DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 16 de outubro de 2006 Páx. 15.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de outubro de 2006 pola que se clasifica de interese social a Fundación Adolfo Sobrino para el desarrollo y aprovechamiento sostenible de los recursos naturales en Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Adolfo Sobrino para el desarrollo y aprovechamiento sostenible de los recursos naturales en Galicia, con domicilio en Xares-A Veiga (Ourense).

Supostos de feito.

1. José Luis Sánchez Mancebo formulou solicitude de clasificación a efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid, o día vinte e tres de decembro de dous mil cinco, ante a notaria Palmira Delgado Martín, co número de protocolo mil oitocentos cuarenta e tres, por Adolfo Sobrino Murias, Gema Orbegozo Olaizola, Elena Sobrino Orbegozo, María Sobrino Orbegozo, todos eles interveñen no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi emendada por outra posterior outorgada ante a mesma notaria en data vinte e tres de marzo de dous mil seis, co número de protocolo setecentos vinte e dous, que contén a nova redacción dos estatutos da fundación.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar a protección, a conservación e o ordenado aproveitamento sustentable das especies cinexéticas e a defensa do ambiente de Galicia.

4. O padroado da fundación estará integrado por Adolfo Sobrino Murias como presidente, Gema Orbegozo Olaizola como tesoureira, Jorge Bernad Danzberger como secretario e Elena Sobrino Orbegozo e María Sobrino Orbegozo como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Adolfo Sobrino para el desarrollo y aprovechamiento sostenible de los recursos naturales en Galicia, polo que, dado o seu obxecto e finalidade, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dous de outubro de dous mil seis.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Adolfo Sobrino para el desarrollo y aprovechamiento sostenible de los recursos naturales en Galicia adscribíndoa á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza