DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 09 de outubro de 2006 Páx. 15.058

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2006 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de uva.

Con data do 25 de setembro de 2006 o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras asinaron un convenio de colaboración para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de uva, dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para

o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que se anexa a esta resolución e a relación de entidades que o subscribiron que figura como modelo VI.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2006.

José Antonio Delgado Arce

Director xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e... para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as Pemes galegas produtoras de uva:

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2006.

Este convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio e, doutra parte, por... (en diante, a entidade financeira), representado por... con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que.

I. A produción de uva para a elaboración de viño ten un carácter estacional e está suxeita a unha elevada incerteza pola súa dependencia do medio natural. Esta

dependencia dá lugar a acusadas oscilacións na produción de uva nas distintas denominacións de orixe. As adegas vense pola súa vez condicionadas polas oscilacións da oferta de materia prima.

II. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) asemella ser un instrumento axeitado para facilitar o financiamento de canles de distribución da uva cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras, evitando aos produtores soportar cargas financeiras que poderían deteriorar gravemente a súa economía.

III. Os acusados cambios experimentados tanto na produción de uva como na de viño nas últimas décadas non foron acompañados de cambios da mesma magnitude nos patróns que rexen as transaccións entre viticultores e adegas. Neste marco as transaccións entre viticultores e adegas dan lugar a un mercado caracterizado pola falta de transparencia que o afastan da concorrencia perfecta. Este convenio pretende favorecer a transparencia do mercado, darlle unha maior estabilidade e equilibrar as relacións entre viticultores e adegas, preténdese impulsar o desenvolvemento das relacións contractuais no sector. Para isto é necesario tomar medidas que apoien a implantación de contratos homologados polo órgano competente da Consellería do Medio Rural.

IV. O Regulamento (CE) nº 1860/2004 da Comisión do 6 de outubro de 2004 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis nos sectores agrario e pesqueiro permite a concesión de axudas neste réxime sempre que non exceda a contía de 3.000 A nun período de tres anos.

V. A este convenio poderanse adherir aquelas entidades financeiras establecidas en Galicia, que así o soliciten dentro dos dez días naturais seguintes ao da súa publicación no DOG.

Por todo o que antecede, as partes, previamente postas de acordo, conveñen en subscribir este convenio de colaboración con suxeición ás seguintes cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto.

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas, para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles facilite ás Pemes galegas produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda da súa produción ás adegas e demais industrias transformadoras, mediante o desconto bancario de letras de cambio aceptadas e obrigas de pagamento á orde asinadas polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas desde o 1 de decembro de 2006 ata o 31 de marzo de 2007.

A liña de desconto terá un límite global máximo de 9 millóns de euros e o seu importe distribuirase entre as entidades financeiras participantes.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios do financiamento.

Poderán acceder ao mecanismo de financiamento previsto neste convenio aquelas pequenas ou medianas empresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea, publicada para os efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), produtoras de uva e con domicilio fiscal en Galicia, directamente ou a

través das asociacións de produtores, que non percibisen axudas en réxime de minimis nos tres anos anteriores por importe superior a 3.000 A.

Cláusula 3ª.-Destino das operacións financeiras.

3.1. As liñas de desconto bancario deberán destinarse a adiantar o 100% do importe das letras de cambio aceptadas e das obrigas de pagamento á orde asinadas por razón da venda de uva facturada entre o 1 de decembro de 2006 ata o 31 de marzo de 2007.

3.2. Os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a seis meses desde a data da factura.

Cláusula 4ª.-Características das operacións de financiamento.

4.1. Unha vez aceptada a operación financeira, a entidade adiantará o 100% do importe da factura que conte cun documento de pagamento aprazado aceptado nas condicións establecidas neste convenio, sen repercutir ao beneficiario ningún custo ou dedución da operación, excluídos timbres, aranceis e impostos vinculados á operación de desconto.

4.2. O Igape compensará ás entidades financeiras os custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións, operacións cunha porcentaxe do 2% do importe descontado a seis meses, ou un 0,01111% por día natural no caso de descontos a un prazo inferior. Este importe non poderá superar por empresa beneficiaria a contía de 3.000 A ou, a inferior que se declarase no caso de ter percibido axudas en réxime de minimis nos últimos tres anos.

4.3. No caso de que o cliente do beneficiario adiantase o pagamento da venda, a entidade financeira deberá notificar tal circunstancia ao Igape, procedendo ao reintegro da parte proporcional dos custos financeiros non soportados pola entidade colaboradora.

Cláusula 5ª.-Tramitación das solicitudes.

5.1. As empresas produtoras de uva interesadas, que reúnan os requisitos establecidos neste convenio, dirixirán a súa solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ao convenio.

5.2. As entidades financeiras analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións aprobadas. No caso de denegación das solicitudes, notificarán ao Igape os seus motivos, co fin de que o instituto proceda a notificalo ao solicitante para, de ser o caso, que este poida designar unha nova entidade financeira.

5.3. Previamente á disposición dos fondos descontados, a entidade financeira colaboradora deberá requirir do beneficiario a seguinte documentación:

-A acreditación da condición de produtor de uva mediante copia da Cartilla de viticultor do Consello Regulador.

-Copia do contrato asinado entre o viticultor e a adega, segundo modelo homologado polo órgano competente da Consellería do Medio Rural.

-A declaración da condición de PEME da solicitante, segundo o modelo I deste convenio.

-A declaración de axudas en réxime de minimis, segundo o modelo II deste convenio.

-Copia do CIF ou NIF do solicitante.

-A factura orixinal e o documento de pagamento aprazado aceptado polo cliente do beneficiario, que cumpran os requisitos establecidos no convenio.

-No caso de descontos efectuados pola asociación de produtores: a relación de primeiros produtores relacionada coas vendas.

5.4. A entidade financeira conservará e custodiará á disposición do Igape a documentación citada anteriormente, segundo o establecido na cláusula 6.3 deste convenio.

Cláusula 6ª.-Compromisos dos partícipes no convenio.

6.1. O Igape comprométese a:

a) Realizarlles ás entidades financeiras, en concepto de compensación de custos, as achegas establecidas neste convenio por cada operación financeira xustificada correctamente.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións e difundir este programa entre os posibles beneficiarios.

6.2. As organizacións representativas dos intereses dos produtores poderán colaborar establecendo os procedementos internos que resulten necesarios para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

6.3. As entidades financeiras adheridas comprométense a:

a) Conceder as operacións financeiras nos termos e condicións establecidas neste convenio ou xustificar, diante do Igape, os motivos da súa denegación segundo o modelo III deste convenio.

b) Manter á disposición do Igape a documentación relativa aos requisitos dos beneficiarios e ao destino da operación financeira durante un prazo de, polo menos, cinco anos desde a disposición dos fondos, e remitirlle ao Igape as aclaracións que solicite respecto destes.

c) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento aos produtores galegos de uva, e colaborar na difusión deste programa.

d) Para efectos dun axeitado seguimento do convenio, emitir informe por solicitude do Igape, sobre as operacións concedidas e denegadas.

Cláusula 7ª.-Liquidación das achegas do Igape ao convenio.

7.1. Previamente á disposición dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación (a acreditación da condición de produtor de uva mediante copia da Cartilla de viticultor do Consello Regulador, copia do contrato asinado entre o viticultor e a adega segundo modelo homologado polo órgano competente da Consellería do Medio Rural, declaración de condición de PEME, facturas e documentos de pagamento) que acredite a condición de beneficiario, a operación de venda e o instrumento para o seu pagamento aprazado.

7.2. Antes do 15 de abril de 2007, as entidades financeiras remitiranlle ao Igape unha certificación asinada por apoderado con poder suficiente comprensiva das operacións de desconto acollidas a este convenio, dentro dos importes máximos previamente autorizados polo Igape, e que reflictirá polo menos: beneficiario, cliente, importe, data da factura, data de desconto, e data do vencemento do documento de pagamento xirado para o seu aboamento, segundo o modelo IV deste convenio.

No caso dos descontos a favor das asociacións de produtores, xuntarase para cada operación, unha relación dos primeiros produtores implicados nas vendas facturadas.

7.3. O Igape procederá ao pagamento das liquidacións correspondentes nos quince días seguintes a aquel en que recibise as correspondentes liquidacións.

Cláusula 8ª.-Control.

8.1. Tanto as entidades financeiras como os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio.

8.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións deste convenio respecto das obrigas de depósito e custodia de documentación e comprobación do destino dos fondos, para algunha das operacións financeiras acollidas a el, procederá o reintegro das cantidades percibidas polas entidades financeiras, xunto cos xuros de demora producidos desde o seu pagamento.

8.3. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu recobramentoo, se é o caso, a vía executiva.

Cláusula 9ª.-Denuncia do convenio.

9.1. Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas, tras a denuncia cun mínimo de 30 días de aviso previo.

9.2. A resolución do convenio suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa contraídas por calquera das partes.

Cláusula 10ª.-Adhesión de entidades financeiras ao convenio.

10.1. As entidades financeiras establecidas en Galicia que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e nos seus anexos e manifesten o seu interese en colaborar no ámbito deste, poderán instar a súa adhesión perante o Igape dentro dos 10 días seguintes á entrada en vigor do convenio.

10.2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como modelo V a este convenio. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

Cláusula 11ª.-Seguimento do convenio.

O Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a axeitada coordinación entre os partícipes do convenio e resolverá todas as incidencias que poidan xurdir da interpretación das súas cláusulas.

Cláusula 12ª.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e co límite das dotacións orzamentarias aprobadas o Igape atenderá as solicitudes presentadas ata o 31 de marzo de 2007 nas entidades financeiras adheridas.

Cláusula 13ª.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas neste convenio financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.01/06/11.656700 cun crédito plurianual de 50.000 A para o exercicio de 2006 e de 130.000 A para o exercicio de 2007.

Cláusula 14ª.-Natureza.

Este convenio ten natureza administrativa, correspondendo ao presidente do Igape a interpretación do seu contido.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2006.

Pola entidade financeira,Polo Igape:

...

Asdo.:...Asdo.: José Ramón Fernández Antonio

DNI:...Presidente do Igape

MODELO VI

Relación de entidades financeiras adheridas

-Caixas:

Caixa Galicia.

Caixanova.

Caixa Rural Galega.

Caja España.

La Caixa.

-Bancos:

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.

Banco de Galicia.

Banco Español de Crédito.

Banco Espírito Santo.

Banco Gallego.

Banco Pastor.

Banco Popular.

Banco Sabadell.

Banco Caixa Geral, S.A.

Banco Santander Central Hispano.

Banco Etcheverría.