DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 02 de outubro de 2006 Páx. 14.746

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 20 de setembro de 2006 pola que se inclúen varios concellos na zona territorial 1 do anexo do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.

De conformidade co disposto na disposición adicional segunda do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, esta consellería está habilitada para modificar a inclusión de concellos nas zonas 1 e 2.

A inclusión dun concello nunha ou noutra zona afectará tanto á fixación do prezo máximo por metro cadrado das vivendas de protección autonómica como á determinación do nivel de ingresos da unidade familiar que se terá en conta para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder ás vivendas e ás axudas.

Os concellos de Oroso, Pontecesures e A Illa de Arousa foron integrados na zona territorial 2. Non obstante, advírtese que pola súa situación, se vén incrementando a demanda de vivendas así como dos seus prezos por metro cadrado. Por todo o cal, esta situación fai aconsellable incluílos na zona territorial 1.

En virtude do anterior e con base nas competencias que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo único.-Que nas zonas territoriais establecidas no anexo I do Decreto 18/2006, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, se inclúan os concellos de Oroso, Pontecesures e A Illa de Arousa entre os concellos incluídos na zona territorial 1.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo