DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 13 de outubro de 2006 Páx. 15.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 5 de outubro de 2006 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura convocadas pola Orde do 3 de xaneiro de 2006.

A Orde do 3 de xaneiro de 2006 pola que se modifica a do 17 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e se particulariza para o exercicio 2006 o devandito procedemento, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 7, do 11 de xaneiro de 2006), establece no seu artigo 1 o importe da contía máxima das axudas que ao seu abeiro da mesma poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao amparo da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba de xeito sobrado a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da maior parte das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 1 da Orde do 3 de xaneiro de 2006, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das disposicións orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 3 de xaneiro de 2006 coa finalidade de achegalas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO :

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van a conceder ao abeiro da Orde do 3 de xaneiro de 2006 (DOG nº 7, do 11 de xaneiro)

en 1.016.423,40 euros, con cargo á aplicación 14.03.721B.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos