 km: ata un máximo de 2.192 A.

Entre 2.001 e 2.500 km: ata un máximo de 2.670 A.

Máis de 2.500 km : ata un máximo 3.164 A.

Centros que percorran as rutas das illas Baleares, Canarias e Melilla: ata un máximo de 4.500 A.

b) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

c) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta.

d) A cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Cuarto.-Os/as profesores/as acompañantes (un por cada grupo de entre 12 e 15 alumnos/as) que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso,

profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.-Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II da presente orde, á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitante e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Relación de alumnos/as e profesor/a acompañante participantes na actividade (anexo V).

d) Aprobación do Consello Escolar do centro, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de novembro de 2006.

Sétimo.-En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas, que estará presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue e integrada, en calidade de vogais, por:

-Un inspector de educación (nivel de educación primaria).

-Dous directores de colexios de educación primaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación.

Todos eles serán designados polo delegado provincial.

Oitavo.-As comisións provinciais reuniranse no prazo máximo de quince días naturais, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas, tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situado o centro docente, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro participou nesta actividade en anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron.

Cada comisión provincial elaborará unha relación de centros solicitantes, por orde de preferencia, en función dos criterios de valoración sinalados e remitiralla de inmediato á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Noveno.-A proposta de selección será realizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través dunha comisión constituída con tal fin e con base nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que os grupos de alumnos de 4º, soamente poderán participar na segunda quenda, os de 6º na primeira e os de 5º en ambas as dúas quendas.

O prazo máximo para elaborar a proposta será de 3 meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria, considerándose desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra a proposta de centros seleccionados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderase interpoñer reclamación, no prazo máximo de 10 días naturais, segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación e Ciencia, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de escolas viaxeiras; por iso, os centros participantes, a través do profesor/a acompañante coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo dun mes desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 10 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.-A memoria de avaliación a que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da escola viaxeira, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados, así como relación nominal de alumnos/as e profesor/a participantes na actividade.

b) Diario da viaxe en que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da escola viaxeira, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos no contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais alcanzado polo colectivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Catálogo de rutas

* Ruta de Andalucía Occidental.

-Resumo de contidos.

Comarca de Los Pedroches: industria alimentaria COVAP (Pozoblanco). Montoro. Fábrica de aceite e mel. Córdoba: Patrimonio da Humanidade. Conxunto arqueolóxico de Madinat Al-zahara. Alcázar. Paseos vivos por Córdoba. Xudaría e sinagoga. Córdoba: Patrimonio da Humanidade. Mezquita. Alcázar dos Reis Cristiáns. Sevilla: catedral, Xiralda, Reais Alcázares, barrio de Santa Cruz, praza de España e parque de María Luisa. Parque natural da serra de Cardeña e Montoro: encoro de Tejoneras e aldea del Cerezo.

Aloxamento: Residencia Escolar M. Careaga y C. de Mora, Doctor Fléming, 1, 14445 Cardeña (Córdoba). Teléfono: 957 17 41 20.

Número de grupos: segunda quenda, 2.

* Ruta de Andalucía Oriental.

-Resumo de contidos.

El Ejido: cultivos intensivos baixo plástico. Predio experimental de Las Palmerillas. Conxunto arqueolóxico de Los Millares. Níjar e a súa artesanía. Paraxe natural Karts en Yesos de Sorbas. Cova e centro de interpretación. Mojácar e Garrucha. Granada: parque de Las Ciencias, a Alhambra, o Xeneralife, pazo de Carlos V. Parque natural de Cabo de Gata: Las Amoladeras e xardín botánico. San José. Almería: praza do Concello, catedral, centro da cidade e Alcazaba. Deserto de Tabernas.

Aloxamento: Residencia Escolar Carmen de Burgos. Estrada de Níjar, km 7, Almería. Teléfono: 950 62 60 33.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Cataluña.

-Resumo de contidos.

A industria de transformación agrícola: visita a unhas cavas. O val de Nuria. A montaña de Montserrat. Barcelona: o Palau da Generalitat, a Sagrada Familia, o parque Güell, a Rambla, o Liceo, o zoolóxico, os museos e o porto.

Aloxamento: albergue Torre Ametller, Veïnat de Santa Elena d'Agell, Cabrera de Mar (Maresme). Barcelona. Teléfono: 937 59 44 48.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Navarra.

-Resumo de contidos.

Vales pirenaicos: Roncal e Baztán. Camiño de Santiago: Puente La Reina e Estella. Pamplona capital. Ribeira tudelana e Bárdenas.

Aloxamento: Centro Puente, estrada Señorío de Sarriá s/n, 31100 Puente La Reina (Navarra). Teléfono: 689 70 18 36.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 0.

* Ruta de Aragón.

-Resumo de contidos.

O cinturón industrial de Aragón. A comunidade autónoma e a súa organización. A auga, o Ebro, pasado, presente e futuro. O medio físico, desenvolvemento sustentable. O medio rural, as súas diferentes formas de vida. Costumes e crenzas. Huesca e provincia: arte románica. Vilas abandonadas. Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido. Zaragoza monumental: un paseo pola cidade. Teruel: paleontoloxía e bacías mineiras.

Aloxamento: Residencia de Actividades de Alumnos Venta del Olivar. Praza Mayor s/n, barrio da

Venta del Olivar. 50011 Zaragoza. Teléfono: 976 34 11 33.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Toledo.

-Resumo de contidos.

Toledo capital, institucións. O seu contorno: os montes de Toledo. Aula da natureza El Borril. Parque arqueolóxico de Carranque. La Mancha: Madrilejos, Consuegra, ruta Cervantina: Illescas y El Toboso. Toledo artístico, cultural e monumental.

Aloxamento: Albergue Santa María del Sagrario. Estrada de Andalucía, km 36200; 45224 Seseña Nuevo (Toledo). Teléfono: 918 93 61 52.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Burgos.

-Resumo de contidos.

Percorrido urbano I: Atapuerca, industria, mosteiro de Las Huelgas. La Bureba: Briviesca, Frías, Oña e Poza de la Sal. La Ribeira: Sas de Los Infantes, Peñaranda del Duero. Percorrido urbano II: catedral, senda da natureza, núcleo histórico e ruínas do castelo de Burgos. Val do Arlanza: Lerma, Covarrubias, La Yecla.

Aloxamento: Escola Fogar de Fuentes Blancas. Burgos. Teléfono: 947 30 03 28.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Salamanca.

-Resumo de contidos.

Salamanca monumental. Base aérea de Matacán. Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (Fundación Germán Sánchez Ruipérez). Terras de Abadengo (Lumbrales e Castelo de San Felices de los Gallegos) e Las Arribes del Duero (Saucelle). Ruta da Prata. Béjar (museo téxtil, Museo Mateo Hernández). Candelario. Ruta de Ciudad Rodrigo. Ciudad Rodrigo (visita monumental e centro de interpretación das fortificacións da fronteira). La Alberca.

Aloxamento: Escola Fogar de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Teléfono: 923 20 02 21.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Soria.

-Resumo de contidos.

Berlanga de Duero, San Baudelio, Tajueco, Gor

Canón do río Lobos, Burgo de Osma. San Esteban de Gormaz. Almazán, Medinaceli.

Aloxamento: Escola Fogar Nuestra Señora del Campanario de Almazán (Soria). Estrada de Madrid s/n, 42200 Almazán. Teléfono: 975 30 03 28.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 1.

* Ruta de Estremadura.

-Resumo de contidos.

Cáceres: Patrimonio da Humanidade. Alcántara: a produción hidroeléctrica de Estremadura. Mérida: capital románica e autonómica. Plasencia e parque natural de Monfragüe. Guadalupe e Trujillo: Estremadura e América.

Aloxamento: IES Universidade Laboral (casitas). Avenida da Universidade s/n, 10004 Cáceres. Teléfono: 927 22 59 66.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 2.

* Ruta de Madrid.

-Resumo de contidos.

A Serra: Parque Rexional del Manzanares El Real, San Lorenzo de El Escorial. Museo do Prado, Madrid dos Borbóns. Os transportes: o metro. Medios de comunicación audiovisuais. Parque zoolóxico. Visita a unha vila da comunidade, visita a unha industria, aeroporto de Barajas, Cosmo Caixa Parque do Retiro. Madrid dos Austrias.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares. Estrada de Colmenar Viejo, km 12,800 Madrid, teléfono: 913 72 12 84 e 917 34 27 00, extensión: 223.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 2.

* Ruta de Murcia.

-Resumo de contidos.

Agricultura intensiva e industrias derivadas: visita ao sementeiro El Jimenado e ao centro de capacitación agraria en Torre Pacheco e industria de transformación (fábrica de conservas en Campos del Río). Cartagena: Museo Nacional de Arqueloxía Marítima. Porto e percorrido pola cidade (teatro romano). Asemblea Rexional, Portman e Museo Mineiro da Unión. A auga e a horta: trasvase Teixo-Segura (Casa da Auga), sistemas tradicionais de rega (Norias de Abarán). Coñecemento do río Segura (percorrido de itinerario ambiental), curso de vela e piragua. Murcia: Museo da Ciencia e a Auga, Museo Salzillo, e percorrido pola cidade (ca

tedral). O Mar Menor, subida ao monte El Carmolí en Los Urrutias. Percorrido no barco polo Mar Menor (illa de La Perdiguera e porto de Tomás Maestre na Manga).

Aloxamento: CAR Infanta Cristina Mar Menor. Los Alcázares. Teléfono: 968 57 51 89.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 2.

* Ruta da Rioxa.

-Resumo de contidos.

Logroño. Camiño de Santiago: Logroño, Navarrete, Nájera, Santo Domingo de la Calzada. Mosteiros de Suso e Yuso: Patrimonio da Humanidade. Briones. Haro: museo enolóxico. A ribeira do Ebro: Calahorra, cidade mercado das verduras. Arnedo: Museo de Ciencias Naturais. A serra de Cameros: espazos naturais, covas de Ortigosa de Cameros. Serra de Cebollera: Villaoslada de Cameros e Lomos de Orios.

Aloxamento: IES La Laboral, avenida de La Rioja nº 6, 26140 Lardero (La Rioja). Teléfono: 941 44 96 52 e 941 44 97 52.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 0.

* Ruta de Baleares.

-Resumo de contidos.

Palma. A cidade e os seus monumentos: historia, arte, costumes, lugares singulares. As comarcas físicas de Mallorca: Llevant, Pla, Es Raiguer, Tramuntana e Migjorn; coñecendo a agricultura, a industria, o turismo, os medios de transporte e o medio natural.

Aloxamento: Albergue da praia de Palma. R/ Costa Brava, 13 07610 Palma de Mallorca. Teléfono: 971 26 08 92.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Euskadi.

-Resumo de contidos.

Vitoria Gasteiz e a chaira alavesa: Vitoria Gasteiz, capital institucional, a grande descoñecida e modelo da cidade de desenvolvemento sustentable. Bilbao e a súa zona de influencia: cidade industrial, o contorno da ría e o turismo. Donostia-San Sebastián: capital turística, importancia da paisaxe urbana. Gernika e a ría de Mundaka: achegamento aos símbolos históricos do Pais Vasco. O mar e a súa influencia no sector pesqueiro. Reserva da biosfera Vitoria Gasteiz. A cidade e o seu trazado urbanístico; planificación e servizos.

Aloxamento: Residencia Carlos Abaitua. R/ Escultor Díez s/n, 01007 Vitoria, Teléfono: 945 14 81 15.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta de Gran Canaria.

-Resumo de contidos.

Norte-noroeste da illa: San Lorenzo. Tamaraceite. Tenoya. Arucas (visita igrexa de San Xoán Bautista). Almacén e empaquetado de plátanos. Cenobio de Valerón. Costa de Santa María da Guía, Gáldar. Agaete. Porto pesqueiro de Las Nieves (baño na praia). Este-norte da illa: núcleo histórico da vila de Agüimes: Centro de Interpretación de San Antón, igrexa de San Sebastián. Xardín botánico de Viera e Clavijo. Museo da Ciencia. Sureste da illa: dunas de Maspalomas. La Charca. El Palmeral. Playa del Inglés (baño). Centro-norte da illa: núcleo antigo da cidade de Las Palmas de Gran Canaria: Vegueta e Triana. Paseo pola praia de Las Canteras. Zona da Cume: cumes de Gran Canaria. Santa Brígida. San Mateo. Cruz de Tejeda, Roque Nublo. Valle Seco. Teror. Las Palmas.

Aloxamento: Residencia Escolar Las Palmas, estrada Lomo Blanco, 44; 35017 Las Palmas de Gran Canaria. Teléfono 928 35 02 76/35.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

* Ruta da Comunidade Valenciana.

-Resumo de contidos.

Sagunto: castelo e teatro romano. Valencia: centro histórico. El Saler e La Albufera. Alicante. Benidorm. Valencia: metrópole. Cidade das Artes e as Ciencias.

Aloxamento: Centro La Salle de Liria. Estrada de Ademuz, km 30, apartado correos 286. 46160 Liria (Valencia). Teléfono: 962 79 06 42.

Número de grupos: primeira quenda, 1; segunda quenda, 1.

* Ruta de Asturias.

-Resumo de contidos.

Oviedo: Xunta Xeral do Principado, arte prerrománica asturiana, Museo de Belas Artes e zona antiga. Cabo Vidio e Cudillero: panorámica. Concas mineiras: Centro de Formación do Consumidor e Museo da Minaría. Gijón: panorámica da cidade, Universidade Laboral, Museo do Ferrocarril Llagar Cabueñes. Tamón: aula da natureza de Furta e produción industrial. Cangas de Onís: Covadonga (Real sitio), Lagos de Covadonga e Parque Nacional dos Picos de Europa. Llanes (panorámica). Vilanova de Santo Adriano: ruta do oso (cercado e Casa do Oso e visita a Proaza).

Aloxamento: Perlora (cidade de vacacións). Perlora, Carreño. 33491 Principado de Asturias. Teléfono: 985 87 02 50.

Número de grupos: primeira quenda, 1.

ANEXO IV

Obxectivos xerais.

-Lograr un adecuado nivel de coñecementos e comprensión integral da comunidade visitada, as súas xentes e costumes, as súas terras, a súa historia e os seus recursos.

-Fomentar a convivencia e cooperación entre os alumnos, aceptando as diferenzas culturais e lingüísticas dos diferentes grupos, e potenciando o desenvolvemento das capacidades individuais.

-Crear hábitos e actitudes positivas na defensa e conservación do ambiente e do patrimonio, comezando polo contorno cotián dos alumnos.

-Procurar o desenvolvemento e a utilización dunha metodoloxía activa e participativa de profesores e alumnos, e o intercambio de experiencias singulares, en relación coa ruta.

-Ampliar, desde o punto de vista didáctico, o ámbito de actuación da escola mercé á investigación e deseño de novas situacións de aprendizaxe, extensivas ao antes e despois da realización da ruta.

Aspectos previos.

-A escola viaxeira é, ante todo, escola. Ofrécelle ao profesor a posibilidade de participar no deseño e experimentación de novas situacións de aprendizaxe, partindo dun modelo docente baseado no seu protagonismo como figura activa do propio currí

culo, concibido como unha realidade flexible e xeradora dos seus propios contidos.

-O desenvolvemento da personalidade nas súas dimensións individual e social e o de actitudes a hábitos de cooperación, apertura cara a formas novas de participación responsable ou a formación do espírito creativo e sentido crítico ante os estímulos do medio. E tamén ao que fai referencia a unha escola non homoxeneizadora, que valore e procure desenvolver as peculiaridades do individuo e do seu estilo persoal e social, favorecendo a convivencia rexional.

-Contribuír a que a acción formativa se inspire no respecto á pluralidade lingüística e cultural de España, a través do coñecemento e comprensión, precisamente, dos distintos pobos que a constitúen, e da convivencia, ao propio tempo, entre alumnos de distintas procedencias.

-Unha nova lectura da realidade que haberá de repercutir de forma positiva nos centros, e que se traduce nunha consideración do medio non como algo separado e distinto do suxeito, senón como o espazo de relacións de toda índole que este establece, e no que interveñen todos os procesos de comunicación e interacción.

Aspectos de metodoloxía e deseño.

-O esquema metodolóxico que máis claras referencias pode ofrecer ao profesor a cargo dos grupos é o que relaciona os principais axentes educativos, humanos e materiais, que concorren na actividade e nunha primeira aproximación.

-O profesor, en primeiro lugar, como responsable dos alumnos ao seu cargo, deberá desenvolver os obxectivos específicos do seu proxecto de participación, adecuándoos aos obxectivos xerais da ruta establecida pola coordinación.

Na orde técnica velará para que os seus alumnos asistan provistos da documentación e equipamento necesarios.

-O coordinador, como garante dos propósitos educativos e pedagóxicos da experiencia, establecerá os mecanismos e recursos necesarios para a consecución, por unha banda, dos ditos propósitos e, por outra, das expectativas contidas no proxecto de cada un dos grupos participantes. Realizará para isto a posta en común pertinente ao inicio da experiencia e outras máis específicas no curso do seu desenvolvemento.

-O axudante de coordinación levará a coordinación a un nivel máis concreto de actividades e visitas, de acordo coa proposta de ruta e coas previsións didácticas que se establecesen entre os grupos. Na orde técnica velará pola normal secuenciación das

actividades e os aspectos que, en xeral, lle sexan asignados pola coordinación.

-O alumno é o verdadeiro protagonista da actividade. É necesario conseguir a súa participación activa a través dos recursos (caderno de campo e outros) máis apropiados, tanto desde o punto de vista social e convivencial coma do desenvolvemento das súas capacidades individuais.

-Os recursos, como elemento clave no deseño, partindo dos máis próximos ao ámbito de formación do alumno (importancia dos recursos do propio centro de procedencia) e dos propios da comunidade visitada. A infraestrutura (residencia, transporte, etc.) como recurso ao servizo da actividade.

-O ámbito de desenvolvemento da experiencia máis alá da súa realización práctica, e que se estende aos centros de destino dos grupos. Importancia da avaliación e o seguimento, posteriormente dos diferentes aspectos e contidos que se desenvolveron. A memoria, como reflexión xeral sobre as expectativas e logros da actividade.