DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 09 de outubro de 2006 Páx. 15.041

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 2 de outubro de 2006 pola que se modifica o artigo 8 das ordes do 9 de marzo de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 22 de marzo), pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a corporacións locais para adecuación e modernización de equipamentos comerciais, e do 10 de marzo de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 22 de marzo), pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2006, de subvencións a corporacións locais para actuacións de vertebración do comercio urbano, en réxime de concorrencia competitiva.

Pola Orde do 9 de marzo de 2006 aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións a corporacións locais para adecuación e modernización de equipamentos comerciais, en réxime de concorrencia competitiva, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2006.

Pola Orde do 10 de marzo de 2006 aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións a corporacións locais para actuacións de vertebración do comercio urbano, en réxime de concorrencia competitiva, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2006.

No artigo oito das devanditas ordes establécese que as subvencións concedidas se farán efectivas unha vez que presente o beneficiario a documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención, con data límite o día 31 de outubro de 2006.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo, polo que

DISPOÑO:

A modificación, no referente ao prazo de presentación da documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención, do artigo oito das ordes do 9 de marzo de 2006, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2006, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a corporacións locais para adecuación e modernización de equipamentos comerciais, e do 10 de marzo de 2006, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2006, de subvencións a corporacións locais para actuacións de vertebración do comercio urbano, en réxime de concorrencia competitiva, do seguinte xeito:

O prazo establecerase na resolución de concesión de cada axuda que, en todo caso, non poderá ser posterior ao 30 de novembro de 2006.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria