DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 02 de outubro de 2006 Páx. 14.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 171/2006, do 14 de setembro, polo que se modifica o Decreto 222/2001, do 7 de setembro, polo que se cede, a título gratuíto, unha parcela ao Concello de Santiago de Compostela, situada en San Lázaro, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

En virtude dos compromisos asumidos polo convenio de cooperación urbanístico asinado con data do 29 de xullo de 1996 entre a Consellería de Economía e Facenda e o Concello de Santiago de Compostela, acordouse, por Decreto 222/2001, do 7 de setembro (DOG nº 188, do 27 de setembro) a cesión a título gratuíto, a favor do Concello de Santiago de Compostela dunha parcela situada en San Lázaro, termo municipal de Santiago de Compostela, con destino a uso público municipal (equipamento deportivo, espazos libres e vías complementarias).

Posteriormente, mediante addendas ao referido convenio de cooperación urbanística asinadas o 9 de xuño e o 19 de decembro de 2005, acordouse que as obras das instalacións deportivas executarías a Consellería de Economía e Facenda, e non o concello, como estaba inicialmente previsto.

Na aceptación da cesión realizada polo Concello de Santiago de Compostela o 24 de outubro de 2005, poñense obxeccións á condición establecida na letra b) do artigo 2 do Decreto 222/2001, por fixar un prazo para aplicar o ben cedido ao fin da cesión contados desde a data de outorgamento da escritura pública, dado que finalmente as obras as executará a Consellería de Economía e Facenda.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 11/1988, do 20 de outubro,

de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar a letra b) do artigo 2 do Decreto 222/2001, do 7 de setembro, polo que se cede, a título gratuíto, unha parcela ao Concello de Santiago de Compostela, situada en San Lázaro, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), que quedaría coa seguinte redacción:

b) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado a partir da data de entrega das obras, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, catorce de setembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda