DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 13 de outubro de 2006 Páx. 15.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2006 pola que se convoca un curso sobre armamento e tiro policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2006, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a celebración dun curso sobre armamento e tiro policial, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 34.4º do Decreto 204/2000, de destreza no manexo das armas regulamentarias.

-Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

-Dominar as medidas de seguridade no manexo da arma e acadar un nivel mínimo de destreza no seu uso.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia de Ourense.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 30 de outubro ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense, Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15): rúa Progreso nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en dúas quendas do 6 ao 10 e do 13 ao 17 de novembro.

Contido.

-Medidas de seguridade coas armas de fogo.

-Prácticas de tiro coa arma regulamentaria:

Técnicas elementais de tiro.

Tiro de precisión.

Tiro instintivo.

Percorridos de tiro.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 2 de novembro a partir das 14.00 horas, tanto pola

Deputación Provincial de Ourense como polo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia e na páxina web http://cexesga.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 41 (Cexesga) ou 988 38 51 42 (Departamento de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense).

Lugar.

O curso desenvolverase na galería de tiro da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ourense.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de setembro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia