DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.736

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BOQUEIXÓN

ANUNCIO.

Tramitado o correspondente expediente de declaración de impacto ambiental do Plan de Sectorización do Solo Rústico apto para urbanizar de uso industrial ( SAUI-2) e obtida a citada declaración, en cumprimento do establecido no artigo 5, punto 7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro de 1990, de avaliación de impacto ambiental de Galicia, faise pública para o cal se transcribe literalmente o resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada:

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada

Fase de execución.

a) Atmosfera.

1. Realizarase un control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terras, evitando principalmente traballar con ventos fortes durante períodos secos, e procederase á rega das superficies afectadas polos ditos movementos.

2. Realizarase un control das emisións gasosas producidas pola maquinaria. Esta deberá contar co correspondente permiso de circulación e, se é o caso, certificado da Inspección Técnica de Vehículos.

3. Os camións empregados no transporte de terras e materiais contarán con sistemas de protección que minimicen ou eviten a dispersión de finos e partículas durante o transporte. Realizarase o recubrimento das materias que se van transportar mediante lonas, transportes pechados ou outros métodos. No caso de que os vehículos non posúan as citadas medidas protectoras adoptaranse outro tipo de medidas, como a rega da carga previa ao inicio do transporte.

4. Controlarase a xeración de po nas zonas que requiran o emprego de barrenos ou explosivos.

5. Limitarase a velocidade de circulación dos vehículos en pistas de acceso e zonas sen asfaltar.

6. Prohíbese realizar fogueiras e queimas de calquera material. Se fosen necesarias realizaranse lonxe de produtos inflamables, fóra das zonas con vexetación e coa preceptiva autorización do organismo competente da Xunta de Galicia.

7. Os traballos realizaranse sempre en horario diúrno e programaranse para evitar situacións nas que a acción conxunta de varios equipos cause niveis de ruído elevados durante períodos prolongados de tempo.

8. Realizarase a vertedura de terras desde alturas o máis baixas posible.

9. Toda a maquinaria empregada nos traballos terá pasado as inspeccións técnicas correspondentes e estarán ao día no cumprimento da lexislación vixente en materia de mantemento e correcto funcionamento da maquinaria.

10. Antes do inicio das obras informaranse detalladamente os operarios das medidas que se van tomar para minimizar as emisións sonoras. Os condutores de vehículos e maquinaria de obra adecuarán, na medida do posible, a velocidade dos vehículos.

11. No caso de ser necesaria a realización de voaduras: minimizarase a carga de explosivo por unidade de microrretardo, seccionaranse as cargas dentro dos barrenos e procurarase o seu inicio en tempos distintos, reducirase o diámetro de perforación e acurtamento da lonxitude dos barrenos e disporanse as frontes coa maior superficie libre posible.

b) Edafoloxía, xeoloxía e xeomorfoloxía.

1. Levarase a cabo unha planificación e delimitación das zonas sometidas a actividade, de xeito que só se ocupen os terreos estritamente necesarios.

2. Identificarase e sinalarase a vexetación que se vai conservar.

3. Farase unha delimitación clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, parque de maquinaria, etc., para reducir ao máximo as áreas sometidas a alteración. A delimitación realizarase con anterioridade ao inicio das obras, establecendo un Plan Viario e de Accesos de Obra, co fin de evitar a dispersión de vehículos e maquinaria pola zona.

4. O parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais localizaranse preferentemente sobre a superficie destinada ao viario interior, aparcamentos, e se for necesario, nas áreas de equipamento industrial, pero sempre o máis afastado posible dos terreos destinados á zona verde e do curso do afluente do Sáramo. Establecerase un seguimento e control sobre a adecuación ambiental destas zonas específicas ao longo das obras.

5. Empregaranse as superficies destinadas a viario interior, aparcadoiro e parcelas de equipamento industrial, como lugar de amoreamento temporal dos materiais que van ser empregados na obra.

6. Procurarase aproveitar ao máximo os vieiros existentes.

7. Realizarase unha correcta sinalización de aviso das obras e do viario alternativo.

8. De xeito periódico limparanse de materiais procedentes da obra as estradas polas que circule a maquinaria. Así mesmo, restaurarase ao seu estado orixinal o viario que sufra desperfectos causados polo tránsito de maquinaria pesada da obra.

9. Sempre que sexa tecnicamente posible, recorrerase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria móbil, do seu mantemento e do amoreamento de combustible. No caso de que non sexa posible, habilitarase un lugar axeitado para a realización das tarefas de mantemento, limpeza e repostaxe, non permitíndose a execución destas operacións en zonas distintas ás designadas para o efecto.

10. Programarase a recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. Retirarase a capa superficial de solo (10 cm) e depositarase en parques de almacenamento situados no interior das parcelas destinadas a equipamento industrial. O amoreamento farase en moreas de altura non superior a 2 m, de sección trapezoidal, con noiros de inclinación inferior a 45º e por tongadas de 50 cm de espesor. Evitarase en todo momento o paso de maquinaria por enriba dos amoreamentos e procurarase que non queden na cara superior concavidades esaxeradas que poidan reter a auga de choiva e destruír a xeometría buscada para os amoreamentos.

11. O tempo de almacenamento das moreas ata a súa reutilización será o mínimo posible. Se for necesario levaranse a cabo labores periódicos de mantemento da humidade e aireación das moreas, preservando a súa capacidade agrolóxica. Faranse regas periódicas durante o período estival; en caso de períodos anormais de seca ampliarase a realización de regas a outros períodos.

12. Realizarase a achega da terra vexetal amoreada en obra sobre os noiros e outras superficies alteradas. Executarase un plan de revexetación das zonas sen cobertura vexetal, principalmente noiros e zonas alteradas. Para isto, deseñarase na fase de proxecto de urbanización un proxecto de restauración e integración paisaxística.

c) Residuos e verteduras.

1. As áreas onde se desenvolvan traballos dotaranse de bidóns e outros elementos axeitados de recollida de residuos sólidos e residuos líquidos de obra, así como os residuos xerados polo personal, de xeito que todos os residuos producidos na obra sexan clasificados e segregados na súa orixe, evitando a súa vertedura incontrolada e a formación de posibles focos de contaminación.

2. Tras a súa recollida, os residuos serán tratados en función da súa natureza, entregándose a un xestor autorizado ou levándoos a un vertedoiro autorizado. A situación dos elementos de recollida estará perfectamente sinalizada e en coñecemento de todo o persoal de obra.

3. Residuos asimilables a urbanos en obra:

-Trataranse de xeito similar os residuos sólidos urbanos xerados no concello de Boqueixón.

-Almacenaranse estes R.S.U. en contedores que se instalarán na zona de obras e a súa recollida correrá a cargo dos servizos municipais.

4. Residuos da caixa de urxencias de obra:

-Os residuos da clase II xestionaranse como residuos urbanos.

-Os residuos da clase III serán xestionados por unha empresa autorizada. Realizarase un rexistro dos residuos xerados desta clase.

5. Residuos perigosos: todas as actividades de obra que impliquen a xeración de residuos tóxicos e perigosos disporán dos elementos necesarios para a súa correcta xestión en función da lexislación de aplicación.

6. Instalaranse casetas prefabricadas de obra con tratamento químico dos efluentes. Ao longo das obras realizaranse todas aquelas tarefas de mantemento deste tipo de instalacións que resulten necesarias para asegurar un correcto funcionamento destas. No caso de que as necesidades definitivas do persoal e a duración da obra fixeran insuficiente un tratamento químico, recorrerase a unha fosa fixa, mobible ou unha fosa séptica, instalándose unha ou outra en función da situación ao inicio das obras.

d) As augas.

1. O parque contará cunha zona de lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recollida de efluentes, unha zona de seguridade para o cambio de aceite e repostaxe e unha balsa de sedimentación asociada como medida complementaria que impida que a auga contaminada chegue directamente ao solo. Estas superficies serán obxecto das oportunas tarefas de mantemento mentres dure a obra.

2. Procederase á retirada dos lodos procedentes da balsa e xestionaranse conforme a lexislación vixente.

3. Adquirirase o formigón en plantas autorizadas e non se permitirá que as formigoneiras se desfagan do sobrante nin que limpen as cubas ou ferramentas nas proximidades das correntes de auga. Evitaranse as fugas de formigón e cemento ás augas e adoptaranse as medidas necesarias para evitar calquera vertedura cara ao afluente do Sáramo.

4. Evitarase a localización de materiais de obra nas proximidades do devandito curso, implementando os mecanismos de control necesarios para asegurar que non se producen arrastres de materiais debidos á escorrega. No caso de fortes choivas recubriranse os materiais con lonas e estableceranse medidas axeitadas para evitar calquera tipo de verteduras ou arrastres de materiais cara aos cursos de auga.

5. Durante os movementos de terra evitaranse, sempre que sexa posible, os períodos chuviosos e revexetaranse inmediatamente os desmontes e noiros que presenten risco de erosión.

6. No caso de que se detecte risco de arrastre de sólidos, procederase á implementación dunha canle de drenaxe perimetral que impida a chegada de materiais ao afluente do Sáramo.

e) A vexetación.

1. Adoptaranse as medidas necesarias para a protección fronte aos posibles danos das comunidades vexetais e os seus compoñentes de especial interese situadas nas inmediacións da zona de obras.

f) A fauna.

1. Na fase do proxecto de urbanización estudarase un deseño e localización dos punto de luz que intente minimizar a dispersión da luz tanto cara arriba como cara ao exterior da superficie industrial.

g) A paisaxe.

1. O acondicionamento e integración paisaxística realizarase mediante a execución dun proxecto de restauración.

h) Medio socioeconómico.

1. Procederase a unha correcta sinalización da obra e do viario alternativo.

2. Empregarase a man de obra local, os recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra e os materiais de construción manufacturados polo contorno comarcal.

3. Estableceranse mecanismos deseñados para informar os habitantes de Boqueixón da natureza das obras, duración e finalidade, non descartando a reunión con colectivos veciñais.

4. Restauración do viario afectado polo tránsito de camións con materiais de construción.

i) Medio socioeconómico.

1. Levarase a cabo un seguimento e control arqueolóxico durante as fases de construción que supoñan movementos de terra, en especial a roza da terra vexetal. Este labor será levada a cabo por técnicos que cumpran cos requisitos exixidos pola lexislación vixente.

Fase de explotación.

a) Atmosfera.

1. As actividades que pretendan instalarse no parque deberán cumprir os criterios de prevención e corrección da contaminación atmosférica reflectidos na lexislación vixente.

2. Durante o primeiro ano de funcionamento do parque, realizarase unha campaña de seguimento acústico, adoptando as medidas de control e/ou corrección necesarias á vista dos resultados.

b) As augas.

1. A rede xeral de saneamento do parque está conectada coa rede municipal de saneamento, que ten prevista a construción dunha EDAR para a parroquia de Sergude.

2. As augas residuais non poderán superar os parámetros establecidos na lexislación vixente.

c) Residuos.

1. Levarase a cabo o plan de xestión de residuos e verteduras que se recolle no estudo de impacto ambiental do parque empresarial.

Boqueixón, 1 de setembro de 2006.

Adolfo Gacio Vázquez

Alcalde