DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 13 de outubro de 2006 Páx. 15.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 4 de outubro de 2006 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Pastora Campos Goldner.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pastora Campos Goldner.

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Pastora Campos Conde, en calidade de presidenta do padroado da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 25 de maio de 2006 en Noia, ante a notaria Ana María Victoria Sánchez, co número 942 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por todos os secretarios xerais, na reunión que tivo lugar o día 24 de xullo de 2006, elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Pastora Campos Goldner.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 27 de xullo de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 162, do 23 de agosto), clasificouse como de interese social a Fundación Pastora Campos Goldner.

Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, dado o seu obxecto, adscribiuse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto, e 454/2005, do 1 de setembro, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a estrutura orgánica do antedito departamento.

Quinto.-Segundo consta nos artigos 6 e 7 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto contribuír á cultura da paz, emprender accións solidarias a favor dos máis necesitados e, en especial, das persoas con limitacións físicas e sensoriais, e incentivar programas de investigación para o desenvolvemento das persoas e os pobos.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre

outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos cales consta a denominación (Fundación Pastora Campos Goldner), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación estará integrado por Pastora Campos Conde como presidenta, Andrés Martínez Alborés como vicepresidente e María Jesús González Campos como secretaria.

Sétimo.-A Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 19 de setembro de 2006.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, é competencia deste departamento a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pastora Campos Goldner, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas polo referido departamento, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ao artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presentar o orzamento de ingresos e gastos ao protectorado con anterioridade ao inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ao protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978; o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia; a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación Pastora Campos Goldner.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso con

tencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar