DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de setembro de 2006 pola que se convocan axudas para a realización de rutas literarias durante o ano 2007.

As rutas literarias cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Ademais, tendo en conta que durante o curso 2006/2007 se vai celebrar o octoxésimo aniversario do nacemento e identificación da Xeración do 27 como grupo literario, nesta campaña o programa que agora se convoca vai ofrecer aos alumnos participantes a posibilidade de percorrer unha ruta específica denominada Poetas do 27.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de educación secundaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 96 axudas (2 grupos de rutas literarias e 1 da vida e obra de Juan Ramón Jiménez -Andalucía-, 1 grupo á ruta de Canarias e outro grupo a Andalucía á ruta de Poetas do 27) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das rutas literarias.

2. As rutas literarias levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 20 de febreiro e o 16 de xuño de 2007.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de entre vinte e vinte e catro (20 e 24), aos que acompañarán dous (2) profesores/as do seu centro, ou centros, preferiblemente o/a titor/a correspondente, que se responsabilizarán para todos os efectos da adecuada participación do grupo na actividade.

Segundo.

Cada grupo percorrerá unha das rutas relacionadas no anexo I, durante unha semana, iniciándose o seu percorrido segundo as instrucións que no seu día a coordinación desta comunidade autónoma determine.

Terceiro.

As axudas ás que se refire a esta orde comprenderán:

a) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

b) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta Unha pequena parte desta axuda poderá dedicarse á preparación pedagóxica da actividade.

c) A cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.

Para o desprazamento desde a localidade do centro ou centros participantes ata a cabeceira de ruta poderanse solicitar axudas para cada grupo participante (composto por 20 a 24 alumnos e 2 profesores-acompañantes), nos que se incluirán os gastos de preparación e desenvolvemento da actividade, segundo o módulo de distancia en quilómetros (ida e volta), entre a localidade do centro e a cabeceira do itinerario:

Menos de 500 km: ata un máximo de 1.607 A.

Entre 501 e 1.000 km: ata un máximo de 2.410 A.

Entre 1.001 e 1.500 km: ata un máximo de 2.946 A.

Entre 1.501 e 2.000 km: ata un máximo de 3.562 A.

Entre 2.001 e 2.500 km: ata un máximo de 4.338 A.

Máis de 2.500 km: ata un máximo de 5.142 A.

Centros que percorran as rutas das illas Baleares e Canarias: ata un máximo de 6.000 A.

Cuarto.

Os/as profesores/as acompañantes, que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que

van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.

Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II desta orde, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa).

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitante e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro ou centros e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do consello escolar do centro, ou centros, no caso de agrupar alumnos de varios centros, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o décimo quinto día hábil, contado a partir do mesmo día da súa publicación no DOG.

2. As solicitudes poderánse presentar no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, directamente ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar as súas solicitudes nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos, antes de ser certificada.

Sétimo.

1. Na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida pola subdirectora xeral de Centros, ou persoa en quen

delegue, e integrada, en calidade de vogais, por:

-Dous directores de centros de educación secundaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-O coordinador de rutas literarias en Galicia.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral.

Todos eles serán designados pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos relacionados no punto quinto b). Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Oitavo.

A comisión reunirase no prazo máximo de trinta días hábiles, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situada o centro ou centros docentes, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro ou centros participaron nesta actividade nos anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron e que gozarán de preferencia.

Noveno.

O prazo máximo para elaborar por parte da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de centros seleccionados será de 3 meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; considerándose desestimadas, de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra esta proposta de centros seleccionados, poderase interpoñer reclamación, no prazo de 10 días naturais, segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Edu

cación e Ciencia, efectuará o seguimento e avaliación global do Programa de Rutas Literarias; por iso, os centros participantes, a través dos profesores/as acompañantes coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo dun mes desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 15 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.

A memoria de avaliación a que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da ruta literaria, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe en que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da ruta literaria, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos, o contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

d) Relación nominal de alumnos e profesores participantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Catálogo de rutas

* Ruta de Andalucía.

-Itinerario. Vida e obra de Juan Ramón Jiménez.

-Resumo de contidos: Moguer: paseo literario polas rúas de Moguer, obradoiro literario natureza viva, natureza morta, natureza. Porto de Sta. María: relacións desta localidade coa infancia de Juan Ramón. Internado. Visita á Fundación Rafael Alberti e paseo pola localidade. Sevilla, paseo literario pola Sevilla de Juan Ramón e vistia ao Ateneo de Sevilla. Moguer. Visita á Casa Museo Zenobia e obradoiro literario sobre a figura de Zenobia na obra de Juan Ramón Jiménez: Zenobia Juan Ramón entre dunas. A Rábida-Moguer: visita ao lugar da Rábida: Universidade Internacional de Andalucía e Mosteiro. Obradoiro literario unha semana nas nosas vidas.

Aloxamento: instalación xuvenil de Punta Umbría. Avda. do Océano, 13, 21100 Punta Umbría (Huelva).

* Ruta de Andalucía.

-Itinerario Poetas do 27.

-Resumo de contidos: Sevilla de Cernuda: paseo literario por Sevilla de L. Cernuda. Os Reales Alcázares na obra de Cernuda. Encontro con Poetas: Ateneo de Sevilla. Alberti e o Puerto: visita á Fundación Rafael Alberti. Obradoiro da natureza. Málaga de Vicente Aleixandre: percorrido literario por Málaga. Centro Cultural da Xeración do 27. Obradoiro literario na praia. Granada, lugares lorquianos: visita Casa Museo Federico García Lorca. Casa familiar de Valderrubio. Casa natal horta de San Vicente. Poesía e natureza en Granada: visita ao barranco de Víznar. Paseo literario lugares lorquianos. A Alhambra. Obradoiro literario: Unha semana nas nosas vidas e no parque natural de Huétor.

Aloxamentos:

Instalación xuvenil de Sevilla. R/ Isaac Peral, 2, 41012 Sevilla.

Instalación xuvenil de Víznar (Granada). Camiño da Fonte Grande s/n, 18179 Víznar (Granada).

* Ruta de Canarias.

-Itinerario Unanumo e a paisaxe canaria.

-Resumo de contidos: percorrido pola cidade de Las Palmas de Gran Canaria. A paisaxe interior de Gran Canaria (I): Teror, La finca de Osorio. A paisaxe interior de Gran Canaria (II): vila de Moya, Los Tiles, vila de Agaete. A paisaxe interior de Gran Canaria: As Cumes (III) (Cruz de Tejeda, Degollada de las Palomas, Artenara). Outra paisaxe de Gran Canaria: o sur (Telde).

Aloxamento: residencia escolar Las Palmas. Estrada de Lomo Blanco, 44, 35017, As Palmas de Gran Canaria.

ANEXO IV

Obxectivos xerais

1. Descrición do programa. O Programa Rutas Literarias e un recurso educativo, pensado para alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, que pretende complementar a formación que se imparta na aula por medio da realización dunha ruta literaria. Con el, á vez que se potencia e consolida o hábito lector da poboación escolar, posibilitase que se coñeza e aprecie a riqueza cultural, natural e lingüística do noso territorio.

2. Obxectivos. Serán obxectivos prioritarios, entre outros:

Suscitar nos alumnos unha actitude de aprendizaxe permanente, tanto dentro como fóra da aula.

Desenvolver o hábito lector como fonte de aprendizaxe, coñecemento e desenvolvemento persoal.

Coñecer os aspectos básicos da diversidade cultural, natural e social co fin de poder valoralos e respectalos.

Apreciar e desfrutar co pracer que proporciona a lectura e a posibilidade de recreala vivencialmente.

Fomentar a convivencia entre os diferentes grupos que comparten a actividade e o traballo en equipo.

3. Aspectos de deseño e metodoloxía. O programa desenvólvese seguindo unha ruta literaria que xira en torno a un libro, personaxe e/ou autor relevante e que traballarán previamente nos centros os alumnos. Isto dará a pauta para coñecer in situ os lugares que serviron de inspiración ou guiaron a narración lida; ou ben as vilas e cidades das comunidades visitadas relacionadas cos autores e persoeiros sobre os que se profundou, así como outras riquezas culturais, sociais e naturais que caracterizan a comunidade.