DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 30 de setembro de 2006, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca un concurso de premios dirixido ao alumnado das escolas de arte e bacharelatos artísticos para a elaboración de carteis que teñan como tema o consumo responsable.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Consumo, conscientes da necesidade de formar o alumnado da Comunidade Autónoma de Galicia para adquisición dun espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e elixir de xeito libre e responsable, é dicir, a preparación para o exercicio da cidadanía e para a participación activa na vida económica, social e cultural, con actitude crítica e responsable, convocan para o ano 2006 un concurso de premios dirixidos ao alumnado das escolas de arte e bacharelatos artísticos, para a elaboración de carteis sobre o consumo responsable, invitando os participantes a reflexionar sobre as características da sociedade de consumo, utilizando como medio a creación artística.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis tendo como tema o consumo responsable, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso todos os alumnos e alumnas matriculados en escolas de arte e bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Concederanse tres premios de 1.000, 800 e 600 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente, e dous accésit de 300 euros cada un.

Terceira.-Os carteis que concursen terán unhas dimensións máximas de 50x70 centímetros, e estarán montados sobre unha base ríxida, preparados para a súa exposición. A técnica empregada será libre, e os traballos levarán impresa a lenda: consumo responsable.

Cuarta.-O prazo de presentación dos traballos remata o día 15 de novembro de 2006.

Quinta.-Os traballos deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, xunto co modelo de solicitude que figura como anexo desta resolución, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción, dirixidos á presidenta do Instituto Galego de Consumo, xunto cun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudos, nos cales consten os datos do alumno/a, curso e modalidade educativa que realiza.

Sexta.-Os premios que se concedan por unha contía máxima de 3.000 euros (tres mil) faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.513B.640.0 do Instituto Galego de Consumo, na cal existe crédito axeitado e suficiente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006.

Séptima.-A concesión dos premios faraa un xurado composto por:

Presidente: o presidente do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

Vicepresidente: o director xeral de formación profesional e ensinanzas especiais ou persoa en que delegue.

Vogais:

-A xerente do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor/a docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-A xefa de Sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo.

-Un funcionario/a do Instituto Galego de Consumo que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

O xurado, de ser o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

A resolución do xurado, ao abeiro do disposto nesta resolución, esgotará a vía administrativa. Contra esta resolución caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 28/1998, da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencionso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de os interesados poderen exercer, se é o caso, calquera outro, que consideren procedente.

Oitava.-A decisión do xurado será publicada no Diario Oficial de Galicia, e poderá ser declarado baleiro calquera premio anunciado ou, de ser o caso, e se o xurado o determina, seren acumulados entre si ou compartidos.

Novena.-A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos que resulten gañadores, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2006.

Laura Elena Sánchez Piñón Emilio Nogueira Moure

Conselleira de EducaciónPresidente do Instituto

e Ordenación UniversitariaGalego de Consumo