DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de outubro de 2006 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Fisterrae.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Fisterrae, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Carlos González Guitián, na súa calidade de presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, outorgada na Coruña o día vinte e un de xullo de dous mil seis, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, co número de protocolo mil novecentos sesenta e un, por María Rosario Arreba Santamaría, que intervén en nome e representación da entidade mercantil denominada Casitérides, S.L.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto contribuír á mellora das condicións de saúde en Galicia e ao desenvol

vemento da sanidade galega, nos seus medios persoais, reais e procedementais.

4. O padroado da fundación estará integrado por Carlos González Guitián como presidente, Arturo Louro González como vicepresidente e Joaquín Jesús Serrano Peña como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Fisterrae, polo que, dado o seu obxecto e finalidade, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dous de outubro de dous mil seis.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Fisterrae e adscribila á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza