DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 13 de outubro de 2006 Páx. 15.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

INSTRUCIÓN do 4 de setembro de 2006, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, sobre procedemento administrativo de exixencia de responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados de asistencia sanitaria.

O artigo 106 da Constitución consagra no noso dereito o principio de responsabilidade patrimonial das administracións públicas, materia atribuída á competencia exclusiva do Estado polo artigo 149.1.18.

En desenvolvemento deste precepto, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, refírese no seu título X á responsabilidade das administracións públicas e das autoridades e persoal ao seu servizo, remitindo á vía regulamentaria a regulación dos procedementos que permitan facer efectiva a dita responsabilidade, isto sen prexuízo das

especialidades procedementais que deriven da organización propia de cada comunidade autónoma.

A aprobación do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, que na súa disposición adicional primeira determina para as reclamacións de responsabilidade patrimonial polos danos e perdas causados por ou con ocasión da asistencia sanitaria pública a tramitación administrativa e contencioso-administrativa prevista na Lei 30/1992 e no propio real decreto, obriga a esta Administración a adaptar o referido procedemento ás peculiaridades que presenta a reclamación de responsabilidade patrimonial no ámbito sanitario, o que permitirá unha maior axilidade na tramitación dos expedientes.

Baseándose no anterior, a Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde ditou a Instrución do 16 de setembro de 1997, sobre o procedemento administrativo de exixencia de responsabilidade patrimonial da Administración, por danos derivados da asistencia sanitaria.

Co fin de axilizar no posible a tramitación destes expedientes e tendo en conta ademais os cambios resultantes do novo decreto de estrutura da Consellería de Sanidade operados en virtude do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, resulta aconsellable elaborar unha nova instrución e adaptar este procedemento administrativo ás complexas circunstancias que pon de manifesto.

Por iso, e no exercicio das facultades conferidas polo Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, dítanse as seguintes instrucións:

1. Iniciación do procedemento.

1.1. As solicitudes de iniciación do procedemento de responsabilidade patrimonial poderán presentarse polo interesado, os seus representantes legais ou polos seus herdeiros tanto nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, como nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, as xerencias dos complexos hospitalarios e nas xerencias dos centros de Atención Primaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

1.1.1. Datos mínimos que deben figurar na solicitude:

a) Nome e apelidos do interesado e, se e o caso, da persoa que o represente, así como a identificación do medio preferente ou lugar que se sinale para os efectos de notificacións.

b) Feitos, razóns e petición en que se concrete con toda claridade a solicitude, entre os que se detallarán:

-Centro e dependencia en que se prestou asistencia sanitaria e data de prestación.

-Descrición de danos e lesións producidas, así como a presunta relación de causalidade entre estes e o funcionamento do servizo público.

-Valoración económica da responsabilidade patrimonial, se fose posible, e momento en que a lesión efectivamente se produciu.

-Proposición de proba, concretando os medios de que intente valerse o reclamante.

-Outros datos que considere de interese como profesión, número de afiliación á Seguridade Social, número de tarxeta sanitaria, alegacións, documentos e informacións que coide oportunas.

c) Lugar e data.

d) Sinatura do solicitante ou acreditacion da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.

e) Órgano, centro ou unidade administrativa a que se dirixe.

1.1.2. Documentos que deben achegarse coa solicitude:

a) Documentos en que o reclamante funde a súa pretensión.

b) No caso de non ser o propio afectado quen reclame a indemnización por danos, aqueles documentos que xustifiquen o carácter de representante legal ou de herdeiro do reclamante.

1.1.3. Cando as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas teñan identidade substancial ou conexión íntima e non se formulen nunha única solicitude, poderá acordarse de oficio a acumulación das reclamacións.

1.2. De conformidade co artigo 5 del Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, o expediente poderá iniciarse de oficio por acordo do secretario xeral da Consellería de Sanidade, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia. Nestes casos o acordo de iniciación do procedemento notificaráselles aos particulares presuntamente lesionados, concedéndolles un prazo de 7 días para que acheguen cantas alegacións, documentos ou informacións consideren convenientes ao seu dereito e propoñan cantas probas sexan pertinentes para o recoñecemento deste.

2. Instrución do expediente.

2.1. Recibidas as solicitudes nas dependencias sinaladas no punto 1.1, trasladaranse ao Servizo de Inspección Sanitaria correspondente.

2.2. Sen prexuízo da aplicación do artigo 30.2º do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, o xefe do Servizo de Inspección Sanitaria, no prazo de dous días desde a recepción da solicitude, nomeará instrutor a un inspector médico ou farmacéutico pertencente ao Servizo de Inspección que coordinará as distintas actuacións que se vaian realizar polos diferentes servizos e dependencias que, en cada caso, deban participar no procedemento. En concreto o instrutor procederá a:

a) Comunicarlle ao reclamante, dentro dos dez días seguintes ao da recepción da solicitude no Servizo de Inspección, o prazo máximo normativamente establecido para a resolución do procedemento, os efectos do silencio administrativo e a data de recepción da solicitude no dito rexistro.

b) Remitirlle copia da reclamación á Secretaría Xeral da consellería, ao xefe do Servizo de Xestión, Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda, así como ao xerente de Atención Primaria

ou Especializada, se é o caso, e ao servizo contra o que se presente a reclamación.

Ademais, en caso de que apareza implicado un centro concertado, notificaráselle igualmente a reclamación, con indicación de que deben de comunicarlle o sinistro á súa propia compañía de seguros e facilitarlle ao instrutor do expediente o nome dela, o numero de póliza e cobertura temporal.

c) Examinar as solicitudes e, si estas non reunisen os requisitos sinalados, requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos.

d) Solicitar copia da documentación relacionada coa reclamación existente nas dependencias do Servizo Galego de Saúde sobre o paciente asistido.

e) Solicitar dos centros sanitarios implicados copia compulsada da historia clínica do paciente relacionada co proceso asistencial sobre o que se reclama, con indicación de que esta deberá remitírselle ao instrutor nun prazo máximo de 15 días. Así mesmo, remitirase informe do servizo correspondente, o cal deberá emitirse no prazo sinalado no artigo 10.2º do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

f) Acordar a admisión ou inadmisión dos medios de proba propostos polo reclamante e, cando proceda, practicar ou ordenar, se é o caso, a práctica das probas admitidas. Cando se acorde a inadmisión dun medio de proba deberá quedar constancia no expediente de responsabilidade dos motivos que determinan a inadmisión. No prazo de 30 días practicaranse as probas que fosen declaradas pertinentes.

g) Así mesmo, o instrutor, en calquera momento, poderá solicitarlle á Asesoría Xurídica da dirección provincial cantos informes crea necesarios para formular a correspondente proposta de resolución, nos termos previstos no artigo 82 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

h) Unha vez recibidos os informes anteriores, trasladaranse á Secretaría Xeral da consellería para a súa comunicación ao Servizo de Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda a través da Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios.

i) De conformidade co disposto no artigo 11 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, no caso de continuación do procedemento ordinario, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, o órgano instrutor poñeralles de manifesto aos interesados o expediente para que no prazo de 15 días aleguen o que ao seu dereito conveña, facilitándolles unha relación dos documentos que constan no procedemento, co fin de que poidan obter copia dos que consideren convenientes. No dito trámite, os interesados poderán incluír os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2.3. As anteriores actuacións deberán realizarse no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da reclamación, exceptuándose deste cómputo os períodos de suspensión que se puidesen acordar polo instrutor conforme co disposto no artigo 42.5º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

2.4. Finalizada a tramitación, o instrutor formulará proposta de resolución, remitíndoselle o actuado á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

3. Resolución do expediente.

3.1. Da proposta de resolución, xunto co resto do actuado, daráselle traslado ao Consello Consultivo de Galicia co fin de que, no prazo previsto no Decreto 282/2003, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, se emita o ditame previsto no artigo 12 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

3.2. No prazo de 20 días desde a recepción do ditame do Consello Consultivo, a conselleira de Sanidade ditará resolución de acordo co establecido no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro e 13.2º do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, na cal se pronunciará, necesariamente, sobre a existencia ou non da relación de causalidade entre o funcionamento do servizo público e a lesión producida e, se é o caso, sobre a valoración do dano causado e a contía da indemnización, explicando os criterios utilizados para o seu cálculo. A dita resolución poñeralle fin á vía administrativa sendo recorrible ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3.3. Transcorridos 6 meses desde que se iniciou o procedemento ou o prazo que resulte de engadirlle, ben un período extraordinario de proba, ben os períodos de suspensión acordados polo instrutor ao abeiro do artigo 42.5º de la Lei 30/1992, sen que recaese resolución expresa ou, se é o caso, se formalizase acordo, poderá entenderse desestimada a indemnización ao particular.

4. Procedemento abreviado.

4.1. De conformidade co establecido no artigo 14 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, e en calquera caso antes do trámite de audiencia, cando á vista das actuacións, documentos e informacións do procedemento xeral, o órgano instrutor entenda que son inequívocas a relación de causalidade entre a lesión e o funcionamento do servizo público, a valoración do dano e o cálculo da contía da indemnización, poderá acordar a continuación do procedemento polos trámites previstos para o procedemento abreviado. Do dito acordo deberá darlles conta á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e ao Servizo de Xestión de Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda, para os efectos oportunos.

4.2. A partir dese momento, o expediente tramitarase de acordo co establecido nos artigos 15, 16 e 17 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

5. Queda sen efecto a instrución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 12 de febreiro de 1999, sobre o procedemento administrativo de exixencia de responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados de asistencia sanitaria.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

José Manuel Peña Penabad

Secretario xeral da Consellería de Sanidade