DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 02 de outubro de 2006 Páx. 14.787

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2006, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 378 que afecta o monte da Porreira e Couto, da comunidade de Cabanude, A Curra e A Noveira da parroquia de Arcos, concello de Mazaricos.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de xullo de 2006, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidenta: Olga Mª García Agra (delegada provincial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

-José J. Martel Muñoz-Cobos (xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais).

-Juan Ramón Beneyto Bellas (avogado polo colexio da provincia).

-Alfonso Vázquez-Castro Garma (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

-José Manuel Caramés Franco (representante das comunidades propietarias de montes cualificados da provincia).

-Manuel Rodríguez Beiro e Manuel Conde Blanco (vogais representantes da Comunidade de Cabanude, A Curra e A Noveira, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos).

-Secretaria: J. Amalia Lorenzo Penela (xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da delegación do Medio Rural).

Na cidade da Coruña, sendo o día 18 de xullo de 2006, coa asistencia das persoas á marxe citadas reúnese no 3º andar do edificio administrativo Monelos o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña co obxecto de estudar e resolver o seguinte expediente:

Expediente nº: 378.

Monte: da Porreira e Couto.

Comunidade: Cabanude, A Curra e A Noveira.

Parroquia: Arcos.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1. Manuel Rodríguez Beiro, como presidente da xunta promotora de cualificación do monte da Porreira e Couto, solicitou con data de rexistro de entrada do 29 de abril de 2002, a súa declaración como veciñal dos lugares de Cabanude, A Curra e A Noveira, e que ten as seguintes características:

Superficie: 21,10 ha.

Linderos:

É parte do monte Pedregal e Ruña, nº 103-H del C.U.P.

Parcela I. Superficie: 17,60 ha.

Norte: con monte do lugar de Enxilde, do piquete 118 do deslindamento segue en liña recta ao punto denominado Porreiras de Abaixo, de aí ao Petón Grande, e deste ao punto de intersección coa liña trazada desde os piquetes 113-114. Leste: con máis monte Pedregal e Ruña, do punto anterior segue

en liña recta ata o piquete 114. Sur: remata en punta no piquete 114. Oeste: muro que o separa de propiedades particulares de Cabanude e A Curra, do piquete 114 ao 118 seguindo a orde de piquetes.

Parcela II. Superficies: 3,50 ha.

Norte: propiedades particulares de Cabanude e A Curra. Do piquete 108 ao 112, seguindo a orde de piquetes. Leste: máis monte Pedregal e Ruña, do piquete 112 en liña recta ata o piquete 104. Sur: propiedades particulares de Cabanude e A Curra, do piquete 104 ao 105. Oeste: propiedades particulares de Cabanude e A Curra, do piquete 105 ao 108 seguindo a orde de piquetes.

2. O promovente fundamenta a súa petición ante o xurado, en que a comunidade veciñal constituída polos veciños dos lugares de Cabanude, A Curra e A Noveira, parroquia de Arcos, que viñan aproveitando de forma consuetudinaria en réxime de comunidade sen asignación de cotas segundo os usos e costumes, o monte correspondente aos ditos lugares. Presenta acta fundacional da xunta promotora, deslindantome do monte, relación de comuneiros, acordo do Pleno do Concello de Mazaricos, mostrando a súa conformidade coa petición de comunal do monte de Transval e copia da escritura de convenio sobre partición de montes forais de 1896.

3. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 29 de maio de 2002, acordou iniciar o oportuno expediente nomeando como instrutor del, a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, e librouse mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, téndose oído a todas as persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ao alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, ao xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia (nº 239, do 12 de decembro de 2002), e taboleiro de anuncios do concello.

4. Con data de entrada do 25 de novembro de 2003 Manuel Rodríguez Beiro presenta escrito en que en resumo manifesta que en relación ao monte da Porreira e Couto foi promovido no seu día ante a Consellería de Medio Ambiente un expediente de segregación de terreo do couto privado de caza O Halcón, resultando necesaria a cualificación como veciñal en man común e validar a cesión de dereitos cinexéticos efectuados no seu día a favor da sociedade de cazadores monte da Ruña.

5. Con data do 9 de xaneiro de 2003 (R/E 527) Manuel Conde Blanco, comuneiro, presenta escrito de alegacións polo que solicita que se modifiquen os datos de descrición da parcela 1ª. Acompaña título de deslindamento outorgado por varios veciños da parroquia de Arcos en 1896 no cal figura co nome de Monte Val, e o plano indicando o contorno do monte. En escrito posterior, do 10 de xaneiro, manifesta que a descrición non afecta o monte Seixo e Fial de Lamas do lugar de Enxilde-Arcos (exp. 376).

6. Con data do 15 de xaneiro de 2003 (R/E 1197) Manuel Caamaño Pais, en nome e representación da Sociedad de Caza y Pesca El Halcón, presenta escrito de alegacións, manifestando o que estima conveniente aos seus intereses e a súa disconformidade absoluta co presente expediente, solitando o seu arquivo.

7. Con data do 18 de febreiro de 2003 (R/E 2003/110) o Concello de Mazaricos presenta escrito en que consta que o monte en cuestión figura incluído dentro do monte Pedregal e Ruña, nº 103-H do C.U.P. e que a parcela 1 do monte Pedregal e Ruña figura no inventario de bens do concello, dentro do cal está incluído o monte Porreira e Couto. Remite así mesmo certificacións de empadroamento.

8. Con data do 19 de febreiro a xefa do Servizo de Montes e Industrias Forestais remite ao xurado informe do 17 de febreiro do xefe da área técnica de montes veciñais en man común no cal, entre outras cousas, e en resumo, fai constar que coa cartografía que figura no expediente non se pode identificar a parcela, xa que no plano incluído na solicitude a parcela I carece de referencia xeográfica para todo o seu perímetro, descoñécendose en concreto a dos puntos chamados «Porreiras de Abaixo» e «Petón Grande», polo que deberán arranxar esta deficiencia. Informa así mesmo que existe unha permuta que afecta a parcela I, xa que se lle engade un trisco de 0,42 ha ao monte Pedregal e Ruña (C.U.P.103-H) entre os piquetes 117 e 118, o que deberían incluír na solicitude e no devandito levantamento topográfico.

9. Con data do 15 de xuño de 2004 (R/E 113605) Manuel Rodríguez Beiro, actuando como presidente da xunta promotora presenta escrito no cal manifesta, entre outras cousas, que mostra a súa conformidade co contido da reclamación efectuada por Manuel Conde Blanco, con respecto aos lindeiros do monte do Val (tamén coñecido como monte Ruña). En canto á documentación remítese á que achegou tanto no escrito de solicitude inicial, como con posterioridade. Termina solicitando que se acorde proceder á declaración como veciñal en man común de todos os terreos aos que se refire a súa solicitude, coas correccións indicadas no escrito de reclamación promovido por Manuel Conde Blanco.

10. Con data do 28 de marzo de 2005, o xefe da área técnica de montes veciñais en man común emite informe, no cal entre outras cousas, consta que o monte da Porreira e Couto forma parte do monte Pedregal e Ruña nº 103-H C.U.P., que existen antecedentes de reclamación de propiedade, sen que conste que tiveron consecuencias na súa superficie, e establece así mesmo os límites do monte, os cales veñen reflectidos tanto na información xeorreferenciada coma no plano de levantamento topográfico achegados polos promotores o 21.07.2004 (1), na información xeorreferenciada e no seu plano o levantamento topográfico, xuntados polos promotores do expediente 376 o 18.05.2004 (2) e no devandito deslindamento do monte orixinal Pedregal e Ruña;

de xeito que varían, o mesmo que a superficie solicitada, en comparanza co pedido inicialmente o 28.04.02 (3).

Consonte a devandita documentación (1), (2), (3), a descrición de límites da solicitude e informe do distrito ambiental V (4) e o deslindamento, resultan as seguintes características e extremas definitivas do monte en cuestión:

Monte: da Porreira e Couto.

