DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 30 de setembro de 2006, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, para premiar as mellores memorias dos proxectos de educación para o consumo na escola, desenvolvidos dentro do marco da Rede de Educación do Consumidor e para a selección de novos proxectos presentados por centros educativos de niveis non universitarios, que desexen incorporarse á citada rede.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) (BOE do número 106 do 4 de maio), determina como principìo da educación, entre outros, a trasmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, e a superación de calquera tipo de discriminación.

No seu artigo 2 sinala como fins do sistema educativo, entre outros, a formación para a paz, o respecto aos dereitos humanos, a convivencia, a cohesión social a cooperación e solidariedade entre os pobos, a adquisición de valores que propicien o respecto cara aos seres vivos e o ambiente, en particular ao valor dos espazos forestais e do desenvolvemento sostible, así como a formación no respecto da interculturalidade como elemento enriquecedor da sociedade.

Igualmente insiste na importancia da preparación do alumnado para o exercicio da cidadanía e para a participación na vida económica, social e cultural, con actitude crítica e responsable.

É indubidable que a educación dos consumidores e consumidoras é o instrumento máis eficaz para promover entre os cidadáns de hoxe e de mañá unha actitude crítica e responsable ante un mercado que se desenvolve cunha gran rapidez, onde os cambios tecnolóxicos dan lugar á aparición constante de novos produtos e servizos que se traducen en novas formas de consumir.

As actividades educativas son un instrumento chave para a construción do movemento das persoas consumidoras con capacidade de incidir para a formulación de propostas no ámbito público e con capacidade de convocatoria para o exercicio das actuacións democráticas da cidadanía.

A educación para o consumo é ante todo unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha

cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades. O Instituto Galego de Consumo ten outorgadas por lei competencias na promoción de actividades encamiñadas a potenciar a educación para o consumo na educación formal, entendida como un proceso educativo continuo e permanente que ten como obxectivo último axudar os individuos a optar pola importancia de ter como meta un modelo social e non un modelo puramente económico, axudando as persoas a desvelar a realidade complexa e cambiante, para poder situarse diante dela e actuar en consecuencia. Considera que a educación para o consumo ten un carácter interdisciplinario e transversal coas principais áreas temáticas: alimentación e saúde, servizos públicos, consumo sustentable, protección legal, economía e comercio internacional, que integran as políticas de protección dos dereitos das persoas consumidoras.

A Rede de Educación do Consumidor é un proxecto no que participan, na actualidade, 16 comunidades autónomas (co apoio da Comisión Europea, o Instituto Nacional del Consumo e o Ministerio de Educación), ademais de varios países de Europa. Os seus obxectivos fundamentais son a realización de actuacións coordinadas de actividades de formación e información destinadas ao profesorado, o intercambio de experiencias (seminarios, cursos, concursos, intercambios nacionais e comunitarios) e a realización de materiais curriculares sobre a educación do consumidor na escola.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación para o consumo responsable nos centros escolares.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Sección primeira

Aspectos xerais

Primeiro.-Obxecto.

1. Esta convocatoria ten por obxecto convocar premios ás mellores memorias dos proxectos educativos, desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de Educación do Consumidor, así como a selección de novos proxectos de centros que desexen incorporarse á citada rede.

Segundo.-Xurado.

1. As memorias e proxectos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado formado por:

Presidente: o presidente do Instituto Galego de Consumo ou persoa na que delegue.

Vicepresidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa na que delegue.

Vogais:

-A xerente do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-A xefa de Sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo.

-Un funcionario/a do Instituto Galego de Consumo que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

2. A decisión do xurado será publicada no Diario Oficial de Galicia. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos ou, no caso dos premios ás memorias presentadas polos centros vinculados á Rede de Educación do Consumidor no curso escolar 2005-2006, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, se as características dos traballos así o permiten.

3. A resolución do xurado, ao abeiro do disposto nesta resolución, esgotará a vía administrativa e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 28/1998, da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro, que coiden procedente.

Terceiro.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación da documentación para ambas as dúas modalidades comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2006.

Sección segunda

Premios ás mellores memorias dos proxectos educativos realizados dentro da Rede de Educación do Consumidor

Cuarto.-Beneficiarios dos premios.

Os beneficiarios dos premios serán os equipos formados por profesorado e alumnado, que dentro dos centros educativos públicos e privados de Galicia estivesen integrados na Rede de Educación do Consumidor durante o curso académico 2005/2006.

Quinto.-Dotación económica.

A contía destinada a premiar as memorias dos proxectos realizados polos centros vinculados á Rede de Educación do Consumidor é de 36.000 euros, dos que o Instituto Galego de Consumo fará o pagamento total.

O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.513B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2006, nos que existe crédito axeitado e suficiente.

A dirección do centro escolar certificará que a contía total do premio se destinará ao finanzamento dos gastos extraordinarios ocasionados co desenvolvemento do proxecto do que se presenta a memoria.

Sexto.-Requisitos das solicitudes.

1. Para concursar nesta modalidade é necesario presentar a memoria do traballo desenvolvido durante o curso escolar 2005/2006. O traballo, ou fase do proxecto trienal que concursa, deberá ser inédito e non premiado ou becado con anterioridade, nin sufragado pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas.

2. A memoria do traballo presentarase redactada en idioma galego, de acordo coa normativa, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word, e as imaxes en JPG. Esta memoria debe ter un máximo de dez folios máis os anexos correspondentes e, nela reflectiranse:

-Obxectivos.

-Contidos desenvolvidos.

-Medololoxía empregada.

-Actividades realizadas

-Datas de realización.

-Enlaces coas seguintes fases do proxecto.

-Dimensión europea.

-Criterios e procedementos de avaliación.

-Valoración do profesorado e do alumnado sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos, agás o alumnado de infantil.

2. Os concursantes presentarán as memorias por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e selada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

3. As memorias dos que se presenten nesta modalidade deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada polo coordinador ou coordinadora do proxecto, segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Anexos en soporte informático, dos materiais producidos, no que se inclúa unha reportaxe fotográfica das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

Sétimo.-Criterios de selección.

As memorias serán avaliadas segundo os seguintes criterios:

Con carácter xeral:

a) Coherencia co modelo de currículo establecido pola Xunta de Galicia.

b) A calidade global do traballo.

c) A concreción dos obxectivos propostos.

d) O carácter innovador, nas metodoloxías e recursos como nos temas que se vaian tratar.

e) A realización dun traballo de campo.

f) A normalizacion do emprego das TIC no desenvolvemento dos proxectos.

g) A participación dun sector significativo do claustro de profesores e do alumnado das distintas etapas e niveis.

h) A coherencia coas fases anteriores e/ou seguintes do proxecto.

i) A calidade do deseño e a presentación.

Oitavo.-Resolución.

O prazo máximo de resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria do Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

Noveno.-Publicación.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados que quedarán na súa propiedade.

A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión do dereito da propiedade intelectual dos traballos, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Décimo.-Certificación.

A Administración educativa poderá recoñecer ao profesorado autor e coordinador dos traballos premiados, se a calidade destes así o xustifica, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas.

Sección terceira

Selección de novos proxectos para a súa incorporación á Rede Europea de Educación do Consumidor

Décimo primeiro.-Destinatarios.

Poderán participar todos os centros educativos de Galicia de niveis de ensino non universitario que

desexen integrarse na Rede de Educación do Consumidor.

Décimo segundo.-Requisitos das solicitudes.

1. Desenvolver un proxecto que deberá tratar sobre distintos aspectos da educación en consumo, e no que deben participar, cando menos, catro profesores do centro durante un período de tres anos.

2. Presentar a solicitude que figura no anexo II.

3. Deberá realizarse o esquema do proxecto de educación para o consumo responsable, seguindo o modelo que figura no anexo III desta resolución, e no que se concretarán, para a primeira fase do proxecto trienal (curso escolar 2006/2007):

-Obxectivos.

-Contidos que cómpre desenvolver.

-Medololoxía que se empregará.

-Niveis educativos aos que vai dirixido.

-Actividades previstas.

-Dimensión europea.

-Criterios de avaliación.

4. Os novos proxectos presentaranse redactados en idioma galego, de acordo coa normativa, en soporte papel e informático, en formato Microsoft Word.

5. Os novos proxectos presentaranse por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción, dirixidos ao presidente do Instituto Galego de Consumo.

6. Os proxectos de traballo que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao presidente do Instituto Galego de Consumo, asinada polo director/a do centro escolar, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

b) Acta do consello escolar do centro, na que conste a aprobación do proxecto. No caso de que un proxecto abranga máis dun centro, xuntarase acta do consello escolar de cada un dos centros.

c) Xuntarase a acta do claustro do centro onde figuren o nome, apelidos e NIF dos profesores participantes e do coordinador ou coordinadores do proxecto.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos nesta convocatoria haberá que aterse ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas as dúas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2006.

Laura Sánchez PiñónEmilio Nogueira Moure

Conselleira de EducaciónPresidente do Instituto

e Ordenación UniversitariaGalego de Consumo