DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 09 de outubro de 2006 Páx. 15.041

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2006 pola que se resolve o concurso escolar de ideas sobre a imaxe do deporte galego por medio da utilización de símbolos que permitan a súa identificación pública.

O artigo 6, así como as disposicións adicional e derradeira da Orde do 7 de marzo de 2006, reguladora do concurso escolar de ideas sobre a imaxe de deporte galego, dispoñen que ao director xeral para o Deporte, por delegación da conselleira de Cultura e Deporte, lle corresponderá ditar resolución nun prazo máximo de seis meses a partir da publicación.

Vistas as conclusións contidas na acta da sesión celebrada o dezanove de xuño de dous mil seis, pola comisión de selección prevista para tal efecto, no artigo quinto da orde anteriormente mencionada,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar gañador do primeiro premio da modalidade A, o traballo presentado baixo o pseudónimo de Augusto, sendo o título da obra Polbo Sport, pertencente ao CEIP de Tenorio, de Poio (Pontevedra), sendo o seu autor, Alberto Quinta Taboada.

Segundo.-Outorgar dous accésit para os dous mellores traballos da modalidade A, que de seguido se identifican:

-Título da obra: Cangre Crash.-Centro ao que pertence: Novo CEIP- Monforte de Lemos (Lugo).-Autora: Irene Álvarez Vázquez.

-Título da obra: O deporte é vida, practícao.-Pseudónimo: Heidi.-Centro ao que pertence: CEIP Pepe de Xan Baña-Santa Comba (A Coruña).-Autora: Lara Mariño Amarelle.

Terceiro.-Outorgar mencións de honra a todos aqueles traballos presentados en que se optase pola utilización do polbo como mascota do deporte galego, circunstancia que concorre nos traballos presentados por diversos nenos e nenas, atopándose esta relación nas dependencias da Dirección Xeral para o Deporte, ao non ser factible a súa publicación neste diario por mor do elevado número de traballos coincidentes a relacionar.

Cuarto.-Declarar deserto o premio correspondente á Modalidade B, ao considerar que ningún dos traballos presentados lograron acadar o nivel exixible.

Quinto.-Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día

seguinte ao da súa publicación, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2006.

P.D. (Orde 7-3-2006)

Santiago Xosé Domínguez Olveira

Director xeral para o Deporte