Comunidade: Cabanude, A Curra e A Noveira.

Parroquia: Arcos.

Concello: Mazaricos.

Superficie: 35,70 ha.

Lindeiros:

É parte do monte Pedregal e Ruña, nº 103-H do C.U.P.

Parcela I:

Norte: co monte veciñal en man común Seixo e Fial de Lamas (exp. 376), por unha liña recta que une un punto situado no cómaro que separa o monte dos particulares de Enxilde, Cabanude e A Curra, o que se atopa a 102 m ao nordés do piquete 119 sobre a liña de deslindamento que vai do chanto 119 ao chanto 118 deica o punto Porreiras de Abaixo (vértice 9 do plano do levantamento topográfico (2)), e deste último segue na liña que marca un anaco de cómaro que se atopa no monte ao final do muro de Fial de Lamas no punto Petón Grande (vértice 5 do plano do levantamento topográfico (2), este cómaro abrangue tamén os vértices 8, 7 e 6 do mesmo levantamento topográfico. O válido é o levantamento topográfico (2), xa que logo o expediente 376 xa foi resolto como veciñal en man común o 15.11.04), e deste último segue en liña recta deica o chanto 17.

Leste: limita coa liña que vai do chanto 17 ao 19 do deslindamento do orixinal monte Pedregal e Ruña, e do 19 ao punto denominado Fonte do Cando (as coordenadas UTM europeum datum 1950 do cal están definidas no levantamento topográfico (1).

Sur: limita coa liña que une o vértice Fonte do Cando aos chantos 116 e 115.

Oeste: limita coa liña que une os chantos do 115 ao 118 (incluíndo a permuta pola que se lle engadiu un trisco de 0,42 ha ao monte Pedregal e Ruña (C.U.P. 103-H) entre os chantos 117 e 118, e do 118 péchase a poligonal desta parcela no devandito punto situado no cómaro que separa o monte dos particulares de Enxilde, Cabanude e A Curra, o que se atopa a 102 m ao nordés do piquete 119 sobre a liña de deslindamento que vai do chanto 119 ao chanto 118.

A superficie definitiva desta parcela é de 32,20 ha no canto das 17,60 ha que constan na solicitude de informe a este servizo (case que o dobre, ao se correr a estrema cara ao leste).

Parcela II: superficie: 3,50 ha.

Norte: propiedades particulares de Cabanude e A Curra. Do piquete 108 ao 112, seguindo a orde de piquetes. Leste: máis monte Pedregal e Ruña, do piquete 112 en liña recta ata o piquete 104. Sur: propiedades particulares de Cabanude e A Curra, do piquete 105 ao 108 seguindo a orde de piquetes.

Non varían nin as súas extremas nin a súa superficie das da solicitude inicial (ambas as dúas consonte o deslindamento do orixinal monte Pedregal e Ruña).

Achega informe presentado polo distrito ambiental V de Fisterra, do 26 de outubro de 2004.)

11. En virtude do antedito informe de data 28 de marzo de 2005, polo instrutor do expediente Juan Ramón Beneyto Bellas, procedeuse á tramitación correspondente a tal fin, e librouse mandamento, comunicando a modificación de superficie e lindeiros, para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, téndose oído a todas as persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamientos a tal fin dirixidos ao alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia (nº 93, do 16 de maio de 2005), e taboleiro de anuncios do concello.

12. Con data do 3 de xuño de 2005 (R/E 103.811) Silvestre Pérez Lema, José Senra Rodríguez, Antonio Lago Mourelos, Antonio Oreiro Priegue, Antonio Oreiro Ramos, María Formoso Santiago, Antonio Rodríguez Palmier e Manuel Santiago Rodríguez, presentan escrito de alegacións polo que se opoñen á modificación da parcela I pretendida pola comunidade veciñal dos lugares de Cabanude, A Curra, e A Noveira, que é totalmente arbitraria e inxustificada e descoñece os dereitos que ostentan os reclamantes sobre o monte de Filgueira e a vulnerar o acordo convido entre todos con carácter previo á iniciación deste expediente, que foi o que motivou o apoio da corporación de Mazaricos. A modificación unilateral e imprevisible da parcela, unha vez iniciado o expediente, é a manifestación máis clara da improcedencia do dereito dos promoventes.

13. Con data do 4 de outubro de 2005 (R/E 16409) Manuel Rodríguez Beiro presenta escrito solicitando a desestimación das anteditas alegacións, manifestando que foi requirido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais para que emendase as deficiencias observadas polo instrutor. Requirimento que foi cumprido mediante a achega dos documentos que constan referidos en letra manuscrita ao final do citado acto administrartivo de trámite de 17-2-2003, acompañaron así mesmo copia da escritura de convenio sobre partición de montes outorgada por Domingo Formoso Lariño e máis veciños da parroquia de Arcos o 10 de decembro de 1896 e copia da escritura de redención do foro.

14. Con data do 9 de decembro de 2005 (R/E 2005/2048) o Concello de Mazaricos presenta escrito no cal manifesta que o concello, mediante acordo Plenario do 2001, apoiou a solicitude dos veciños para a clasificación do monte de Trasval, pero que o incremento de superficie da parcela 1 que figura no escrito de modificación de superficie e lindeiros afecta o resto do monte Ruña da parroquia de Arcos (de titularidade municipal), polo que debería pronunciarse novamente o Pleno.

15. Con data do 20 de xuño de 2006 o xefe da área de montes veciñais en man común presenta novo informe en relación coa reclamación presentada polos veciños de Figueiras o 3 de xuño de 2005.

16. No trámite de audiencia, celebrado o día 18 de xullo de 2006, os promoventes reiteran a solicitude de clasificación incluíndo nela a ampliación da parcela I, opoñéndose os veciños do lugar de Figueiras que se ratifican, en síntese, nas súas alegacións que constan no expediente. Pola súa parte a Sociedad de Caza y Pesca El Halcón manifesta que ten concedidos polo concello aproveitamentos cinexéticos.

17. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (DOG nº 202, do 20 de outubro) e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro (DOG nº 186, do 23 de setembro) ambos os dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdición e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da comunidade de Cabanude, A Curra e A Noveira son parte lexítima para solicitar a iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros da cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2, 3 da Lei 13/1989 e 1, 2, 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Consta o antedito informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais do 28 de marzo de 2005, ao que se achega informe presentado polo distrito ambiental I, do 26 de outubro de 2004, no cal, entre outros extremos, consta que non se ten constancia de actos de posesión ou ocupación en todo o monte, de modo que non existen nel liñas eléctricas, parques eólicos, captacións, canalizacións, prados, terreos agrícolas ou plantacións forestais e que tampouco existen outros aspectos físicos salientables. Cabe destacar a presenza esporádica de gando cabalar pastoreando libremente no monte ou rabaños de vacún recollidos diariamente polos seus propietarios, que en ningún dos casos pertence aos veciños do lugar.

Infórmase, así mesmo, que se ten constancia de que tradicionalmente os veciños do lugar veñen realizando consuetudinariamente e en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os típicos aproveitamentos de matos para camas de gando ou recollida de pedras para construción de muros, e que o monte se considera raso en toda a súa superficie, estando a súa vexetación composta por mato de toxos e xestas nas zonas de valgada.

5. Das actuacións que figuran no expediente e en especial dos informes anteriormente referidos, dedúcese que no presente caso nos atopamos cun monte pertencente á comunidade veciñal de Cabanude, A Curra e A Noveira, da parroquia de Arcos, do concello de Mazaricos no que se cumpren os requisitos anteditos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes,

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal de Cabanude, A Curra e A Noveira, da parroquia de Arcos, do concello de Mazaricos, o denominado monte da Porreira e Couto, cos lindeiros, superficie e características que figuran no antecedente décimo desta resolución e tal como foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 93, do 16 de maio de 2005.

Así mesmo, acórdase excluír o declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no rexistro de montes veciñais en man común que figura na delegación desta Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 12 de setembro de 2006.

Olga María García Agra

Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña