DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 09 de outubro de 2006 Páx. 15.040

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 29 de setembro de 2006 pola que se modifica a do 17 de marzo pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

No Diario Oficial de Galicia nº 60, do 27 de marzo de 2006 publicouse a Orde do 17 de marzo de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

No artigo 15 parágrafo primeiro da devandita orde establécese que a presentación da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto da subvención poderá realizarse ata o día 3 de novembro de 2006, inclusive.

Tendo en conta que o elevado número de solicitudes motivou un dilatado proceso de revisión administrativa dos respectivos expedientes, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

Na súa virtude, e en uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 15 parágrafo 1º da Orde do 17 de marzo de 2006 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006 que queda redactado como a seguir se expón:

«Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 20 de novembro de 2006, inclusive».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria