DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 03 de outubro de 2006 Páx. 14.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2006 pola que se publican os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de delegación de competencias no seu presidente e no director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

A importancia crecente que se outorga á mellora da calidade do sistema universitario redunda, consecuentemente, nun progresivo aumento das atribucións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Tendo en conta esta realidade, e co fin de conseguir a máxima axilidade posible na tramitación dos expedientes de distinta natureza e para fomentar a eficacia e a calidade na prestación dos servizos que ofrece a Axencia, faise preciso unha reestruturación funcional, a través da correspondente delegación.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e coas limitacións nela previstas, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, procedeu a acordar a correspondente delegación de competencias.

Estas delegacións de competencias, a teor do establecido no punto 3º do artigo 13 da Lei 30/1992, débense publicar no Diario Oficial de Galicia, polo que, unha vez reunido o Consello de Dirección, na súa virtude

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Acórdase a delegación no presidente do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia das seguintes competencias que corresponden ao Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia:

-As convocatorias para a avaliación ou informe para a contratación como profesor universitario polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia previsto polo Decreto 270/2003, do 22

de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

-As convocatorias para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas aos complementos regulados polo Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Artigo segundo.-Acórdase a delegación no director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia das seguintes competencias que corresponden ao Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, en relación aos distintos procedementos administrativos tramitados ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia:

a) Adopción de resolucións de arquivo de expedientes por presentación de solicitudes fóra de prazo.

b) Adopción de resolucións acordando ter por desistido o solicitante, e conseguinte arquivo de expediente, por non achegar a documentación requirida para efectos de emenda, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

c) Adopción de resolucións de inadmisión de expedientes por incumprimento de requisitos formais.

d) Comunicación da cualificación automática sinalada no artigo 1.2º da Orde do 18 de agosto de 2005, pola que se establecen os requisitos e criterios que outorgan, en determinados supostos, a cualificación automática para ser contratado como persoal docente e investigador polas universidades de Galicia nas figuras de contratado doutor, profesor de universidade privada, profesor axudante doutor e profesor colaborador.

Disposición derradeira

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2006.

Manuel Cecilio Díaz y Díaz

Presidente do Consello de Dirección da Axencia

para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia