DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 03 de outubro de 2006 Páx. 14.809

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de setembro de 2006 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación para a Innovación, a Educación e o Desenvolvemento Deportivo, Social e Cultural, Azkar Lugo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Innovación, a Educación e o Desenvolvemento Deportivo, Social e Cultural, Azkar Lugo, con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. Óscar Hermida Otero, na súa condición de xerente da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Sarria, o día vinte de xullo de dous mil seis, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias co número de protocolo mil cincocentos cincuenta e catro, por José Antonio Orozco Fernández, quen intervén en nome e representación de Transportes Azkar, S.A., José Luis Iglesias Castro, que intervén en nome e representación de Asogal Construcciones, S.L. e Manuel Vázquez Pedrouzo quen intervén en nome e representación de Construcciones Pedrouzo, S.L.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar a práctica e a promoción do deporte en todos os ámbitos e especialidades, así como o fomento da cultura e a tradición das actividades lúdico-deportivas. Tendrá así mesmo, como un dos fins fundamentais a protección e promoción do deporte de base e a canteira.

4. O padroado da fundación estará integrado por Luis Fernández Somoza como presidente, Manuel Vázquez Pedrouzo como vicepresidente, José Luis Iglesias Castro como secretario, Manuel Jesús Vázquez Corredoira como vicesecretario e José Antonio Orozco Fernández como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación para a Innovación, a Educación e o Desenvolvemento Deportivo, Social e Cultural, Azkar Lugo, polo que dado o seu obxecto e finalidade, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa cla-

sificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil seis.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación para a Innovación, a Educación e o Desenvolvemento Deportivo, Social e Cultural, Azkar Lugo adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza